Xosé de Calasanz, nado en Peralta de la Sal o 31 de xullo de 1557 e morto en Roma o 25 de agosto de 1648, foi un pedagogo, relixioso e santo aragonés que fundou escolas destinadas á educación de nenos marxinados.
Traxectoria Fillo dos infanzóns Pedro de Calasanz e María Gastón, foi o sétimo e derradeiro dos seus fillos. Estudou Dereito, Filosofía e Teoloxía nas universidades de Lleida, Valencia e Alcalá de Henares. Coa oposición do seu pai, ordeonuse sacerdote en 1583 e desempeñou responsabilidades administrativas na diocese de Albarracín, Lleida e a La Seu d'Urgell. En 1592, trasladouse a Roma para medrar na carreira eclesiástica sendo preceptor dos sobriños do cardeal Marco Antonio Colonna, pero alí descubriu a dura realidade social do Trastévere. Impactado, abandonou as súas ambicións e adicou os seus esforzos á educación dos nenos que alí vivían na marxinación, na fame e na pobreza.
A súa primeira escola abriuna na parroquia de Santa Dorotea de Trastévere, que funcionou de xeito innovador como unha escola pública e gratuíta. Despois trasladouse a San Pantaleón. Desta iniciativa nacerían as coñecidas como Escolas Pías e a Orde de Clérigos Regulares Pobres ou pais escolapios. Xosé de Calasanz ensaiou novos métodos pedagóxicos para o estímulo e perfeccionamento na formación dos rapaces. Traduciu textos ás linguas vernáculas acabando co monopolio do latín no ensino. Preocupouse tamén pola formación física e a hixiene dos seus pupilos.
O seu interese pola ciencia propiciou a súa amizade con Galileo, vencello que non se truncou cando este foi condenado pola Igrexa. Cando en 1637 Galileo perdeu a vista, envioulle como secretario ao escolapio Clemente Settimi. Tamén tivo unha estreita relación co poeta e filósofo Tommaso Campanela que defendía unha sociedade comunista e se afastaba do pensamento escolástico, polo que foi apreixado e condenado pola Santo Oficio.
As frecuentes inundacións polas crecidas do Tiber e as nulas condicións hixiénicas facían aumentar a peste e outras doenzas nos suburbios. Alí tamén realizou unha obra de coidado e atención de enfermos para o que contou con colaboradores como Camilo de Lelis (San Camilo), que dirixía un grupo de voluntarios que expoñían á súa vida ao contaxio por mor de alimentar e sandar aos apestados.miniatura|200px|La última comunión de San José de Calasanz, de Goya.|esquerdaA orde espallouse por Europa occidental e acollía tamén a nenos de familias xudías e protestantes, encontrando oposición nas clases acomodadas e sectores da xerarquía eclesiástica. Determinadas acusacións acabaron coa súa destitución. Foi apreixado e interrogado pola Inquisición que o meteu na cadea. Substituíno o seu acusador o padre Stefano Cherubini que tiña estreitas relacións no Vaticano, pero a súa congregación acabou sendo disolta na práctica polo papa Inocencio X.
Despois da súa morte rehabilitaríase a súa figura. O papa Alexandre VII volveu a autorizar as escolas pías. Foi canonizado por Clemente XIII.
Hoxe existen escolas pías en Asia, África e América. Pío XII proclamouno patrón das escolas cristiáns, o que se conmemora o 27 de novembro. A súa festa celébrase o 25 de agosto.
Xosé de Calasanz Categoría:Nados en Peralta de Calasanz Categoría:Nados en 1557 Categoría:Finados en 1648 Categoría:Escolapios Categoría:Relixiosos católicos de España