A xirafa (Giraffa) é un xénero de mamíferos artiodáctilos propio de África, o animal terrestre vivo máis alto e o maior ruminante. O xénero comprende varias especies, incluíndo a Giraffa camelopardalis que é a especie tipo. Sete destas especies están extintas. O xénero considerábase unha soa especie con numerosas subespecies, pero tras investigacións do seu ADN pasou a facerse unha clasificación de catro especies dentro do xénero Giraffa: Giraffa giraffa (xirafa do sur), Giraffa tippelskirchi (xirafa masai), Giraffa reticulata (xirafa reticulada) e Giraffa camelopardalis (xirafa do norte). As características principais deste xénero son o seu longo pescozo e patas, dúas protuberancias na cabeza e as marcas distintivas na pelaxe, e cada unha das catro especies distínguese segundo os padróns destas marcas ademais de pola súa xenética. O xénero clasifícase dentro da familia Giraffidae xunto ao seu parente máis próximo, o ocapi.
A área de distribución da xirafa esténdese dende o Chad ao norte ata Suráfrica no sur, e desde o Níxer no oeste ata Somalia no leste, e comprende hábitats de sabanas, sabanas arboradas e bosques abertos. A súa fonte primaria de comida son as follas de acacia, árbores que crecen ata alturas ás que a maioría dos outros herbívoros non poden chegar. O principal predador da xirafa é o león, aínda que as crías son tamén cazadas por leopardos, hienas e licaóns. Os espécimes adultos non posúen lazos sociais fortes, malia que poden asociarse en conxuntos dispersos cando se atopan mentres se desprazan nunha mesma dirección. Os machos establecen unha xerarquía social pelexándose entre eles usando o pescozo como arma, na que os machos dominantes son os que teñen acceso ás femias, que son as que se encargan de coidar das crías.
A xirafa foi un animal destacado para varias culturas antigas e modernas pola súa particular aparencia, e é habitual a súa aparición en pinturas, libros e debuxos. Está clasificada pola IUCN como vulnerable, xa que a súa área de distribución orixinal se foi reducindo considerablemente dende os primeiros estudos da especie, e algunhas das subespecies foron clasificadas pola IUCN como ameazadas en perigo de extinción. Segundo a IUCN o número de individuos desta especie reduciuse entre un 36% e un 40% dende o ano 1985 ata chegar a uns 95 700 individuos vivos en liberdade na natureza no ano 2015.
Etimoloxía O nome común «xirafa» provén do árabe الزرافة que ten sido traducido como «camiñante rápido», e que probablemente derivou do nome somalí geri. A forma italiana giraffa ten a súa orixe ao redor do 1590, e despois entrou noutros idiomas.
O epíteto de especie do seu nome científico (camelopardalis) fai referencia a que ten unha forma semellante aos camelos e as cores da súa pelaxe semellan ás dos leopardos. Procede do grego καμηλοπάρδαλη kamēlopárdalē, que pasou ao latín como camelopardalis, que significa «camelo leopardo».
Kameelperd é o nome da especie en afrikaans. Outros nomes en linguas africanas para a xirafa inclúen ekorii (teso), kanyiet (elgon), nduida (gikuyu), tiga (kalenjin e luo), ndwiya (kamba), nudululu (kihehe), ntegha (kinyaturu), ondere (lugbara), etiika (luhya), kuri (ma'di), oloodo-kirragata ou olchangito-oodo (masai), lenywa (meru), hori (pare), lment (samburu) e twiga (suahili e outros) no leste; e tutwa (lozi), nthutlwa (tsonga), indlulamitsi (suazi), thutlwa (tswana), thuda (venda) e ndlulamithi (zulú) no sur.
Taxonomía e evolución miniatura|200px|dereita|Reconstrución da especie Samotherium A xirafa pertence a suborde Ruminantia. Moitas das especies desta suborde descríbense coma orixinadas no período Eoceno en Asia Central, o suroeste de Asia e máis en Norteamérica, período no que as condicións ecolóxicas puideron facilitar a súa rápida dispersión. A xirafa é unha das dúas únicas especies vivas da familia Giraffidae xunto ao ocapi. Esta familia foi moito máis extensa, tendo uns 10 fósiles descritos. Os seus familiares máis próximos son os extintos Climacoceratidae, que xunto á familia Antilocapridae (á que pertence o Antilocapra americana) pertencen á superfamilia Giraffoidea. Estes animais puideron evolucionar da familia extinta Palaeomerycidae, que tamén se atribúe coma antepasado dos Cérvidos.
Mentres que algunhas das especies extintas de Giraffidae tiñan corpos de gran tamaño, outras tiñan un corpo máis alongado. Un antepasado da xirafa era o Canthumeryx, con varias datacións que van dende fai 25 a 20 millóns de anos, 17 a 15 millóns de anos ou 18 a 14 millóns de anos, e do que se teñen atopado depósitos fósiles en Libia. Este animal era de tamaño medio, esvelto e con forma de antílope. Outro antepasado, o Giraffokeryx, apareceu fai 15 millóns de anos no subcontinente Indio e semellaba un ocapi ou xirafa pequena que tiña un pescozo máis alongado e dúas protuberancias na cabeza compostas de cartilaxe. O Palaeotragus, que data de fai 14 millóns de anos e viviu dende África oriental ata Mongolia, semellábase ao ocapi e atribúese coma antepasado deste. Tiña un cranio máis alongado e amplo e presentaba un dimorfismo sexual. O Samotherium substituíu o Palaeotragus fai entre 10 e 9 millóns de anos, e eran uns animais máis grandes con facianas máis alongadas, cavidades sinusais máis desenvolvidas e un perfil máis semellante ao das xirafas. Viviron en África e en Eurasia. A especie Bohlinia, que data de hai entre 9 e 7 millóns de anos, viviu no sueste de Europa e probablemente descendeu do Samotherium, e considérase un antepasado directo da xirafa. A especie Bohlinia asemellábase con claridade ás xirafas modernas, cun longo pescozo e longas patas, e con protuberancias na cabeza e dentadura semellantes. miniatura|250px|esquerda|Fósil de Giraffa jumae no Natural History Museum de Londres.
A especie Bohlinia introduciuse na China e o norte da India debido ao cambio climático. Dende alí, evolucionou o xénero Giraffa e hai uns 7 millóns de anos entrou a África. Os seguintes cambios climáticos causaron a extinción das especies asiáticas, mentres que as africanas sobreviviron e deron lugar a novas especies. G. camelopardalis apareceu hai aproximadamente 1 millón de anos en África oriental durante o período Plistoceno. Algúns biólogos suxiren que a xirafa moderna descende da especie Giraffa jumae, mentres que outros sinalan a Giraffa gracilis como candidata máis plausible. G. jumae era máis grande e tiña unha constitución máis pesada mentres que G. gracilis era máis pequena e tiña unha constitución máis lixeira. O principal factor que guiou a evolución das xirafas pénsase que foi o cambio dende vivir en bosques extensos a outros hábitats máis abertos ocorrido hai uns 8 millóns de anos. Algúns investigadores sosteñen a hipótese de que este novo hábitat, xunto cun cambio de dieta que pasou a incluír as especies de acacias, puido ter exposto aos antepasados das xirafas a toxinas que causaron un ritmo de mutación máis rápido e unha taxa de evolución máis alta. Os padróns da pelaxe das xirafas modernas poden atribuírse tamén a estes cambios de hábitat, e existe a hipótese de que as xirafas asiáticas tiñan unha coloración máis semellante á dos ocapi.
A xirafa foi unha das especies descritas por primeira vez por Carl Linnaeus en 1758, ás que deu o nome binomial de Cervus camelopardalis. Posteriormente, Morten Thrane Brünnich clasificouna no xénero Giraffa en 1772. A comezos do século XIX, Jean-Baptiste Lamarck teorizou que o longo pescozo das xirafas era unha «característica adquirida», desenvolvida ao longo de xeracións polas xirafas que tentaban acadar as follas de árbores altos. Esta teoría foi rexeitada finalmente, e os científicos sosteñen que o pescozo das xirafas desenvolveuse por medio da selección natural, indicando que as xirafas que tiñan pescozos longos posuían unha vantaxe competitiva que lles axudaba a reproducirse e pasar o seu material xenético ás seguintes xeracións.
Especies e Subespecies miniatura|400px|dereita|Rangos aproximados de distribución xeográfica, padróns de manchas e relacións filoxenéticas entre subespecies baseándose en secuencias de ADN mitocondrial. Un estudo de 2007 da xenética de seis das subespecies (a Xirafa de África occidental, a Xirafa de Rothschild's, a Xirafa reticulada, a Xirafa masai, a Xirafa angolana e a Xirafa surafricana) suxeriu que todas elas podían ser de feito especies distintas. Os resultados do estudo das diferenzas nos ADN nuclear e mitocondrial (ADNmt) indicou que as xirafas destas poboacións reprodúcense de forma illada e só moi raramente o fan entre elas, malia non existir ningún obstáculo natural que bloquee o acceso mutuo. Isto inclúe as poboacións adxacentes das xirafas de Rothschild, reticuladas, e as masai.
As xirafas reticuladas e as masai presentaron a maior diversidade no ADN mitocondrial, o cal está en concordancia coa idea de que as xirafas se orixinaron en África oriental. As poboacións de máis ao norte aseméllanse máis á reticulada, mentres que as máis próximas ao sur teñen máis relación coas masai. As xirafas semellan escoller parellas que compartan o mesmo tipo de pelaxe. As implicacións destes descubrimentos para a conservación das xirafas foron resumidas polo autor principal do estudo David Brown, quen nunha entrevista con BBC News afirmou: «Agrupar a tódalas xirafas nunha soa especie escurece a realidade de que algúns tipos de xirafas están a punto de desaparecer. Algunhas das poboacións só teñen uns poucos centos de individuos e precisan protección inmediata».
Un estudo de 2016 confirmou que as xirafas teñen múltiples especies. Esta investigación apoia a existencia de catro especies diferenciadas, que non intercambiaron información xenética entre elas durante un período de entre un e dous millóns de anos. Estas catro especies son Giraffa camelopardalis (xirafa do norte), Giraffa giraffa (xirafa do sur), Giraffa reticulata (xirafa reticulada) e Giraffa tippelskirchi (xirafa masai). Tanto as do norte coma as do sur inclúen dúas e tres subespecies distintas respectivamente: G. g. angolensis (xirafa angolana) e G. g. giraffa (xirafa de Suráfrica) para a do sur, e G. c. antiquorum (xirafa de Kordofán), G. c. camelopardalis (xirafa de Nubia) e G. c. peralta (xirafa de África occidental) para a do norte.
En total hai catro especies e cinco subespecies de xirafa recoñecidas. Os datos de poboación indicados son unha estimación a data de 2016. Inclúense tamén dúas antigas subespecies (xirafa de Rothschild e xirafa de Rodesia). No 2016 había en total uns 97 562 individuos de Giraffa .