Juan Luis Amigo Ferreiro, coñecido como Juanito, nado en Sigüeiro (Oroso) o 8 de decembro de 1969, é un futbolista galego, que xoga de dianteiro no Cultural Maniños da Primeira Autonómica de Galicia.
Cunha extensa carreira futbolística de máis de 30 anos, xogou en case todas as categorías do fútbol español e galego: Primeira División, Segunda, Segunda B, Terceira, Preferente e Primeira Galicia. É un dos futbolistas históricos tanto do Compostela como do Racing de Ferrol, tendo xogado máis de 400 partidos entre ambos clubs. Co Compostela xogou en dúas etapas, logrando ascender na primeira delas dous anos seguidos, pasando de Terceira a Segunda, mentres que a súa segunda etapa no club santiagués coincidiu cos turbulentos primeiros anos do século XXI, nos que os problemas económicos provocaron o seu descenso administrativo. Co Racing xogou en tres etapas diferentes vivindo tamén ascensos e descensos.
En 1992 foi unha das fichaxes de Augusto César Lendoiro para o Superdépor de Arsenio, sendo presentado xunto a Bebeto, pero a falta de minutos obrigouno a probar sorte noutros equipos. Xogando co Betis en 1994 conseguiu o ascenso á Primeira División e marcoulle un histórico gol ao FC Barcelona de Johan Cruyff no Camp Nou, que eliminou o club catalán da Copa do Rei e meteu aos sevillanos en semifinais.
Xogou ademais sete tempadas no desaparecido Narón Balompé Piñeiros e entre 2013 e 2021 xogou no Sigüeiro FC da súa vila natal, club co que comezara a súa carreira a mediados dos anos 80. Tras un tempo retirado, en 2022 fichou polo Cultural Maniños, de Primeira Autonómica, onde comparte equipo cos seus fillos.
Traxectoria
Sigüeiro FC (1985-1987) De neno ía con seu pai ver os partidos de fútbol do Sigüeiro FC, equipo do que era socio. En 1985 comezou a xogar cos xuvenís deste e con 16 anos xogou xa co primeiro equipo.
Compostela (1987-1992) En 1987 pasou a xogar nas categorías inferiores da SD Compostela, subindo tras dous anos ao primeiro equipo. Na tempada 1989/90 participou do ascenso á Segunda División B e ao ano seguinte formou parte da escuadra que logrou o primeiro ascenso do club á Segunda División, marcando ademais un dos tres goles no último partido da promoción fronte ao CD Badajoz no Campo Municipal de Santa Isabel, cos que o club santiagués confirmou o seu ascenso á división de prata. Foi titular na maioría de partidos da tempada, anotando seis goles na liga e dous na Copa do Rei. Na primeira tempada do club santiagués en Segunda anotou outros seis goles na liga e tres na Copa. Ademais foi o autor do primeiro gol da historia do Compostela en Segunda, fronte ao FC Barcelona B. Ao remate da tempada deixou o Compos para fichar polo Deportivo da Coruña de Arsenio Iglesias.
Deportivo da Coruña (1992-1994) Chegou á Coruña xunto a varias fichaxes de renome como Bebeto, Mauro Silva, Nando ou Aldana. Foi presentado xunto a Bebeto nun multitudinario acto en Riazor, con milleiros de seareiros nas bancadas. Debutou en Primeira División co Deportivo o 21 de febreiro de 1993, na vitoria por 5-1 fronte á Real Sociedade. Debido á falta de minutos nun equipo cheo de estrelas, en xaneiro de 1994 foi cedido ao Betis, de Segunda División, ata o final da tempada.
Cesión ao Betis (1994) Co club sevillano anotou o histórico gol fronte ao FC Barcelona de Johan Cruyff no Camp Nou, que eliminou o club catalán da Copa do Rei 1993/94, metendo ao Betis en semifinais, e conseguiu o ascenso ao final da tempada.
Racing de Ferrol (1994-1996) No verán de 1994 o Deportivo traspasouno ao Racing de Ferrol, en Segunda División B, equipo adestrado por Luis Rodríguez Vaz. Xogou case todos os partidos do Racing nas tempadas 1994/95 e 1995/96, nas que o Racing acabou como campión e subcampión do grupo I respectivamente. Con todo, o club non conseguiu ascender, quedando eliminado na fase de promoción nas dúas ocasións. Na primeira das súas tempadas en Ferrol foi o máximo goleador do equipo con 18 goles.
Mérida (1996-1997) Na tempada 1996/97 chegou ao Club Polideportivo Mérida de Sergio Krešić, co que gañou a súa segunda liga de Segunda e conseguiu o seu segundo ascenso á máxima categoría.
Levante (1997-1998) En agosto de 1997 fichou polo Levante UD. Dispuxo de poucos minutos durante o ano, nunha tempada na que o club valenciano tivo cinco adestradores diferentes e acabaría descendendo á Segunda B. Antes do remate do campionato, decidiu darse de baixa do club e volver ao Racing de Ferrol, que estaba loitando por meterse nunha nova promoción de ascenso a Segunda.
Racing de Ferrol (2ª etapa, 1998) "Debutou" por segunda vez co Racing o 30 de abril de 1998, nas semifinais da Copa Federación, fronte ao CD Binéfar, anotando o gol da vitoria (0-1). Uns días despois xogou na Malata fronte ao Sporting de Gijón B, sendo recibido cunha ovación pola afección racinguista. A pesar de gañar ese partido, non conseguiron gañar ningún dos dous partidos restantes, polo que remataron en quinta posición, fóra dos postos de promoción.
Toledo (1998-2000) En agosto de 1998 fichou polo Toledo, que xogaba naquel entón en Segunda División. Xogou dúas tempadas co club manchego, sendo habitualmente titular e anotando seis goles. Na primeira das tempadas o equipo adestrado por Gregorio Manzano acabou a dous postos da promoción de ascenso, pero no segunda, a 1999/00, acabou como último clasificado, perdendo a categoría.
Compostela (2ª etapa, 2000-2003) Tras rematar contrato co Toledo, en xuño do ano 2000 regresou ao Compostela, que militaba en Segunda, asinando por tres tempadas. Chegou ao equipo santiagués, adestrado por Carlos Ballesta, xunto a outras fichaxes como Nando ou Pinillos, este último tamén procedente do Toledo. Sufriu unha fractura nun cóbado pouco despois da súa chegada, polo que non puido debutar até meses despois, e tras facelo volveuse lesionar de novo para varias semanas. Tras a súa recuperación gañou a titularidade e anotou cinco goles, pero o equipo acabou 19º, descendendo á Segunda B once anos despois.
Ao ano seguinte, Juanito xogou 40 partidos, 36 deles como titular, e marcou 6 goles, contribuíndo a un novo ascenso a Segunda só un ano despois de perder a categoría. Na tempada 2002/03 os xogadores do Compostela estiveron toda a tempada sen cobrar. Con todo, quedaron en 9ª posición, aínda que logo o club foi descendido administrativamente.
Racing de Ferrol (3ª etapa, 2003-2006) En agosto de 2003 tanto el como Fabiano cambiaron o Compostela polo Racing de Ferrol adestrado por Luis César Sampedro. Juanito asinou por dúas tempadas. Ese ano xogou 40 partidos, anotando catro goles, e o club ferrolán acabou segundo, ascendendo á Segunda División só un ano despois de perder a categoría. Mantivo a regularidade na tempada 2004/5, na que xogou 38 partidos e na que o equipo logrou a permanencia, mais na seguinte tempada padeceu numerosos problemas físicos, así como unha lesión producida no partido da selección galega fronte ao Uruguai que o deixou varias semanas de baixa. O equipo racinguista acabou descendendo de novo á Segunda B. Estivo tres anos na súa última etapa no Racing, xogando máis de 100 partidos e marcando oito goles.
Narón Balompé (2006-2013) En xullo de 2006 foi anunciado como fichaxe estrela do Narón Balompé, de Terceira División. Xogou co equipo naronés durante oito tempadas, do que foi capitán e co que chegou a xogar unha promoción de ascenso a Segunda B na tempada 2007/08.
Sigüeiro (2013-2021) En 2013 fichou polo Sigüeiro FC, en Primeira Autonómica, o equipo da súa vila e no que xogara case 30 anos antes. Xogou neste club durante as seguintes tempadas, logrando ascender á Preferente Galicia na 2018/19, tras vencer ao Victoria Club de Fútbol na Grela. Tras o ascenso Juanito confirmou que seguiría no club no seu primeiro ano en Preferente, cumprindo así os 50 anos aínda en activo. A irrupción da pandemia de COVID-19 obrigou á suspensión das competicións, momento no que Juanito decidiu a súa retirada dos campos de fútbol.
Cultural Maniños (2022-actualidade) Con todo, no verán de 2022 ofrecéronlle xogar no Cultural Maniños, proposta que aceptou aos seus 52 anos. No club de Maniños comparte equipo cos seus fillos, Óscar e Ipi.
Selección galega En 2005 foi un dos integrantes da recuperada selección galega que venceu ao Uruguai en San Lázaro por 3-2.
Recoñecementos En 2011 púxoselle o seu nome ao pavillón municipal de Sigüeiro.
Notas
Véxase tamén Bibliografía
Ligazóns externas Datos do xogador en LaPreferente.com .
Categoría:Nados en 1969 Categoría:Nados en Oroso Categoría:Futbolistas de Oroso Categoría:Dianteiros de fútbol Categoría:Xogadores da SD Compostela Categoría:Xogadores do Deportivo da Coruña Categoría:Xogadores do Real Betis Balompié Categoría:Xogadores do Mérida UD Categoría:Xogadores do Levante UD Categoría:Xogadores do CD Toledo Categoría:Xogadores do Racing de Ferrol Categoría:Xogadores do Narón Balompé Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes Categoría:Xogadores da selección de fútbol de Galicia Categoría:Xogadores do Racing de Ferrol internacionais coa selección de fútbol de Galicia