José Luis Fidalgo Veloso, coñecido simplemente como Veloso, nado en Santiago de Compostela o 23 de marzo de 1937 e finado en Madrid o 13 de novembro de 2019, foi un futbolista galego. Xogaba de dianteiro e foi internacional coa selección española.
Considerado un dos futbolistas máis destacados da historia do fútbol galego, destacou principalmente no Deportivo da Coruña, onde formou unha gran dupla goleadora con Amancio, e ocupa na actualidade o terceiro lugar na táboa de máximos anotadores da historia do club, con 108 goles en 212 partidos. O seu rendemento na Coruña fixo que o fichase o Real Madrid de Miguel Muñoz, co que gañou tres ligas consecutivas e a Copa de Europa 1966/67. Posteriormente pasou polo Ourense e o Rayo Vallecano, retirándose finalmente no Compostela da súa cidade natal.
Traxectoria
Inicios (1937-1958) Naceu na compostelá rúa de Entrerríos, a poucos metros do vello campo de Santa Isabel, no que seu tío traballaba de conserxe, polo que tiña acceso ao campo e ao uso dos balóns, e aínda que pretendía ser ciclista acabou por decantarse polo fútbol.
Comezou no Águilas de Carretas, pasando logo a destacar no tamén santiagués Eiriña, e xa con 15 anos foi elixido nunha selección santiaguesa para enfrontarse a seleccións doutras cidades galegas. Pasou logo polo Basquiños e polo Club Santiago, no que xogou dende 1955, debutando en Terceira División cunha ficha doutro xogador pois non tiña a idade necesaria. En agosto de 1957, despois de anotar 16 goles na tempada que acababa de rematar, fichou polo Club Turista de Vigo, no que xogou un ano. No conxunto vigués formou unha letal dupla xunto a Chicha, sumando entre ambos 47 goles, cos que o equipo se proclamou comodamente campión do Grupo I da Terceira División.
Esplendor no Deportivo da Coruña (1958-1965) No verán de 1958 foi contratado polo Deportivo da Coruña, e xunto a el chegaron Amancio, Sobrín, Collar e Gelucho entre outros. Debutou na Segunda División na xornada 2 fronte ao Girona, marcando o único gol do Deportivo, que perdeu ese partido por 3-1. Disputou 34 partidos esa tempada, marcando 12 goles.
Durante os seus primeiros catro anos no Deportivo formou unha gran dupla goleadora con Amancio, anotando entre os dous 135 goles. Na terceira desas tempadas, a 1960/61, Veloso foi o máximo goleador da Segunda División, con 26 goles en só 24 partidos, mentres que anotou 16 ao ano seguinte, na tempada en que o equipo logrou o ascenso á Primeira División cinco anos despois.
Despois da marcha de Amancio ao Real Madrid no verán de 1962, Veloso xogou aínda tres anos máis no Deportivo, antes de tomar o mesmo camiño que o coruñés, fichando polo club branco en xullo de 1965. Nos seus sete anos na Coruña xogou 211 partidos e marcou 106 goles, sendo no momento da súa marcha o segundo máximo anotador da historia do club, só por detrás de Chacho.
Etapa no Real Madrid (1965-1969) O prezo do seu traspaso ao Real Madrid foi de seis millóns de pesetas, máis os xogadores Santos e Gullón que pasaron a ser do Deportivo. Xunto a Veloso chegou ao Real Madrid o tamén deportivista Jaime Blanco. Debutou co Real Madrid na primeira xornada da tempada 1965/66 fronte ao Sabadell e marcou os seus dous primeiros goles na súa seguinte aparición en liga fronte ao Sevilla. Debutou en competición europea o 9 de marzo de 1966 fronte ao Anderlecht na Copa de Europa, competición que o equipo acabou gañando ao final da tempada.
A súa mellor tempada no club branco foi a segunda (1966/67), na que marcou 11 goles en 20 partidos. Entre os seus goles no Madrid destacaron o que marcou no clásico fronte ao Barcelona no Bernabéu en 1966 (1-0) e o que anotou na Copa de Europa 1967/68 na prórroga fronte ao Ajax de Johan Cruyff, eliminando ao club neerlandés.
Non conseguiu facerse coa titularidade nos seus catro anos no Real Madrid, nun equipo con dianteiros como Gento, Amancio, Grosso e Puskás, pechando a súa etapa como madridista con 41 partidos xogados, 20 goles anotados, 3 títulos de liga e unha Copa de Europa.
Ourense, Raio, Compostela e retirada (1969-1973) En 1969 fichou polo Ourense, de Segunda División, co que xogou unha tempada, anotando cinco goles. Na tempada seguinte volveu a Madrid para fichar polo Rayo Vallecano, co que xogou dúas tempadas en Segunda, xogando 43 partidos e marcando 7 goles. En outubro de 1972 regresou a Santiago de Compostela, fichando polo Compostela, no que xogou unha tempada ata a súa retirada do fútbol.
Despois de deixar o fútbol rexentou un restaurante en Madrid. Faleceu o 13 de novembro de 2019 aos 82 anos de idade. Foi soterrado no cemiterio de Boisaca.
Selección nacional Foi internacional coa selección española en catro ocasións e anotou tres goles.
Estatísticas ClubTempadaCategoríaLigaCopa do XeneralísimoCopa de EuropaOutrosInclúe partidos de promoción de ascenso a Primeira División e Copa Galicia.TotalPartidosGolesPartidosGolesPartidosGolesPartidosGolesPartidosGolesClub Santiago1954/55Terceira10------101956/57Terceira2916------2916Total club30160000003016Turista1957/58Terceira2823------2823Deportivo da Coruña1958/59Segunda271171----34121959/60Segunda24741----2881960/61Segunda242643----28291961/62Segunda281631----31171962/63Primeira271310 --2030131963/64Segunda281744----32211964/65Primeira25531 --12298Total club1839526110032212108Real Madrid1965/66Primeira741110--951966/67Primeira1693111--20111967/68Primeira610011--721968/69Primeira310021--52Total club32154253004120Ourense1969/70Segunda26510 -- --275Rayo Vallecano1970/71Segunda25531----2861971/72Segunda12130 -- --151Total club376610000437Compostela1972/73Terceira20------20Total carreira33816037145332383179
Palmarés Turista Terceira División (1): 1957/58.
Deportivo Trofeo Pichichi de Segunda División (1): 1960/61. Segunda División (2): 1960/61, 1963/64
Real Madrid Copa de Europa (1): 1965/66. Primeira División (3): 1966/67, 1967/68, 1968/69.
Notas
Véxase tamén
Bibliografía
Ligazóns externas Datos do xogador en bdfutbol.com .
Categoría:Nados en 1937 Categoría:Finados en 2019 Categoría:Nados en Santiago de Compostela Categoría:Futbolistas de Santiago de Compostela Categoría:Dianteiros de fútbol Categoría:Xogadores do Club Santiago Categoría:Xogadores do Club Turista Categoría:Xogadores do Deportivo da Coruña Categoría:Xogadores do Real Madrid CF Categoría:Xogadores do CD Ourense Categoría:Xogadores do Rayo Vallecano Categoría:Xogadores da SD Compostela Categoría:Xogadores da selección de fútbol de España