José Martínez Dieste, coñecido como Xambella, nado en Tenencia (Boiro) o 19 de marzo de 1929 e finado en Santo Tirso (Portugal) en outubro de 1993, foi un futbolista galego, que xogaba de dianteiro centro.

Traxectoria Aínda que naceu en Tenencia (Boiro), onde seus pais tiñan unha panadería, trasladouse pouco despois coa súa familia a Noia. Proviña dunha familia vencellada ao fútbol: seu pai Jesús Xambella fora xogador do Barraña Sporting e do El Pueblo Gallego FC, mentres que por parte de súa nai Carme era sobriño do gardameta José Dieste.

Comezou a xogar ao fútbol en Boiro e logo pasou á canteira do Noia, debutando co primeiro equipo na década de 1940, co alcume de "Xambella" herdado de seu pai. Na tempada 1946/47 proclamouse subcampión da Serie A galega, quedando a un paso do ascenso. Tras un breve paso polo Club Santiago recalou no Lemos, tamén da Terceira División, onde destacou como goleador, anotando 15 goles en 17 partidos, catro deles nun mesmo partido da Copa do Xeneralísimo ante a Ponferradina.

O 29 de abril de 1948 fichou polo Deportivo da Coruña e debutou na Primeira División na primeira xornada da tempada 1948/49 ante o Alcoyano. Disputou só seis encontros ao longo da tempada, polo que na seguinte campaña saíu cedido ao Racing de Ferrol, da Segunda División. Disputou dez partidos no club ferrolán, ás ordes de Moreno, marcando catro goles, pero antes do remate da tempada foi reclamado por Scopelli para regresar ao Deportivo. Así, disputou outros 16 encontros co equipo coruñés, que esa mesma tempada estivo a piques de gañar a liga, rematando finalmente subcampión por detrás do Atlético de Madrid.

Con todo, as chegadas de Corcuera e Oswaldo relegárono ao Xuvenil, co que xogou na Terceira División nas tempadas 1950/51 e 1951/52.

En febreiro de 1952 fichou polo Tirsense da Segunda División de Portugal. A súa chegada coincidiu co cesamento do técnico Artur Pinga, polo que a directiva pediulle a Dieste que actuase como xogador-adestrador no que restaba de tempada, perdendo só un dos cinco partidos restantes, e foi renovado para a tempada seguinte. Para a tempada 1954/55 fichou como novo xogador do Porto, co que disputou 11 encontros na Primeira División. A continuación regresou ao Tirsense, no que militou tres campañas, e posteriormente pasou polo Sporting de Espinho e polo Feirense. Neste último actuou como xogador-adestrador, conseguindo un ascenso á Segunda División.

Trala súa retirada asentouse definitivamente en Portugal e faleceu en Santo Tirso en outubro de 1993, aos 64 anos de idade.

Notas

Categoría:Nados en Boiro Categoría:Nados en 1929 Categoría:Futbolistas da provincia da Coruña Categoría:Dianteiros de fútbol Categoría:Xogadores do Club Santiago Categoría:Xogadores do Club Lemos Categoría:Xogadores do Deportivo da Coruña Categoría:Xogadores do Racing de Ferrol Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes Categoría:Xogadores do FC Porto Categoría:Xogadores do CD Feirense Categoría:Adestradores de fútbol de Galicia Categoría:Finados en 1993