A orde alfabética é un xeito de ordenar letras ou palabras segundo a organización dun alfabeto dado.
Historia
Os documentos arqueolóxicos parecen indicar que as letras dos diferentes alfabetos foron sempre ensinadas nunha mesma orde - propia de cada alfabeto -, se cadra por razóns mnemotécnicas. A orde das letras establecido polo alfabeto lineal e o alfabeto fenicio, por exemplo, foi despois conservada máis ou menos polos alfabetos derivados deles.
A orde alfabética aplicada á clasificación das palabras é un concepto totalmente diferente e a súa utilización non é clara, mesmo cando a clasificación das letras dun alfabeto é obxecto dun consenso.
É posible que a necesidade dunha orde alfabética só apareza cando hai algo que ordenar. Podería parecer, por exemplo, que a orde alfabética comezaría a utilizarse nos alfabetos latino e grego polos sabios de Alexandría. Por exemplo, o «Escolma das palabras que se atopan en Hipócrates», atribuído a Erotiano, utiliza a orde alfabética pero non de maneira rigorosa.
De feito, os dicionarios e os léxicos foron probablemente as primeiras obras en alfabeto latino en utilizar a orde alfabética. Donald Knuth fai mención dun dicionario antigo, que indicaba que a obra contén moitos erros de clasificación das palabras ao proncipio e ben menos ao final, o que suxire que o autor debeu familiarizarse lentamente co seu propio sistema.
En canto a Europa, a orde que parece que prevaleceu ata a metade da Idade Media era a clasificación temática, probablemente por razóns relixiosas (a Biblia utiliza un sistema tal). O uso da orde alfabética, progresivo, está se cadra ligado cunha modificación da maneira de concibir o mundo nesta época. A invención da imprenta dará finalmente pulo a este uso.
Orde alfabética en diferentes linguas
Entre as linguas que usan o alfabeto latino, a orde alfabética pode ser diferente:
En francés e en inglés, as letras que presentan diacríticos son tratadas como as que non os teñen. En francés, se dúas palabras só se diferencian no acento, a palabra acentuada colócase tradicionalmente despois. En alemán, os umlaut («Ä», «Ö», «Ü») trátanse xeralmente como as letras sen Umlaut, pero para as listas de palabras son consideradas como combinacións «Ae», «Oe» e «Ue». «ß» ordénase xeralmente como «Ss». En sueco, «w» percíbese como unha variante de «V» e non como unha letra distinta. O alfabeto sueco utiliza ademais tres vogais consideradas como distintas e situadas ao final: «Å», «Ä» e «Ö». As mesmas convencións utilízanse en finés. En danés e en noruegués, o alfabeto remata con «Æ», «Ø» e «Å». esta última letra asimílase ás veces a «Aa». O feroés posúe varias letras suplementarias: «Á», «Ð», «Í», «Ó», «Ú», «Ý», «Æ» e «Ø». As consoantes «C», «Q», «W», «X» e «Z» non se usan. En consecuencia, a orde alfabética feroesa difire lixeiramente da orde tradicional do alfabeto latino: A Á B D Ð E F G H I Í J K L M N O Ó P R S T U Ú V Y Ý Æ Ø. En español, a orde preconizada pola Real Academia de la Lengua Española ata 1997 consideraba «CH» e «LL» como letras distintas, situadas respectivamente despois de «C» e «L». Desde 1997, a Academia adoptou o uso convencional de situalos tras «CG» e «LK». Pola contra, «Ñ» sempre se clasificou tras «N». O galego segue estas últimas regras. O galés posúe regras máis complexas: as combinacións «CH», «DD», «FF», «NG», «LL», «PH» e «TH» considéranse ás veces letras únicas, ordenadas tras o primeiro grafema da combinación, coa excepción de «NG», que se clasifica detrás de «G». Con todo, estas combinacións non sempre son consideradas letras únicas: por exemplo, o galés clasifica así as palabras seguintes: LAWR, LWCUS, LLONG, LLOM, LLONGYFARCH. A primeira destas palabras, que xustapón «LLON» e «GYFARCH», non utiliza a letra «NG». En holandés, a combinación «IJ» era antes ou considerada como «Y», ou clasificada tras esta, pero hoxe en día clasifícase normalmente entre «II» e «IK», agás no caso dos nomes propios. En islandés, «Ð» segue a «D» e «Þ» engádese ao final do alfabeto. En polaco, «Ą» segue a «A», «Ć» a «C», «Ę» a «E», «Ł» a «L», «Ń» a «N», «Ó» a «O», «Ś» a «S», «Ź» e «Ż» a «Z». En checo e eslovaco, as vogais acentuadas («Á», «É», «Í», «Ó», «Ô», «Ú», «Ů» e «Ý») así como algunha consoantes que presentan un háček («Ď», «Ň» e «Ť») considéranse como o seu homéografo non acentuado; se dúas palabras difiren nun acento sobre unha vogal, a palabra acentuada colócase despois. «Č», «Ř», «Š» e «Ž» considéranse como letras distintas e sitúanse tras o seu homógrafo sen háček. Ademais, «CH» considérase como unha letra totalmete á parte, colocada entre «H» e «I». En eslovaco, «DZ» e «DŽ» colócanse entre «Ď» e «E». En esperanto, as letras acentuadas («Ĉ», «Ĝ», «Ĥ», «Ĵ», «Ŝ» e «Ŭ») son letras distintas, situadas tras a versión sen acentuar. En romanés, as letras acentuadas («Ă», «Â», «Î», «Ş» e «Ţ») son letras distintas, situadas tras as versións sen acentuar. En tártaro, «ä» considérase como «a», «ö» como «o», «ü» como «u», «í» como «i» e «ı» como «e». «Ş» asóciase a «SH», «Ç» a «CH», «Ñ» «NG» e «Ğ» a «GH». En croata, serbio e outras linguas eslavas do sur, «Č» e «Ć» seguen a «C», «DŽ» e «Đ» a «D», «NJ» a «N», «Š» a «S» e «Ž» pecha o alfabeto. En filipino, «NG» e «Ñ» son letras distintas.
Véxase tamén
Ligazóns internas
Alfabeto Diacrítico Clasificación alfabética
Bibliografía
Jonathon Green, Chasing the Sun: Dictionary-Makers and the Dictionaries They Made, Henry Holt & Co (1996) - ISBN 0-7126-6216-2 Donald Ervin Knuth, The Art of Computer Programming, Volume 3: Sorting and Searching, Addison-Wesley Professional; (1998) - ISBN 0-201-89685-0 Michel Foucault, L'Ordre des choses
Categoría:Alfabetos