O Club Balonmano Cantabria (1975-2008) foi un equipo de balonmán da cidade de Santander (Cantabria). Foi fundado en 1975 co nome de Grupo Deportivo Teka Santander, herdeiro do club La Salle Authi de Los Corrales de Buelna. Foi un dos clubs máis laureados de España e de Europa. Debido a problemas económicos, mudou a súa denominación en 1995, baixo o patrocinio de Caja Cantabria, que abandonou o seu patrocinio en 1999, adoptando o club o nome de Club Balonmano Cantabria e volvendo a Teka, denominándose o equipo Teka Cantabria ata a súa desaparición no ano 2008, tras un breve período no que foi propiedade do Racing de Santander.
A nivel nacional participou na Liga ASOBAL dende a súa fundación en 1990 pola Asociación de Clubs Españoles de Balonmano (ASOBAL) ata a súa desaparición. A Liga ASOBAL foi a herdeira da antiga liga española de balonmán que, entre 1958 e 1990, e coa denominación de División de Honra, organizou a Real Federación Española de Balonmano. En total, o club participou en 18 ocasións na máxima categoría, gañando o título en dúas ocasións (1992-93 e 1993-94). Ademais adxudicouse outros títulos nacionais como a Copa do Rei e a Supercopa de España, ambas en dúas ocasións, ou a Copa ASOBAL, que gañou catro veces. A nivel internacional conquistou nunha ocasión a máxima competición europea de balonmán entre clubs, a Copa de Europa, así como o Campionato Mundial de Clubs, a Recopa de Europa en dúas ocasións, ou a Copa EHF.
A nivel individual destacou Talant Dujshebaev, xogador do club dende 1992 a 1997 e que foi nomeado en dúas ocasións Xogador do Ano da IHF, ademais de adxudicarse ao longo da súa carreira numerosos títulos nacionais e internacionais. Durante a maior parte da súa historia, o club xogou no Pavillón de La Albericia, aínda que tamén nas súas últimas tempadas disputou partidos no Palacio de Deportes de Santander, que dispuña de maior capacidade que o anterior.
Historia Inicios O Club Balonmano Cantabria fundouse en 1975 baixo o nome de Grupo Deportivo Teka Santander, logo da fusión do La Salle Authie o Santander OJE. Por motivos de patrocinio chamouse GD Teka Ciclotour. Herdeiro club La Salle Authi de Los Corrales de Buelna, ocupou a súa praza, xa que as súas instalacións non estaban cubertas e non podía participar na segunda categoría nacional. O porteiro de La Salle Authi, José Antonio Revilla, fundou este club tras falar con José Gómez, responsable da empresa Teka, que os patrocinou con 25 000 pesetas e accedeu a ser o presidente da entidade. Logo de varios anos na segunda categoría, na tempada 1979-80 disputou a fase de ascenso a División de Honra, a máxima categoría nacional. Para iso debía impoñerse nun dos dous grupos creados, mais non o conseguiu. Ao ano seguinte tampouco puido conseguir o ascenso, sendo o club malagueño Caja de Ronda o que ascendeu no grupo B. O ano seguinte tamén disputou a fase de ascenso, mais nesa ocasión ascendeu o CD Cajamadrid, no grupo 2. Na tempada 1982-83 volveu disputar o ascenso enfrontándose no grupo A ao NIFSA Las Palmas, ao Móstoles e ao San Antonio. Tras cinco encontros, o Teka enfrontouse en Santander ao NIFSA, líder do grupo, ao que derrotou por 25-15, conseguindo o ascenso de categoría. Pouco despois enfrontouse ao campión do outro grupo, que tamén conseguiu o ascenso, o Granollers-2. Este partido decidía o campión nacional de Primeira, e que gañou o Teka por 26-21. O equipo nese partido estivo composto por Goñi, Badín, Merino, Iglesias, Solar, Morante, Mazorra, Charly, Sagarduy, Sanromán, Bárcena e Ortiz. Pasaran oito tempadas en Primeira División e realizaran tres intentos frustrados nas diferentes fases de ascenso a División de Honra, nas cales mantivérase o mesmo adestrador, Rafael Pastor, e o mesmo capitán, Pedro Bárcena.
Primeiros anos na elite Na súa primeira participación na División de Honra (1983-84) finalizou como noveno clasificado con 21 puntos e mantivo a categoría na última xornada, na que gañou ao CD Cajamadrid por 31-25. Nesa tempada destacou Senad Fetahajić, que fora fichado xunto a Gordan Žigić, Estrella, Postigo, Francés, Domínguez e Eslava.
Na tempada seguinte, o equipo fichou ao porteiro Miguel Ángel Zuñiga, a Julián Ruiz, a Ramos, a Gabi Ben Modo, a Paco Otí, e ao balcánico Slobodan Batinović. Conseguiron disputar a Copa do Rei, aínda que foron eliminados en semifinais polo F. C. Barcelona. Con todo, o Barcelona enfrontouse na final ao Atlético de Madrid, que tamén estaba clasificado para competicións europeas, polo que os semifinalistas disputaron un encontro para saber quen disputaría o ano seguinte a Recopa de Europa. O Teka enfrontouse en Alcalá de Henares ao Tecnisa Alicante, gañando por 30 goles a 20. Ese ano, para determinar o campión do título de liga disputáronse dúas fases. A primeira fase servía para poder dividir a segunda en tres grupos: o que disputaba o título, o de permanencia e o da zona media. O Teka clasificouse no grupo B (zona media), clasificándose primeiro con 8 puntos, só por detrás dos catro equipos que formaban o grupo que loitaba polo título: Atlético de Madrid, Barcelona, Tecnisa e Cacaolat Granollers.
A tempada 1985-86 foi o debut do club nunha competición europea, a Recopa de Europa. Para afrontar esta tempada prescindiuse de Fetahajić e Žigić e fichouse a Cimic, a Eduardo Sala e a Carlos Juan. Na primeira rolda da competición europea o equipo enfrontouse ao HC Volksbank Köflach austríaco, ao que derrotaron en ambos partidos por 25-27 e 31-23. Nos oitavos de final venceron ao Vikingur Reikiavik de Islandia por 21-22 e 20-18. Nos cuartos de final enfrontáronse ao VÁEV Epitok de Hungría, ao que gañaron na casa por 19 goles a 16, mais ante o que perderon por 29-20 en Veszprém, sendo eliminados. miniatura|200px|Chechu Villaldea chegou en 1987 ao Teka procedente do Club Balonmano Naranco. Esa mesma tempada, logo dun mal comezo na liga, o responsable da sección de balonmán, Antonio Revilla, substituíu o adestrador Rafael Pastor polo ex xogador Luis Morante. Co cambio gañaron ao Atlético de Madrid e remataron clasificándose para disputar a segunda fase entre os mellores, no grupo A. Con todo, foron sextos e últimos do grupo, polo que non puideron disputar a terceira fase entre os catro mellores. Finalmente foron segundos do grupo A-2 e puideron disputar como sextos da liga a Copa do Rei. A Copa do Rei disputouse en dúas sedes, en Santander e en Alacant. O Teka enfrontouse na casa ao Atlético de Madrid e ao Cacaolat Granollers, para acceder á semifinal contra o Barcelona. Con todo, perdeu por 26 goles a 20, malia chegar a ir gañando por 16-17.
Na tempada 1986-87 substituíuse a Cimic e Batinović por outros dous iugoslavos, Mladinović e Rašić, que procedían do RK Metaloplastika Šabac. Outras fichaxes foron Esteban, Félix Martínez e Miera. Clasificáronse para disputar a segunda fase no grupo A-1, no que chegou a ir primeiro logo de gañar ao Barcelona no Palau Blaugrana. Con todo, unha mala racha non lles permitiu acceder á eliminatoria polo título e finalizaron últimos con tres vitorias, dous empates e cinco derrotas. Na terceira fase só puideron ser terceiros por detrás do Atlético de Madrid e o Cacaolat, e tampouco puideron participar na Copa do Rei.
Ao ano seguinte contratouse ao porteiro Perico García, ao central Chechu Villaldea, ao pivote Luisón García, ao lateral dinamarqués Otto Mertz, e ao adestrador Javier García Cuesta. Modificouse o sistema de liga, cunha primeira fase con 12 equipos e unha segunda na cal sumábanse os puntos conseguidos entre os equipos que compuñan o grupo, 6. O equipo pasou á segunda fase como sexto clasificado con 8 puntos acumulados e terminou sendo quinto con 16 puntos. Clasificouse para a Copa do Rei, celebrada en Xirona, mais foi eliminado nos cuartos de final a mans do Cajamadrid por 27 goles a 23.
Época dourada Na 1988-89 causaron baixa Mladinovic e Mertz, e o club fichou o porteiro sueco Mats Olsson, o lateral islandés Arason, a Juan Francisco Muñoz Melo, a Javier Cabanas e a Nico Pradas. Foi precisamente nesa tempada cando atinxiu alzar o seu primeiro título oficial, a Copa do Rei logo de vencer en Bilbao o FC Barcelona por 25 a 20, logo de ter gañado anteriormente ao TNT Uniexpress (25-17) e ao Cajamadrid (25-18). Ademais esa mesma tempada clasificárase para a segunda fase polo título ante outros sete equipos. Foi líder durante a novena xornada, mais perdeu contra o Barcelona e finalmente só puido ser segundo. miniatura|esquerda|Manolo Cadenas, adestrador do equipo dende 1989 ata 1991. Na tempada seguinte (1989-90), o adestrador García Cuesta fíxose cargo da selección española e o club fichou a Manolo Cadenas para substituílo. Tamén asinaron polo club Jaume Puig, Carlos Álvarez e Aitor Echarburu para completar o equipo. Disputou outra vez a Recopa de Europa, na que venceu ao SC Empor Rostock, ao TV Grosswallstadt, ao Veszprém e por último ao HK Drott de Halmstad para levar ás súas vitrinas o primeiro título internacional. Na súa primeira participación na Supercopa de España xogaron contra o Cajamadrid e o Barcelona, mais foron derrotados por ambos en Éibar. Na liga non se disputaron fases, houbo un único grupo de dezaseis participantes. Toda a tempada foi moi disputada; na 23ª xornada o Teka quitoulle o primeiro posto ó Barcelona, mais perderon na 26ª xornada contra o Cajamadrid e o equipo volveu quedar ás portas do título ao finalizar na segunda posición. Este último equipo eliminounos nos cuartos de final da Copa do Rei.
Na primeira competición da tempada 1990-91, a Supercopa de España, o Teka derrotou o Elgorriaga Bidasoa nas semifinais por 29-19, mais caeu na final disputada fronte ao Barcelona por 22-18. Debido a que o ano anterior fora campión da Recopa de Europa, o club tivo a posibilidade de escoller entre disputar de novo esta competición ou a Copa IHF polo seu segundo posto na liga, decantándose finalmente pola primeira. Na competición europea eliminou o RK Zagreb nos cuartos de final, mais foron derrotados por 22-20 e 24-24 por Elgorriaga. Ese ano a liga volveu ao sistema de fases, con dous grupos nos que se clasificaban os cinco primeiros para o título. Logo de acceder ao grupo 1 da segunda fase, estiveron empatados co Barcelona na primeira posición durante varias xornadas, ata que perderon fronte ao Cacaolat Granollers e o propio Barcelona, para rematar finalmente segundos. O Barcelona gañou tamén a Copa de Europa, o que adxudicou outra praza máis para o ano seguinte na competición, que foi concedida ao segundo clasificado na liga, o Teka. Na Copa do Rei, disputada en xaneiro, o Teka derrotou ao Mepamsa San Antonio, ao Alzira Avidesa e ao Barcelona, para adxudicarse o terceiro posto, xa que nas semifinais caera fronte a Elgorriaga Bidasoa. Esa tempada tamén se celebrou a primeira edición da Copa ASOBAL en Eivisa, que daba acceso á Copa IHF ao ano seguinte. Clasificáronse os dous primeiros de cada grupo: Barcelona e Avidesa no grupo A, e Atlético de Madrid e Teka no grupo B. Nas semifinais derrotaron ao Barcelona por 21-13 e gañaron a final fronte ao Avidesa por 30-29, adxudicándose o título.