Geri's Game é unha curtametraxe de animación por ordenador feita por Pixar en 1997. Foi escrita e dirixida por Jan Pinkava. Trátase da primeira curta de Pixar creada despois de Toy Story; a anterior curta fora Knick Knack en 1989.
O filme gañou un Premio Oscar á mellor curtametraxe animada no ano 1998.
Sinopse O filme transcorre nun parque baleiro en outono. O protagonista, Geri (voz de Bob Peterson), é un vello que xoga ao xadrez contra si mesmo, indo dun ao outro lado da mesa e converténdose nun dos dous xogadores en cada quenda. Ao cambiar de lado e ser o outro xogador, adopta unha personalidade diferente e mesmo quita e pon as lentes para mostrar o cambio.
A medida que se desenvolve a partida, semella que hai dúas persoas diferentes xogando. O Geri que xoga coas negras axiña vai comendo pezas ao outro Geri, que queda co rei soamente en xaque mate. Porén, o Geri das brancas simula un ataque ao corazón para distraer ao outro e xirar o taboleiro de xadrez. Unha vez recuperado, o Geri das pezas negras comproba que agora é el o que está en xaque mate, resígnase e dálle ao Geri que xogaba coas brancas unha prótese dental como premio. Este Geri pon a dentadura e bota a rir, mentres a cámara vai cara a atrás revelando que está el só xunto ao taboleiro de xadrez.
Desenvolvemento Geri's Game é a primeira produción de Pixar na que aparece un ser humano como protagonista, e o seu obxectivo foi "levar a animación de humanos e roupa a novas alturas".
A faciana do personaxe Geri parécese ao actor Jonathan Harris, que posteriormente daría voz a Geri na súa aparición en Toy Story 2. Neste mesmo filme, Geri é un restaurador de xoguetes e arranxa o brazo roto de Woody. Na súa caixa de ferramentas pódense ver varias pezas de xadrez como referencia á curtametraxe.
O director de Geri's Game, Jan Pinkava, comentou que o personaxe está baseado parcialmente en si mesmo e nos seus parentes máis vellos, particularmente no seu avó, que xogaba ao xadrez a miúdo.
Lanzamento Geri's Game proxectouse xunto á estrea en cines de A Bug's Life e máis adiante iría entre os contidos adicionais das publicacións en VHS e DVD do filme. Tamén se atopa no DVD Pixar Short Films Collection - Volume 1.
Premios 1997 - Premios Oscar - Mellor Curtametraxe Animada 1998 - Festival de Animación Anima Mundi - Mellor Filme x2 1998 - Festival Internacional Annecy de Filmes de Animación - Jan Pinkava 1998 - Premios Annie Award - Logro sobresaliente en curtametraxe animada 1998 - Festival de cine de Florida - Mellor Curtametraxe 1998 - World Animation Celebration - Mellor 3-D CGI profesional, Jan Pinkava 1998 - Festival Mundial de Filmes Animados de Zagreb - Favorito de Internet
Erros Cando o Geri que xoga coas pezas brancas simula o ataque ao corazón e xira o taboleiro de xadrez, a caixa coas pezas comidas cae ao chan. Porén, cando o plano de cámara cambia, a caixa coas pezas non está no chan nin en ningunha outra parte.
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas Sitio web oficial Geri's Game na IMDb Geri's Game na Big Cartoon DataBase
Categoría:Curtametraxes de Pixar Categoría:Filmes de 1997 Categoría:Óscar á mellor curtametraxe animada