José Manuel Sertucha Ereñozaga, nado en Gatika (Biscaia) o 1 de xaneiro de 1941 e finado na Coruña o 21 de xaneiro de 2014, foi un futbolista e adestrador de fútbol español. Xogaba de defensa.
Traxectoria Debutou como profesional na tempada 1961–62 co Osasuna en Primeira División, nun partido contra o Real Madrid no campo de San Juan. Foi un dos seus dous únicos partidos esa campaña, sendo o outro un encontro fronte ao CD Málaga na Copa do Xeneralísimo. Na seguinte tempada xogou cedido no Alavés, disputando 30 partidos cun bo rendemento. Reincorporouse ao Osasuna en 1963, xogando tres tempadas máis co club navarro, todas en Segunda.
Na tempada 1966–67 fichou polo Deportivo da Coruña, nunha operación pola que saíron cara ao Osasuna Escolà e Beci, este último como cedido. Permaneceu no club coruñés 5 campañas. No seu primeiro exercizo como branquiazul participou en 23 encontros e anotou 4 goles, mais descendeu a Segunda División, volvendo a Primeira ao ano seguinte como campión de Segunda. No Dépor viviu un novo descenso na tempada 1969–70, logrando o ascenso un ano despois. Durante eses anos compartiu defensa con futbolistas como Domínguez, Campanal II ou Aurre.
Na tempada 1971–72 firmou polo Xerez CD, de Segunda División, co que xogou só 10 partidos, descendendo a Terceira División ao remate da campaña.
Trala súa retirada regresou á Coruña, onde traballou no Deportivo da Coruña, como adestrador en dúas etapas do equipo xuvenil e tamén como segundo adestrador do primeiro equipo.
Faleceu o 21 de xaneiro de 2014 nun hospital coruñés. Un ano despois foi homenaxeado postumamente nun partido entre futbolistas da Asociación de Fútbol Afeccionado da Coruña e veteranos do Deportivo, que serviu como inauguración dun novo terreo de xogo no Campo Municipal de Fútbol Rodrigo García Vizoso.
Vida persoal Era irmán dos tamén futbolistas Ángel Sertucha e Secundino Sertucha. Casou cunha coruñesa, coa que rexentou durante tres décadas unha tenda de deportes na avenida Bos Aires da cidade galega. Foi pai do tamén futbolista e músico Aritz Sertucha, que xogou entre outros no Ural, o Español ou o Fabril, e que formou parte da banda Milana, ademais de ter unha carreira en solitario.
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas Datos do xogador en BDFutbol . Datos do xogador en ceroacero.es .
Categoría:Nados en 1941 Categoría:Finados en 2014 Categoría:Nados en Gatika Categoría:Futbolistas do País Vasco Categoría:Defensas de fútbol Categoría:Xogadores do CA Osasuna Categoría:Xogadores do Deportivo Alavés Categoría:Xogadores do Deportivo da Coruña Categoría:Xogadores do Xerez CD Categoría:Adestradores de fútbol do País Vasco