David Hume, nado en Edimburgo o 7 de maio de 1711 e finado na mesma cidade o 25 de agosto de 1776, foi un filósofo e historiador escocés. Xuntamente con Adam Smith e Thomas Reid, foi unha das figuras máis importantes da chamada ilustración escocesa.

Biografía Hume naceu en Edimburgo e estudou na universidade local. O pai morreulle cando David Hume era aínda cativo. Inicialmente, pensou en seguir a carreira xurídica mais, nas súas palabras, chegou a unha "aversión total a todo o que non fose o camiño da filosofía e da aprendizaxe en xeral". A súa nai ficou asustada coa decisión, mais Lord Kames, un parente e protector de Hume, tranquilizouna.

Proseguiu os estudos como autodidacta en Francia, onde redactou a súa obra A Treatise of Human Nature ("Tratado sobre a natureza humana") con 26 anos. A pesar de que moitos académicos consideren hoxe o "Tratado" como a obra máis importante de Hume e un dos libros máis significativos da historia da filosofía, o público británico non se entusiasmou inmediatamente. Hume esperaba un ataque ao seu libro e preparábase para o defender apaixonadamente. Para a súa sorpresa, pasou desapercibido. O propio Hume describiu a (falta de) reacción do público á publicación do tratado en 1739-40 ao escribir que o libro "saíra da editora morto ao nacer".

Concluíu que o problema do tratado era o estilo e non o contido, así que o recortou e lle deu un estilo máis lixeiro, renovou parte do material para consumo máis popular nun esforzo que tivo como resultado o "Inquérito relativo á comprensión humana". Tampouco foi moi exitoso de público, aínda que mellor có Tratado. O "Inquérito" leuno Immanuel Kant, entón un descoñecido profesor universitario en Königsberg, xa de idade avanzada e sen ningunha obra relevante. Kant dixo que este libro lle fixo espertar do seu "soño dogmático". Kant nunca leu o "Tratado da Natureza Humana".

En 1744 negáronlle a cátedra a Hume nas universidades de Edimburgo e de Glasgow, probabelmente porque o acusaron de ateísmo e pol oposición dun dos seus principais críticos, Thomas Reid.

Despois destes sucesos, Hume traballou como psiquiatra e posteriormente como secretario dun xeneral. Viviu a última década da súa vida en Edimburgo, na cidade nova.

O legado de Hume Hume é visto por veces como o terceiro e o máis radical dos chamados empiristas británicos, despois de John Locke e George Berkeley. A influente filosofía de Hume é famosa polo seu profundo escepticismo, a pesar de que moitos especialistas prefiren destacar a súa compoñente naturalista. O estudo da obra de Hume oscilou entre aqueles que poñen a énfase no lado escepticista (Reid, Greene, e os positivistas lóxicos) e aqueles que enfatizan o lado naturalista (como Kemp-Smith, Stroud, e Galen Strawson).

David Hume era ateo, e vivía nunha sociedade escocesa maioritariamente presbiteriana. Politicamente, Hume era un liberal do partido whig, favorable á unión entre a Escocia e Inglaterra de 1707. A lingua materna de Hume era o escocés. Falaba inglés cun forte sotaque. Así e todo, o seu inglés escrito era exemplar. Hume foi un dos ilustres membros da Select Society de Edimburgo. Seguindo atentamente os acontecementos nas colonias americanas, David Hume tomou partido pola independencia americana. En 1775 díxolle a Benjamin Franklin: "eu son un americano nos meus principios".

Velaquí algunhas das súas contribucións á filosofía:

O problema da causalidade Cando un evento provoca outro evento, a maioría das persoas pensa que somos conscientes dunha conexión entre os dous que fai que o segundo siga o primeiro.

Hume cuestionou esta crenza, notando que se é obvio que nos decatamos de dous eventos, non temos necesariamente porque supor unha conexión entre os dous. E como nos habemos nós de decatar desta misteriosa conexión máis que a través da nosa percepción?

Hume negou que poidamos facer calquera idea de causalidade que non sexa a través do seguinte: Cando vemos que dous eventos sempre ocorren conxuntamente, tendemos a criar unha expectativa de que cando ocorre o primeiro o segundo seguirá.

Esta conxunción constante e a expectativa dela son todo o que podemos saber da causalidade, e todo o que a nosa idea de causalidade pode inferir. Unha tal conceptualización rouba á causalidade a súa forza e algúns Humeanos posteriores, como Bertrand Russell, desmentiron a noción de causalidade en xeral como algo parecido á superstición.

Mais isto é unha violación do senso común. O problema da causalidade: Que xustifica a nosa crenza nunha conexión causal? Que tipo de conexión podemos percibir? É un problema que non ten solución unánime. A perspectiva de Hume parece ser que nós (como os outros animais) temos unha crenza na causalidade semellante a un instinto, que se basea no desenvolvemento dos hábitos do noso sistema nervioso. Unha crenza que non se pode eliminar mais que tampouco se pode ser probar como verdadeira por ningún argumento, dedutivo ou indutivo, tal como na cuestión da nosa crenza na realidade do mundo exterior.

O problema da indución Todos nós cremos que o pasado é un guía fiable para o futuro. Por exemplo: as leis da física que describen as órbitas celestes funcionan para a decisión do comportamento planetario ata aos días de hoxe. Dese modo presumimos que van funcionar para a descrición no futuro tamén. Mais como podemos xustificar esta presunción, o principio da indución?

Hume suxeriu dúas xustificacións posíbeis e rexeitou ambas. O problema permanecería aberto, ata que Karl Popper o solucionou. A primeira xustificación avanzada por Hume é que por razóns de necesidade lóxica, o futuro ten de ser semellante ao pasado. Mais, Hume nota que podemos concibir un mundo errático e caótico onde o futuro non ten nada que ver co pasado ou entón, máis submisamente, un mundo tal como o noso ata ao presente, ata que certo punto as cousas mudan completamente.

A segunda xustificación, máis modestamente, apela apenas para a seguranza pasada da indución: sempre funcionou así, por iso é probable que continúe a funcionar. No entanto, como Hume lembrou, esta xustificación apenas usa un raciocinio circular, xustificando a indución por un apelo que require a indución para ter efecto.

O problema da indución aínda permanece. Karl Popper, como se dixo, presenta unha solución elegante e convincente, que exclúe calquera solución definitiva ou dogmática. A visión de Hume parece ser que nós (como outros animais) temos unha crenza instintiva que o noso futuro será semellante ao pasado, con base no desenvolvemento de hábitos do noso sistema nervioso. Unha crenza que non podemos eliminar mais que non podemos probar ser verdadeira por calquera tipo de argumento, dedutivo ou indutivo, tal como é o caso con respecto á nosa crenza na realidade do mundo exterior.

Para traballo contemporáneo relevante, ver a compilación de Richard Swinburne's: "The Justification of Induction".

A teoría monllo do Ego (The Bundle Theory of the Self)

Acostumamos pensar que somos a mesma persoa que eramos hai 5 anos atrás. A pesar de termos mudado en moitos aspectos, a mesma persoa está presente tal como estaba presente no pasado. Podemos comezar a pensar sobre os aspectos que se poden alterar sen que o propio (individuo) subxacente mude. Hume, no entanto, nega que exista unha distinción entre os varios aspectos dunha persoa e mailo individuo misterioso que supostamente transporta todas estas características.

Porque no fundo, como Hume afirma, cando se comeza a introspección, notamos un grupo de pensamentos e sentimentos e percepcións e todo iso, mais nunca nos apercibimos dunha substancia á cal poidamos chamar "o ego". Por iso, tanto canto podemos dicir, conclúe Hume, non hai nada relativamente ao ego que estea enriba dun gran monllo de percepcións transitorias. Hai que notar que, na perspectiva de Hume, non hai nada ao cal estas percepcións pertencen. Polo contrario, Hume compara a alma co pobo dunha nación (commonwealth), que reten a súa identidade non en virtude dunha substancia básica permanente, mais que é composto de moitos elementos relacionados mais en permanente mutación. A cuestión da identidade persoal tórnase así unha cuestión de caracterizar a cohesión frouxa da experiencia persoal vivida. (Notar que no Apéndice do tratado, Hume di misteriosamente que el estaba insatisfeito co seu xuízo do ego, sen ter, porén, regresado a esta cuestión).

Para traballo contemporáneo relevante, ver "Reasons and Persons", de Derek Parfit.

A razón práctica: Instrumentalismo e Nihilismo A maioría de nós pensa que certos comportamentos son máis razoábeis que outros. Parece haber calquera cousa de abstruso en, por exemplo, comer unha folla de aluminio. Mais Hume negou que a razón tivese algún papel importante en motivar ou desencoraxar o comportamento. No fundo, a razón é apenas unha especie de calculadora de conceptos e experiencia. O que no fundo importa, di Hume, é como nos sentimos en relación a ese comportamento. O seu traballo xerou a doutrina do instrumentalismo, que declara que unha acción é razoable se e só se ela serve os obxectivos e desexos do axente, calquera que estes sexan. A razón pode entrar neste esquema apenas como un servo, informando o axente de feitos útiles relativos ás accións que serven os seus obxectivos e desexos, mais nunca condescendendo a dicir ao axente que obxectivos e desexos el deberá ter.

Así, se vostede quixer comer unha folla de aluminio, a razón diralle onde atopar unha folla de aluminio, e non haberá nada de irracional comela ou en desexala. O instrumentalismo pasará a ser unha visión ortodoxa da razón práctica en economía, teoría das escollas racionais e algunhas outras ciencias sociais. Mais algúns comentadores argumentan que Hume foi máis alén do nihilismo, e dixo que non hai nada de irracional en deliberadamente frustrar os seus propios obxectivos e desexos ("eu quero comer folla de aluminio, por iso deixame selar a miña boca"). Tal comportamento sería altamente irregular, tirando calquera papel á razón, mais non sería contrario á razón, que é impotente en facer xuízos neste dominio.

Para traballo contemporáneo relevante, ver "The Authority of Reason" de Jean Hampton e "Rational Choice and Moral Agency" de David Schmidtz.

Antirrealismo moral e motivación No seu ataque ao papel da razón no xuízo do comportamento, Hume argumentou que o comportamento inmoral non é inmoral por ir contra a razón. El primeiro defendeu que as crenzas morais están intrinsecamente motivantes: se vostede considera que matar é errado, vostede estará motivado "ipso facto" a non matar e a criticar a matanza (internalismo moral). El lémbranos deseguida que a razón por si soa non motiva a ninguén: a razón descobre os feitos e a lóxica, mais depende dos nosos desexos e preferencias canto á percepción daquelas verdades e se iso nos motiva. Consecuentemente, a razón por si non produce crenzas morais. Hume propuxo que a moralidade depende ultimamente do sentimento, sendo o papel da razón apenas o de preparar o camiño para os nosos sensíbeis xuízos por análise da materia moral en cuestión.

Este argumento contra os fundamentos da moralidade na razón é hoxe un dos argumentos pertencentes ao arsenal do antirrealismo moral; o filósofo Humeano John Mackie argumentou que para que os feitos morais se fagan reais sobre o mundo e ao mesmo tempo, intrinsecamente motivantes, eles terían que ser feitos moi estraños. Temos pois todos os motivos para desacreditalos.

Para traballo contemporáneo relevante, ver: Inventing Right and Wrong, de J.L. Mackie; "Hume's Moral Theory", de Mackie; "Moral Realism and the Foundation of Ethics" de David Brink e "The Moral Problem" de Michael Smith.

Libre-Arbitrio vs. Indeterminismo (Free Will vs. Indeterminism)