José Alberto Mato Pet, nado en Ponteceso o 23 de novembro de 1943 e finado en Carballo o 2 de xullo de 2009, foi un futbolista galego. Xogaba de porteiro.

Traxectoria Comezou a xogar ao fútbol no Galera, e máis tarde pasou ao equipo xuvenil do Orzán, no que xogaba de extremo. Un día, ante a ausencia do gardameta titular, colocouse el de porteiro, e dende entón ocupou esa posición.

En 1962 fichou polo Fabril, onde militou durante as seguintes tempadas, case sempre como suplente de Giráldez. O 16 de abril de 1967 debutou co Deportivo da Coruña na Primeira División, nun partido contra o FC Barcelona en Riazor, no que acabou lesionado e substituído no descanso. Formou parte do primeiro equipo tamén durante a tempada 1967/68, pero non chegou a disputar ningún partido oficial.

En setembro de 1968 saíu cedido ao Racing de Ferrol, da Segunda División. No equipo verde tampouco contou con protagonismo, sendo o porteiro titular Zumalabe. Xogou só un encontro oficial, unha derrota por 3-2 ante o Betis en Sevilla. En febreiro de 1969 foi operado do estómago e non volveu xogar durante meses.

No verán de 1969 rematou o seu contrato co Deportivo e asinou co Compostela, da Terceira División, co que xogou ata novembro. Máis tarde xogou no Ponteceso e nos veteranos do Bergantiños. Tras abandonar o fútbol rexentou unha zapataría en Carballo.

Notas

Categoría:Nados en 1943 Categoría:Nados en Ponteceso Categoría:Finados en 2009 Categoría:Futbolistas de Ponteceso Categoría:Gardametas de fútbol Categoría:Xogadores do Deportivo da Coruña Categoría:Xogadores do Deportivo Fabril Categoría:Xogadores do Racing de Ferrol Categoría:Xogadores da SD Compostela