José Armando Ufarte Ventoso, coñecido deportivamente como Ufarte, nado en Pontevedra o 17 de maio de 1941, é un exfutbolista e adestrador galego, con dobre nacionalidade brasileira. Xogaba de extremo e foi internacional coa selección española.
Sendo neno emigrou coa súa familia ao Brasil, onde xogou no Flamengo e no Corinthians, antes de volver a España e triunfar no Atlético de Madrid, co que xogou dez tempadas gañando tres ligas e dúas Copas do Rei. Era un extremo dereito que destacaba pola súa técnica individual, o seu pase preciso, a súa velocidade e mailo seu caneo explosivo.
Tras retirarse no Racing de Santander comezou unha carreira como adestrador, destacando o seu traballo coas categorías inferiores da selección española, chegando a ser campión de Europa coa sub-19 en 2004.
Traxectoria
Comezos (1941-1958) Comezou a xogar ao fútbol na súa cidade natal, onde militou no Petit Lérez e no equipo infantil do Pontevedra. Pero aos 14 anos tivo que coller con súa nai, Josefa, e unha irmá, o camiño da emigración cara ao Brasil, onde xa estaba instalado seu pai, que era un mecánico almeriense.
Continuou co fútbol nas rúas de Río de Xaneiro e aos 15 anos viuno xogar a filla do tesoureiro do Flamengo. Tras facerlle unha proba o club fichouno para as súas categorías inferiores.
Flamengo e Corinthians (1958-1964) En 1958, aos 17 anos, debutou co primeiro equipo do Flamengo, converténdose no segundo español en xogar no club paulista, despois do tamén galego Talladas, dúas décadas antes. Ocupaba a posición de extremo pero tras a chegada do técnico Fleitas Solich, este quería que xogase como interior. Os problemas co adestrador fixeron que marchase para o Corinthians en 1961. Ao ano seguinte, Fleitas Solich recalou tamén no Corinthians polo que Ufarte volveu ao Flamengo. Conquistou co Mengão o Campionato Carioca de 1963, despois de superar por un punto ao Fluminense, co que empatou no derradeiro partido en Maracaná diante de 194 603 seareiros, unha marca histórica.
Atlético de Madrid (1964-1974) En 1964 volveu a España para xogar co Flamengo o Trofeo Laranxa en Valencia, e foi fichado polo Atlético de Madrid. Debutou na primeira división o 13 de setembro de 1964 contra o Betis con vitoria por 3 a 1. Na primeira tempada no equipo colchoneiro acadou o subcampionato de liga, trofeo que gañou na tempada seguinte e noutras dúas ocasións máis, amais de dúas Copas do Xeneralísimo. Formou un gran tándem na banda dereita xunto a Luis Aragonés. A súa última tempada no Atlético de Madrid foi a 1973-74, na que volveu acadar o subcampionato de liga e da Copa de Europa, despois de perder a final contra o Bayern de Múnic.
En total estivo 10 tempadas no Atlético de Madrid, disputando 322 partidos nos que marcou 34 goles.
Racing de Santander (1974-1976) En 1974 fichou polo Racing de Santander, que militaba en Segunda División. Esa mesma tempada o equipo dirixido por José María Maguregui logrou o ascenso á primeira división. Continuou no equipo un ano máis, xogando 27 partidos de liga e marcando sete goles. Ao remate da tempada colgou as botas.
Xogou un total de 274 partidos na primeira división española, marcando 32 goles.
Selección nacional Foi internacional coa selección española de fútbol en 16 ocasións, marcando dous goles. Debutou o 5 de maio de 1965 contra Irlanda, na fase de clasificación para o Mundial de Inglaterra de 1966. A súa entrada na selección viuse propiciada por unha lesión do coruñés Amancio. España perdeu o primeiro partido contra Irlanda pero gañou o segundo, debendo xogarse entón un partido de desempate que decidiría o equipo que disputaría o Mundial. Con cero a cero no marcador, no minuto 82 de partido Ufarte deulle un pase ao tamén galego Marcelino, cuxo remate rebotou nun defensa, quedándolle o balón a Ufarte, que non fallou e clasificou a España para o Mundial.
Xogou só un partido naquel Mundial, no partido fronte á Arxentina. Xogou o seu último partido coa selección en 1972 fronte a Iugoslavia.
Adestrador Comezou adestrando as categorías inferiores do Atlético de Madrid, así como o filial. En marzo de 1988 colleu as rendas do primeiro equipo tras a destitución de César Luis Menotti. En principio era para ficar ata final de tempada, cando se incorporaría o técnico José María Maguregui, que nese momento estaba no Celta de Vigo. Con todo, só estivo tres partidos no banco, sendo destituído por Jesús Gil despois de negarse a recibir indicacións de Maguregui. Nas seguintes dúas tempadas adestrou o Racing de Santander, sendo destituído ao remate da segunda delas, tras descender a Segunda B.
Na tempada 1992-93 adestrou o Mérida en Segunda, e en 1997 incorporouse á Real Federación Española de Fútbol. Alí foi seleccionador de varias das categorías inferiores da selección española. Coa sub-20 proclamouse subcampión do mundo en 2003 en Abu Zabi e coa sub-19 conquistou o Campionato europeo de 2004 en Suíza, cun equipo no que destacaban entre outros Sergio Ramos, Amorebieta, Juanfran, Silva ou Soldado.
Posteriormente pasou a ser o segundo adestrador de Luis Aragonés na selección española absoluta, conquistando en 2008 a Eurocopa.
Palmarés
Como xogador
Flamengo
Campionato Carioca (1): 1963. Torneo Río-São Paulo (1): 1961.
Atlético de Madrid
Liga española (3): 1965/66, 1969/70 e 1972/73. Copa do Rei (2): 1964/65 e 1971/72.
Como adestrador
Selección española sub-19 Campionato europeo da UEFA Sub-19 (1): 2004.
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas Ficha como xogador en www.lfp.es . Ficha como xogador na web oficial da selección española . Datos como xogador en BDFutbol . Datos como adestrador en BDFutbol . Ficha como adestrador en www.lfp.es .
Categoría:Nados en Pontevedra Categoría:Nados en 1941 Categoría:Galegos do Brasil Categoría:Futbolistas de Pontevedra Categoría:Adestradores de fútbol de Galicia Categoría:Xogadores do Flamengo Categoría:Xogadores do Sport Club Corinthians Paulista Categoría:Xogadores do Atlético de Madrid Categoría:Xogadores do Racing de Santander Categoría:Xogadores da selección de fútbol de España Categoría:Xogadores do Mundial de Fútbol de 1966 Categoría:Adestradores do Atlético de Madrid Categoría:Adestradores do Racing de Santander Categoría:Adestradores da selección de fútbol de España sub-21