Antón Patiño Pérez, nado en Monforte de Lemos o 1 de xaneiro de 1957, é un pintor e escritor galego, coñecido polo seu papel como membro fundador do Grupo Atlántica e a súa obra individual. É vicepresidente do Círculo de Bellas Artes de Madrid e presidente de VEGAP.

Traxectoria Participou na creación da revista Loia (1974-1978) con Manuel Rivas e os irmáns Xosé Manuel e Lois Pereiro. Colaborou xunto a Menchu Lamas no deseño dos libros do grupo poético Rompente (1978-1980), formado por Alberto Avendaño, Antón Reixa e Manolo Romón, e foi membro fundador do Grupo Atlántica, chave na escena pictórica galega dos anos oitenta. Foi membro do consello de redacción da revista de arte e pensamento Microfisuras (1997-2003).

Estabelecido en Madrid, participou activamente como pintor na renovación da arte española na década dos oitenta, como parte de Atlántica e a través da súa inclusión en mostras como 26 Pintores/ 13 Críticos, En el Centro, Periferias, Kunst Aus Spanien, Por la Pintura, Venti Anni Dopo, Los Años Pintados, Tránsito de ideas. Arte en España (1972-1992), Junge Spanische Kunstler, Zeitgenossische Kunst IM a 11 e Spansk Egen-Art.

Expuxo individualmente en España e internacionalmente, e a súa obra atópase nas coleccións do MNCARS, MACBA, CGAC, Fundación La Caixa, MEIAC ou Artium. miniatura|Patiño con lenzos a gran tamaño.

Obra Pintura A súa obra pictórica ten un carácter sensorial e mestura elementos matéricos e simbólicos, incorporando con frecuencia oposicións e antagonismos. Nos seus inicios achegouse ao expresionismo abstracto, dando especial importancia á cor, pero nos oitenta comezou a realizar cadros de gran formato e forte carga conceptual. A presenza destas dúas dimensións na súa obra levou ao crítico Donald Kuspit a describila como "expresionismo conceptual".

A finais dos oitenta realizou a serie Mareas negras (1989), sobre as catástrofes ecolóxicas, e o mar continuou presente en varios dos seus proxectos posteriores. Tamén ten traballado outros formatos como a banda deseñada (Esquizoide, 1978, como parte de Colectivo da Imaxe), o debuxo e o libro de artista.

En 2020 inaugurouse a mostra antolóxica Caosmos no CGAC. miniatura|Antón Patiño Obra teórica Patiño é autor dunha obra teórica e ensaística, centrada no mundo da imaxe e a percepción. Entre elas atópanse obras aforísticas como Xeometría líquida (1992), Mapa ingrávido (1992), que procura reflectir a incerteza e descontinuidade do presente tecnolóxico, ou Escritos de un sonámbulo (2011).

É tamén autor de monografías sobre a obra de Reimundo Patiño (1999, 2005), Urbano Lugrís (2004, 2007), Lois Pereiro (2010, 2011) e Uxío Novoneyra (2010).

Tamén impartiu cursos e conferencias en universidades e centros de arte, e colaborou en revistas como Telos, Arte y Parte, Exit-book, Minerva ou Luzes e prensa xeneralista.

Libros Ensaio Xeometría líquida, 1993, Positivas. Reimundo Patiño: a explosión dun mundo, 1999, Auditorio de Galicia. Urbano Lugrís, 2004, A Nosa Terra. Reimundo Patiño, 2005, A Nosa Terra. Urbano Lugrís (viaxe ao corazón do océano), 2007, Ediciós do Castro.Traducido ao castelán no 2008 como Urbano Lugrís. Viaje al corazón del océano, publicado en Nigra Trea. Lois Pereiro. Radiografía do abismo, 2010, Espiral Maior. Universo Novoneyra: a poética do intre, 2010, Espiral Maior. Lois Pereiro: dicionario de sombras, 2011, Espiral Maior. Todas las pantallas encendidas, 2017, Fórcola. miniatura|Na presentación de Que hostia din os rumorosos? (Rompente) da Libraría Miranda de Bueu o 23/08/2021. Libro no que colaborou como ilustrador.

Poesía Océano e silencio, 2006, Deputación de Pontevedra. Teoría do riso, 2015, Xerais.

Libros artísticos

Esquizoide (cómic experimental, como parte de Colectivo da Imaxe) (1978). Días contra fotocopias (con Antón Reixa y Menchu Lamas) (1987). San Collóns e outros vudús (serigrafías, con relato de Antón Reixa) (1997). Mapa Ingrávido (aforismos, 2005). Haikus da Costa da Morte (gravados, con poemas de Alfonso Armada) (2007).

Obras colectivas Hai suficiente infinito, 1999, Xerais, en colaboración con Xavier Seoane. Neste silencio: Arredor de Uxío Novoneyra, 2000, Noitarenga. Lois Pereiro en 17 voces, 2011, La Voz de Galicia.

Vida persoal Casou coa pintora Menchu Lamas. Ten un fillo, o cineasta Lois Patiño, e unha filla, Cora.

Notas

Véxase tamén

Bibliografía

Outros artigos Antón Patiño Regueira (pai) Ligazóns externas

Antón Patiño Pérez no Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía. 20px Pintores de Galicia (2013). TVG. Intervén Díaz Pardo, Marisa Sobrino, Xosé Antón Castro e Antón Patiño.

Categoría:Pintores de Galicia do século XX Categoría:Escritores de Galicia Categoría:Escritores en lingua galega Categoría:Poetas de Galicia Categoría:Nados en Monforte de Lemos Categoría:Nados en 1957 Categoría:Pintores de Galicia do século XXI