Daniel Giménez Hernández, coñecido como Dani Giménez, nado en Vigo o 30 de xullo de 1983, é un adestrador e exfutbolista galego, que xogaba como porteiro. Disputou a maioría dos máis de 350 partidos da súa carreira na Segunda e na Segunda División B, e xogou en Primeira co Rayo Vallecano e co Betis.

Traxectoria

Como xogador Formouse na canteira do Celta de Vigo, estreándose nunha convocatoria do primeiro equipo na tempada 2001/02, para o partido da Copa da UEFA xogado contra o Sigma Olomouc en Balaídos. Tras varios anos como porteiro suplente do Celta B, en Segunda División B, fichou en 2004 polo Zamora, na mesma categoría. Xogou cinco anos no club zamorano, os últimos catro como porteiro titular.

Entre 2009 e 2013 xogou no Rayo Vallecano, co que logrou o ascenso a Primeira División en 2011. Con todo, no club madrileño dispuxo de poucos minutos fronte ao porteiro titular Cobeño, e máis tarde fronte ao tamén galego Rubén. Na tempada 2013/14 militou no AD Alcorcón, en Segunda, xogando todos os partidos completos e sendo o terceiro porteiro menos goleado da liga. En xullo de 2014 fichou polo Betis, co que logrou esa tempada o ascenso a Primeira, e onde estivo tres tempadas máis, pero disputando só un total de 10 partidos de liga nos catro anos, nos que o primeiro porteiro foi Antonio Adán.

O 23 de maio de 2018 anunciouse a súa fichaxe polo Deportivo da Coruña, por dúas tempadas. No club coruñés fíxose rapidamente coa titularidade e chegou a xogar lesionado durante varias xornadas. Na súa segunda tempada bateu o récord de José Luis Montes de porteiro con máis partidos consecutivos, 70, marca que alongou ata os 82. Tras o descenso dos branquiazuis a Segunda División B, anunciouse a súa marcha, ao non chegar a un acordo co club.

En decembro de 2020 fichou pola UD Logroñés, de Segunda División, que viña de aliñar catro porteiros diferentes no que ía de tempada debido a diferentes lesións. Debido a estas urxencias, debutou co seu novo equipo como titular só un día despois de ser anunciada a súa fichaxe, nun partido ante o Girona en Montilivi. Ocupou a portería logroñesa durante os seguintes dous meses, ata que a titularidade volveu ser para Roberto Santamaría, xa recuperado da súa lesión. O seu último encontro como profesional foi unha derrota por 0-4 diante do Sporting de Gijón nas Gaunas, o 6 de febreiro de 2021, e retirouse ao remate da tempada.

Como adestrador Trala súa retirada comezou a formarse como adestrador e pouco despois pasou a traballar como adestrador de porteiros e segundo técnico de Iñaki Bea na selección da República Dominicana, así como adestrador do equipo cadete do Rayo Majadahonda.

Trala súa etapa como axudante de Iñaki Bea na selección da República Dominicana, Dani Giménez en abril de 2023 incorporouse ao Parla Escuela Fair Play. Na tempada 2023-24 formou parte do Rayo Majadahonda, e dirixiu un dos conxuntos de categorías inferiores do club. En outubro de 2024 foi nomeado adestrador do CD Manchego de Ciudad Real, conxunto da Terceira RFEF, cargo que desempeñou ata mediados da tempada.

En novembro de 2025 foi nomeado adestrador da SD Sarriana en substitución de Iván Carril; a Sarriana, na súa tempada de debut na Segunda Federación, figuraba na metade da táboa. Dirixiu o equipo sarriao ata o final da tempada, obtendo 7 vitorias, 7 empates e 11 derrotas, e non puido evitar o descenso á Terceira Federación.

Vida persoal Casou en 2016 coa afgá Mitra Amini Hakami.

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas Datos do xogador en bdfutbol.com

Categoría:Nados en 1983 Categoría:Nados en Vigo Categoría:Futbolistas de Vigo Categoría:Gardametas de fútbol Categoría:Xogadores do Celta de Vigo B Categoría:Xogadores do Zamora CF Categoría:Xogadores do Rayo Vallecano Categoría:Xogadores da AD Alcorcón Categoría:Xogadores do Real Betis Balompié Categoría:Xogadores do Deportivo da Coruña Categoría:Xogadores do UD Logroñés Categoría:Adestradores de fútbol de Galicia Categoría:Adestradores da SD Sarriana