Mozilla Firefox (ou só Firefox) é unha aplicación para a navegación web, libre e de código aberto e que desenvolve o proxecto o grupo Mozilla Corporation da organización aberta Fundación Mozilla. É multiplataforma e está dispoñíbel para os sistemas operativos Linux, macOS e Windows, así como en Android (como Firefox para Android) e iOS. Emprega o motor de rendemento web Quantum (que substituíu a Gecko), e executa os modelos web actuais e os próximos a ser aprobados. En 2015 liberouse Firefox para iOS, que emprega WebKit no canto de Gecko por restricións de Apple no desenvolvemento do seu sistema operativo móbil. O código fonte de Firefox está dispoñíbel baixo os termos MPL.
Firefox foi creado pola comunidade Mozilla en 2002 co nome de Phoenix coa intención de ter un navegador web independente, e non ancorado a un paquete completo como era a Mozilla Application Suite. Xa na súa fase beta Firefox gañou popularidade grazas a que, segundo dicían, era máis veloz, seguro e incorporaba melloras engadidas en comparanza co Internet Explorer 6 de Microsoft, que naquela hora era o navegador dominante. O primeiro lanzamento de Firefox, a versión 1.0, foi en novembro de 2004, e popularizouse ata acadar os 60 millóns de descargas en nove meses, poñendo por primeira vez en cuestión o dominio de Internet Explorer. Considérase que Firefox é o sucesor da filosofía de Netscape Navigator xa que Mozilla creou en 1998 ese proxecto, aínda que despois foi comprado por AOL.
O uso de Firefox chegou ata o 32% de usuarios en 2009, na súa versión 3.5 e converténdose no navegador máis popular. A saída ao mercado de Google Chrome fixo que a súa cota de uso baixara. En 2017 o seu uso estivo entre o 5.96 e o 13.6% no mundo en uso de escritorio e foi o segundo navegador máis empregado. Segundo Mozilla, en 2014 Firefox chegou aos mil millóns de usuarios no mundo.
Localización Firefox está amplamente localizado e traducido a múltiples linguas e culturas, entre elas o galego. A súa primeira versión de novembro de 2004 estivo dispoñible en 24 linguas e 28 configuracións locais (como inglés británico ou americano) En 2017 contaba na súa versión 57.0 con 89 configuracións locais e 79 linguas.
Galería
Notas
Véxase tamén
Outros artigos Mozilla Application Suite Mozilla Thunderbird Mozilla Foundation
Ligazóns externas Páxina oficial Páxina web oficial Descarga firefox
Categoría:Navegadores web Categoría:Software libre Categoría:Mozilla