Óscar Montalvo Finetti, nado en Puerto Pimentel o 20 de marzo de 1937 e finado en 2006, foi un futbolista e adestrador peruano. Xogaba de extremo esquerdo e foi internacional co Perú.

Traxectoria Xogou no Deportivo Municipal do seu país natal, onde coincidiu con Juan Seminario, e debutou coa selección peruana en 1959. En 1960 participou na Xira dos Catro Continentes, que levou a unha selección de xogadores do Deportivo Municipal e do Sport Boys a disputar unha serie de partidos amigables en numerosos países: Estados Unidos, Xapón, Filipinas, Malaisia, Taiwán, Hong Kong, Vietnam, China, Alemaña, México, Colombia e Ecuador.

Posteriormente xogou no Ciclista Lima, e en 1962 fichou polo Deportivo da Coruña, converténdose no primeiro peruano da historia do club. Pouco despois da súa chegada participou no histórico 17º Trofeo Teresa Herrera, marcando un dos catro goles do seu equipo para derrotar ao Benfica de Eusébio, que viña de gañar dúas Copas de Europa seguidas. Debutou en partido oficial na primeira xornada da tempada 1962/63 da Primeira División, marcando o único gol do partido contra o Sevilla en Riazor. Titular durante case todos os partidos da tempada na dianteira deportivista, xunto con Veloso e Jaime Blanco, anotou un total de 8 goles na súa primeira campaña, na que o club acabou descendendo.

Na seguinte tempada marcou 13 goles, contribuíndo a que o equipo adestrado por Roque Olsen se proclamase campión de Segunda e lograse o ascenso. Xogou no Deportivo ata 1967, vivindo un total de tres descensos e dous ascensos, e marcando 33 goles en partidos oficiais. A continuación pasou polo Oviedo, onde xogou durante a tempada 1967/68 en Segunda antes de retirarse.

De volta na Coruña adestrou brevemente o modesto Sin Querer, antes de regresar ao seu país natal, onde continuou traballando como adestrador, principalmente no fútbol base. Alí creou a escola de fútbol do Deportivo Municipal, onde se formaron xogadores como o internacional Jefferson Farfán, que tatuou no seu brazo un agradecemento a Montalvo.

Faleceu no 2006, pouco despois de recibir unha invitación para participar nos actos do Centenario do Deportivo, aos que xa non puido asistir.

Palmarés Deportivo da Coruña

Segunda división de España (2): 1963/64, 1965/66.

Notas

Véxase tamén

Ligazóns externas Datos do xogador en BDFutbol .

Categoría:Nados en 1937 Categoría:Nados no departamento de Lambayeque Categoría:Futbolistas do Perú Categoría:Dianteiros de fútbol Categoría:Xogadores do Deportivo Municipal Categoría:Xogadores do Ciclista Lima Categoría:Xogadores do Deportivo da Coruña Categoría:Xogadores da selección de fútbol do Perú Categoría:Adestradores de fútbol do Perú Categoría:Adestradores do Sporting Cristal Categoría:Finados en 2006