Nadia Elena Comăneci, nada en Oneşti o 12 de novembro de 1961, é unha ximnasta romanesa retirada, que competiu na disciplina de ximnasia artística. Segue a ser considerada un ídolo mundial deportivo e unha das grandes atletas de todos os tempos.
Comăneci foi unha das primeiras alumnas do adestrador Béla Károlyi. Na súa carreira gañou 9 medallas olímpicas, 5 delas de ouro, e foi a primeira ximnasta en conseguir un 10 (execución perfecta) en ximnasia artística nuns Xogos Olímpicos. Amais, conseguiu 4 medallas mundiais e 12 europeas. Xunto coa rusa Svetlana Khorkina, Nadia é posuidora do tricampionato do individual xeral continental, amais de ser bicampioa olímpica na barra de equilibrio. No que respecta aos campionatos nacionais, aínda posúe o pentacampionato do concurso xeral.
Dende que deixou a vida de atleta profesional, Comăneci continuou involucrada no deporte. É membro dalgunhas asociacións e federacións, fundadora dunha institución filantrópica e colaboradora noutras tanto en Romanía como nos Estados Unidos. Colabora coa revista International Gymnast, unha das publicacións máis importantes da ximnasia, xunto co seu marido, o tamén ximnasta retirado Bart Conner. Polas súas notas e conquistas, é considerada unha das maiores ximnastas da modalidade de todos os tempos. Fuxida do réxime comunista de Romanía, afincouse nos Estados Unidos e tornouse cidadá do país. Alí tivo o seu único fillo, Dylan, e abriu un ximnasio e unha empresa de equipamentos ximnásticos que produce unha liña de roupa.
Entre os recoñecementos persoais conta coa dobre Orde Olímpica. Cando lle foi entregada a primeira era a atleta máis nova en conseguir tal distinción. Foi elixida como unha das cen mulleres máis importantes do século XX. Desde 1993 figura no International Gymnastics Hall of Fame, no cal foi a segunda inserida dende a súa inauguración. Foi elixida polo líder comunista romanés Nicolae Ceauşescu como unha "heroína do traballo socialista", a máis nova en conseguilo. Tamén foi elixida en Romanía a atleta máis importante do país nunha votación realizada en 2006. En 2007 foi escollida polo público como a celebridade máis confiable da nación. Foi elixida a mellor atleta do século XX polo xornal portugués Mundo Desportivo e recibiu da World Records Academy o título de recordista mundial na súa modalidade.
Traxectoria Primeiros anos Nadia naceu en Onești, unha pequena cidade nos Cárpatos romaneses, o 12 de novembro de 1961, filla de Gheorghe Comăneci, mecánico de coches, e Ştefania Alexandrina, ama de casa.Comăneci, p. 4 Os pais separáronse nos anos 1970 e o pai trasladouse posteriormente a Bucarest. Comăneci creceu na República Socialista de Romanía, cando o país se encontraba baixo un réxime gobernamental unipartidista de ideoloxía marxista-leninista. Aínda que era un aliado soviético durante a guerra fría (entre 1947 e 1989), non formaba parte da Unión Soviética. Ela e seu irmán máis novo, Adrina, criáronse na fe da Igrexa ortodoxa romanesa.Comăneci, p. 5 O seu nome procede do diminutivo ruso de Nadiejda e significa esperanza. Segundo a súa nai, durante o embarazo viu un filme no que a protagonista se chamaba Nadia e decidiu que a súa filla tamén se chamaría así. Nadia viviu coa súa familia nun pequeno apartamento de Onești. Moi activa durante a súa infancia, gustáballe tanto saltar que rompeu os resortes de catro sofás da casa.
Comăneci comezou a practicar ximnasia nunha escola local cun equipo chamado Flacăra ("A Chama"), cos adestradores Duncan e Munteanu. Unha vez, xogando á ximnasia cunha amiga no patio da escola, foi vista por Béla Károlyi mentres facía rodas. Ao achegarse a falar coas nenas escoitou tocar o sinal e estas entraron no colexio. Insatisfeito, entrou na escola, e foi clase por clase buscando as dúas rapazas. Na terceira clase na que entrou, encontrounas e convenceunas para que fixeran a proba para adestrar. Nadia camiñou pola barra de equilibrio, un aparello ao cal as nenas tiñan medo, saltou e cumpriu os requisitos para iniciar os seus adestramentos aos 6 anos de idade.Comăneci, pp. 17–19 Nunha ocasión, o adestrador declarou que Nadia era a pupila perfecta:
Nunha entrevista en 2011, a nai de Nadia, Ştefania, dixo que inscribira á súa filla en clases de ximnasia porque era unha nena activa e chea de enerxía, difícil de manexar.
Romanía júnior miniatura|dereita|Teodora Ungureanu, Béla Károlyi e Nadia Comăneci nos anos 1970. Comăneci comezou a adestrar con Károlyi cando tiña 7 anos, en 1968. Foi unha das primeiras alumnas da escola de ximnasia que Béla e a súa muller Márta, daquela considerados os preparadores máis célebres do país e responsables do equipo nacional romanés, fundaron en Onești. Ao contrario do que ocorría con moitas outras alumnas da escola, Comăneci podía ir a diario á súa casa durante moitos anos, xa que vivía na cidade.Comăneci, p. 19 Durante este período, pasou a adestrar seis días á semana, catro horas ao día. A nena era a primeira en chegar, quecer, practicar e mellorar intensamente os mesmos movementos. Xa apta para competir, en 1969 participou no seu primeiro campionato nacional en categoría júnior, onde finalizou na 13ª posición, sendo a ximnasta máis nova en conseguir ese posto. Con todo, ao ano seguinte xa conseguira gañar a competición. Tan só un ano despois, en 1971, chegou o primeiro triunfo internacional da ximnasta romanesa, na Copa da Amizade disputada en Bulgaria, aínda que non sería ata o ano seguinte cando os técnicos de todo o mundo fixáronse nela logo de conseguir, con tan só once anos, dúas medallas de ouro na Copa das Esperanzas Olímpicas disputada na capital búlgara. Previamente ese ano, debutara nunha competición internacional, un encontro júnior dobre entre Romanía e Iugoslavia, gañando o título xeral e axudou ao seu equipo a gañar o ouro. Durante os anos seguintes competiu como júnior en numerosos campionatos nacionais no seu país e encontros dobres con países como Hungría, Italia, e Polonia. En 1973, con 11 anos, gañou o ouro no concurso xeral, así como o poldro, e as barras asimétricas, no Torneo da Amizade Júnior disputado en Druzhba, unha importante reunión internacional para ximnastas de categoría júnior.Comăneci, pp. 27–28
O maior éxito internacional de Comăneci chegou en 1975, cando tiña 13 anos, cando estivo a piques de arrasar no Campionato de Europa celebrado en Skien (Noruega). Alí gañou o concurso xeral logo de superar á multimedallista Ludmilla Tourischeva, así como as medallas de todos os aparellos coa excepción do solo, no que finalizou segunda, sendo superada pola soviética Nellie Kim. Cómpre lembrar que logo da segunda guerra mundial, Romanía convertérase nun país satélite da Unión Soviética e non estaba ben visto en Moscova que atletas non soviéticos destacaran tanto e con tanta diferenza respecto das ximnastas "oficiais" do réxime, feito que provocou máis dun problema con Nadia e o seu equipo durante a súa carreira.
Ese mesmo ano, a ximnasta tamén competiu no Champions All e conquistou unha medalla de ouro no concurso xeral. Xa no Campionato Nacional Romanés, conquistou as medallas de ouro no individual xeral, no salto, na barra e nas barras asimétricas. No solo, de novo finalizou na segunda posición. 1975 tamén foi ano de disputa do preolímpico en Montreal. Nel, Comăneci conquistou o individual xeral e as barras asimétricas. No salto e no solo, conseguiu a medalla de prata, e na barra finalizou na terceira posición. No Campionato Romanés, conquistou a medalla de ouro no concurso xeral, por equipos, no salto, nas barras asimétricas e na barra. No solo finalizou unha vez máis en segundo lugar. O ano 1975 finalizaría coa elección de Nadia como atleta do ano pola Associated Press.
En cinco anos na categoría júnior, a atleta conquistou 55 medallas, entre as cales destacan catorce vitorias no concurso xeral, en vinte eventos nacionais e internacionais disputados.
Romanía sénior A entrada de Nadia na categoría sénior do seu país produciuse a tempo de permitirlle participar nos Xogos Olímpicos de verán de 1976 disputados en Montreal (Canadá). A principios do ano, a ximnasta participou na primeira edición da Copa América, que tivo lugar no Madison Square Garden de Nova York. Na competición, Nadia conseguiu as súas primeiras notas de 10 nas probas de salto, tanto na cualificación como na final do aparello. Para finalizar, a ximnasta conseguiu a vitoria no concurso xeral individual e converteuse na primeira ximnasta en realizar un dobre mortal invertido como saída das barras asimétricas. Foi precisamente durante a Copa América cando coñeceu ao atleta internacional estadounidense Bart Conner que, como lembra Comăneci nas súas memorias, celebraba o seu 18º aniversario.Comăneci, p. 53 Ambos gañaron unha copa de prata e foron fotografados xuntos. Uns meses despois ambos participaron nos Xogos Olímpicos de 1976, no que Comăneci dominou mentres Conner foi unha figura marxinal. O ximnasta lembrou posteriormente que "ninguén me coñecía, e [Comăneci] certamente non me prestou atención".
Ao longo dese ano, disputou cinco duelos entre o Canadá, Alemaña Occidental, Gran Bretaña, os Estados Unidos e os Países Baixos, dos cales saíu vitoriosa nas probas por equipos e no concurso xeral. No campionato nacional do seu país, Nadia conquistou o seu bicampionato logo de conseguir a primeira vitoria da categoría sénior nesta competición. No verán, con 14 anos Nadia converteuse na estrela indiscutible dos Xogos Olímpicos de 1976 celebrados en Montreal, Canadá, conseguiu sete veces dos xuíces a puntuación perfecta (10 de todos os xuíces), e á súa volta a Romanía déuselle a distinción de Heroe Socialista do Traballo. A finais do ano, Comăneci competiu na Copa Chunichi, no Xapón, na cal conquistou as medallas de ouro no salto e nas asimétricas, amais de conseguir un dez en ambos aparellos. miniatura|dereita|Nadia Comăneci nos Xogos Olímpicos de Moscova en 1980. En 1977, Nadia converteuse en octocampioa por equipos e no concurso xeral logo se gañar en tres duelos contra España, Francia, e novamente os Estados Unidos. A ximnasta romanesa mantivo o seu título no concurso individual xeral do Campionato de Europa dese ano celebrado en Praga, e no cal conquistou tamén a medalla de ouro nas asimétricas, empatada coa soviética Elena Mukhina, e a prata no salto. Con todo, unha orde do gobernante romanés Ceaușescu fixo que todo o equipo volvese da competición, abandonando así os concursos finais da barra de equilibrio e o solo. De volta en Romanía, as ximnastas descubriron que deberían deixar aos seus técnicos para adestrar no complexo deportivo escollido polo comunista. Este feito prexudicou a participación de Comăneci no Campionato do Mundo que se celebrou ao ano seguinte, así como as outras competicións, aínda que tiña gañado nun novo duelo contra Italia, tanto no concurso colectivo como no individual. Para finalizar o ano, as romanesas partiron a unha xira entre México e os Estados Unidos, na cal a ximnasta presentouse con máis altura e corpo, aínda que seguiu atraendo bastante a atención do público.
Afastada da competición durante o ano, finalmente participou no Mundial de 1978 e conseguiu o ouro na barra de equilibrios, Nadia puido volver adestrar cos Károlyi e, ao ano seguinte gañou o seu terceiro concurso xeral individual de xeito consecutivo no Campionato de Europa celebrado en Copenhague, ao superar á súa compatriota Emilia Eberle, que fora campioa nacional o ano anterior, converténdose deste xeito na primeira ximnasta, entre mulleres e homes, tricampioa europea. Na final da Copa do Mundo de Ximnasia Artística celebrada ese mesmo ano en Tokyo, conseguiu a vitoria en tres aparellos, mais non conseguiu unha puntuación o suficientemente alta como para subir ao podio no concurso xeral.