miniatura|La Scala de Milán, un dos principais de teatro de Ópera do mundo. A ópera é un xénero dramático no que a historia se canta na súa maior parte. Para a súa elaboración precísase dun compositor así coma dun escritor, que recolle a historia no libreto, polo que se chama tamén libretista. L'Orfeo (1607) de Claudio Monteverdi, está considerada coma a primeira ópera da historia.

Para a súa representación precísase de cantantes para interpretar os personaxes e dunha orquestra, así coma todo o persoal necesario para calquera produción escénica, liderado polo director de escena.

Adoita comezar por unha abertura e estrutúrase en arias, recitativos, coros, dúos, tríos, cuartetos, fragmentos orquestrais…

Etimoloxía A palabra "ópera" vén do vocábulo italiano italiano opera, que significa "obra", ao igual que opus en latín, termo do cal derivou. O termo "ópera" é unha redución de opera in musica. O termo ópera "é a denominación adoptada universalmente para designar dun xeito xeral toda obra escénica enteiramente musicada na que intervén o canto con palabras" (J. Zamacois). O termo ópera é tamén empregado tamén para denominar aos teatros construídos expresamente para representar óperas, así como ao xénero ao que pertencen todas estas obras.

Características A ópera distínguese do oratorio en que esta é un xénero escénico no que o drama preséntase empregando elementos do teatro como escenografía, vestiario e actuación, mais difire deste en que o texto na ópera (denominado libreto) é cantado no canto de recitado, se ben hai subxéneros operísticos nos que se intercalan partes cantadas con partes faladas, polo que a afirmación de que é unha representación completamente acompañada por música non é certa.

Os protagonistas da historia poden estar acompañados por outros cantantes, un coro, bailaríns ou extras, ademais dun grupo instrumental que pode ir dende pequenos grupos ata unha orquestra sinfónica completa. Os cantantes poden intervir con solos cantados ou recitados (recitativos), grupos de dous ou máis solistas, ou números corais con presenza ou non dos solistas.

A ópera adoita comezar por unha abertura instrumental por parte da orquestra que dá paso á escena. Ao igual que no teatro, a escena adoita dividirse en actos (tamén existen un bo número de óperas dun só acto) e estes actos á súa vez poden dividirse en escenas.

Elementos da ópera Libreto

O libreto é o texto empregado nunha ópera e que inclúe tanto as partes faladas como as cantadas da ópera. O escritor que redacta o libreto é denominado libretista, se ben nalgúns casos foi o propio compositor o redactor do libreto, salientando entre eles a figura de Richard Wagner. O labor do libretista é fundamental nunha ópera, aínda que non o seu traballo non sempre foi recoñecido polo público e frecuentemente se viron limitados polas imposicións musicais dos compositores e que poden afectar á lonxitude, versificación e mesmo á elección da linguaxe. Aínda que os libretos poden ser creacións orixinais, a meirande parte das veces son adaptacións de obras literarias preexistentes. A calidade dun libreto debe combinar a efectividade teatral coa adaptabilidade aos requirimentos musicais, e a súa importancia ten variado ao longo da historia. Os libretos operísticos foron escritos dende os seus inicios (ca. 1600) en verso, e esta tendencia continuou ata ben entrado o século XIX, aínda que os xéneros de teatro musical con diálogo falado tipicamente alternaron o verso nos números falados coa prosa falada dos diálogos. Dende finais do século XIX algúns compositores escribiron a música para libretos escritos en prosa ou en verso libre.

Entre os libretistas salientan Pietro Metastasio (cuxos libretos foron levados a escena moitas veces e por moitos compositores distintos), Lorenzo da Ponte (escritor dos libretos das óperas máis importantes de Mozart), Felice Romani (que xunto con Bellini estableceu unha das relacións máis frutíferas da historia da ópera), Eugène Scribe ou Hugo von Hofmannsthal (de quen salienta a súa colaboración con Richard Strauss, escribindo os libretos de seis das súas óperas).

Partes instrumentais Abertura A ópera adoita comezar cunha peza instrumental denominada frecuentemente abertura (en italiano Sinfonia). Nas primeiras óperas, un breve floreo instrumental era todo canto se precisaba para anunciar o comezo da representación. A idea dunha peza de abertura para presentar as melodías e motivos que se desenvolverían ao longo da obra, estableceuse no século XVIII. Durante o barroco distinguíronse dous tipos de aberturas: a abertura francesa (cunha parte lenta seguida dunha parte rápida), e a abertura italiana (cunha estrutura ternaria). A partir do clasicismo estableceuse o uso da abertura nun só movemento. A abertura máis larga concibiuse posteriormente como unha estratexia útil para admitir os atrasos, facer calar ao público e preparar á audiencia para o espectáculo. Algunhas aberturas adoitan interpretarse independentemente en programas sinfónicos.

Unha abertura de Rossini podía non ter relación algunha coa música da obra que se ía interpretar, mais permitía á audiencia saber que a función ía comezar e axudáballe a coñecer o tipo de obra que ía ver. Wagner prefería preparar psicoloxicamente ao seu público con fragmentos dos diferentes leitmotiv, mentres que Verdi e Puccini, entre outros, nalgunhas ocasións erguían o pano directamente co comezo da obra.

Preludio O Preludio é unha composición instrumental que substitúe á abertura, mais normalmente é unha peza máis curta e frecuentemente vai directamente á escena musical. O preludio na ópera, ao contrario do que ocorre no caso das aberturas, non ten unha estrutura formal que se poida considerar habitual. O preludio fíxose especialmente habitual na ópera romántica, a partir do momento no que a liberdade formal que require a forma de expresión romántica non encaixa cos patróns formais ríxidos da abertura.

Un exemplo de preludio o atopamos en Der Rosenkavalier de Richard Strauss, outros exemplos destacados os atopamos nas óperas de Georges Bizet ou os dramas musicais de Richard Wagner.

Intermezzo Nalgunha óperas intercálanse pequenas pezas instrumentais dentro dun acto ou entre actos denominadas intermezzi, que non deben ser confundidos co subxénero operístico homónimo ou coa ópera homónima de Richard Strauss. Entre os intermezzi máis coñecidos destaca o de Cavalleria rusticana de Pietro Mascagni (no curso do único acto da ópera) e que é interpretado como peza independente en concertos sinfónicos. Outras óperas con intermezzo son Carmen de Georges Bizet, ou Manon Lescaut e Madama Butterfly de Giacomo Puccini.

Música incidental En determinados momentos da acción durante unha ópera, hai pasaxes instrumentais que acompañan a determinadas accións como escenas de baile, desfiles etc. A música incidental pode aparecer directamente sobre o escenario. Algúns exemplos temperáns de música incidental son tamén descritos como semióperas, quasioperas, masques, vaudevilles e melodramas.

Cantantes A ópera tradicional consiste en dous tipos de canto: recitativo (similar a unha narración na que a música se adapta ás palabras ) e aria, esta última refírese a composicións para voz solista na que as palabras se adaptan á música.

As voces dos cantantes de ópera distínguense, primeiramente, en función do sexo e a tesitura. Deste xeito, as voces femininas, de máis grave a máis aguda son: contralto, mezzosoprano e soprano; mentres que as masculinas son baixo, barítono, tenor, contratenor e sopranista.

Nun segundo nivel matízanse máis aínda e clasifícanse segundo outras características da voz, falándose dunha voz lixeira, lírica, dramática, spinto, e mesmo de combinacións de varios termos como lírica-lixeira. Tamén se poden engadir cualificativos que relacionan á voz cun determinado estilo ou tipo de repertorio, como por exemplo, a voz verdiana (Verdi), rossiniana (Rossini) ou wagneriana (Wagner).

Tipos de voces e exemplos dos seus papeis habituais Voces femininas Soprano: Soubrette. Normalmente interpreta a doncela ou a xove coqueta; é un bo punto de partida para as cantantes novas. Algúns exemplos dos papeis para este tipo de voz son: Susana (Le nozze di Figaro de Mozart) ou Musetta (La Bohème de Puccini). Coloratura. A habilidade de cantar pasaxes extremadamente agudos e floridos é esencial. A causa de que este tipo de voz é tan infrecuente e excitante, estas partes adoitan provocar que a obra se deteña durante uns intres. Algúns exemplos son: A raíña da noite (Die Zauberflöte, Mozart) e Constanza (Die Entführung aus dem Serail, Mozart). Lírica. Interpreta algunhas das mellores partes, xeralmente é a protagonista romántica. Algúns exemplos serían: Mimi (La Bohème de Puccini) ou Pamina (Die Zauberflöte de Mozart). Spinto. Unha voz particularmente forte e resistente, capaz de elevarse. Interpreta normalmente o papel protagonista da muller xove. Algúns exemplos son: Madama Butterfly (Madama Butterfly de Puccini) e Leonora (Il trovatore, Verdi). Dramática. Unha voz forte e resistente, que contén as cualidades dramáticas necesarias para interpretar un papel principal nunha ópera de compositores como Verdi. Entre os exemplos pódense citar: Elektra (Elecktra de Strauss) ou Tosca (Tosca de Puccini). Dramática pesada. Tamén coñecida como wagneriana. É a voz de soprano máis poderosa e normalmente interpreta o papel dunha figura mitolóxica heroica. Entre os papeis para esta voz pódense salientar: Isolda (Tristan und Isolde de Wagner) e Brunilda (Der Ring des Nibelungen de Wagner). Mezzosoprano: Literalmente medio soprano. Este tipo de voz ten un rexistro similar ao da soprano, mais a súa calidade de ton é máis sonora. Algúns exemplos destacados son: Cherubino (Le nozze di Figaro de Mozart) e Carmen (de Bizet). Contralto: A contralto ten a voz de menor altura das voces femininas e o ton máis grave. Poderíanse citar entre outros os seguintes exemplos: Lucrecia (The Rape of Lucretia de Britten) e Erda (Der Ring des Nibelungen, Wagner).

Voces masculinas Tenor: Lírico. É unha voz flexible e clara, con frecuencia é o protagonista masculino. Algúns exemplos destacados son: Tamino (Die Zauberflöte de Mozart) ou Alfredo (La traviata, Verdi). Dramático. Ten unha voz robusta e romántica, cun forte rexistro agudo. Entre os papeis escritos para esta voz poden salientar: Rudolfo (La Bohème de Puccini) ou Edgardo (Lucia di Lammermoor de Donizetti). Heroico ou Heldentenor. Como o seu nome indica, interpreta os papeis heroicos. É a voz de tenor máis vigorosa, ten a habilidade de elevarse por riba dunha grande orquestra. Salientan os seguintes papeis: Florestan (Fidelio de Beethoven) ou Siegmund (Die Walküre, Wagner). Contratenor. No Renacemento, o contratenor interpretaba a liña superior á do tenor. Máis adiante, o termo comezouse a empregar para describir a unha voz masculina en falsete, tamén denominada alto masculino, e adoitaba ocupar un rexistro similar ao da contralto ou mezzosoprano. Este tipo de voz nunca foi empregado na ópera antes da segunda metade do século XX, cando cobrou vida co contratenor inglés Alfred Deller. Os papeis que interpretan os contratenores son do tipo de Oberón (A Midsummer Night's Dream de Britten) ou Akhenaton (Akhenaton de Philip Glass). Barítono. Xeralmente ten un ton máis grave que o tenor e comezou a requirir unha categoría separada do baixo no século XVIII, a causa dos diferentes tipos de personaxes creados por compositores como Mozart. Algúns personaxes famosos interpretados por barítonos inclúen a: Papageno (Die Zauberflöte de Mozart), Fígaro (Il barbiere di Siviglia de Rossini) ou Escamillo (Carmen, de Bizet). Baixo. É a categoría máis grave da voz masculina. Xeralmente divídese en tres tipos principais: