Josef Mengele (), nado en Günzburg, Baviera, o 16 de marzo de 1911 e finado en Bertioga, Brasil, o 7 de febreiro de 1979, foi un oficial alemán da Schutzstaffel (SS) e médico no campo de concentración de Auschwitz durante a segunda guerra mundial, recibindo o alcume de "Anxo da Morte". Foi coñecido por ser membro do equipo de doutores responsable da selección de vítimas para a súa execución nas cámaras de gas e por levar a cabo experimentos en humanos cos prisioneiros do campo. Os prisioneiros chegados ó campo que se consideraban capaces de traballar eran admitidos, mentres que os que consideraban non válidos para o traballo eran enviados inmediatamente ás cámaras de gas. Mengele deixou Auschwitz o 17 de xaneiro de 1945, pouco antes da chegada das tropas do exército Vermello. Trala guerra escapou a América do Sur, onde evadiu a súa captura durante o resto da súa vida.

Obtivo doutoramentos en antropoloxía e medicina na Universidade de Múnic e comezou a súa carreira como investigador. Uniuse ó Partido Nazi en 1937 e ás SS en 1938. Nos comezos da guerra foi asignado como médico de batallón, e posteriormente en 1943 foi transferido ó servizo nos campos de concentración, asignado ó de Auschwitz. Foi alí onde viu unha oportunidade para levar a cabo investigacións xenéticas con suxeitos humanos. Os seus experimentos centráronse principalmente en xemelgos, sen ningunha consideración pola saúde ou seguridade das vítimas dos mesmos.

Axudado por unha rede de antigos membros das SS Mengele viaxou en barco ata a Arxentina en xullo de 1949. Primeiro residiu preto de Buenos Aires, escapando despois ata Paraguai en 1959 e ata o Brasil en 1960, perseguido por Alemaña occidental, Israel e varios cazadores de nazis como Simon Wiesenthal coa intención de levalo a xuízo. Malia as peticións de extradición do goberno alemán e das operacións clandestinas por parte do Mossad israelí, Mengele eludiu a súa captura. Afogou mentres nadaba na costa brasileira en 1979 e foi soterrado baixo un nome falso. Os seus restos foron exhumados e identificados nun exame forense no ano 1985.

Traxectoria Primeiros anos e educación Mengele naceu o 16 de marzo de 1911 en Günzburg, Baviera, fillo de Karl e Walburga (Hupfauer) Mengele. Tivo dous irmáns máis novos, Karl Jr e Alois. O seu pai fundara a empresa Karl Mengele & Sons, adicada á produción de maquinaria agraria. Mengele obtivo bos resultados na escola, desenvolvendo intereses na música, na arte e no esquí. Finalizou o instituto en abril de 1930 e pasou a estudar medicina na Universidade Goethe de Frankfurt e filosofía na Universidade de Múnic. Naquel entón Múnic era o cuartel xeral do Partido Nazi, e no ano 1931 Mengele uniuse a Stahlhelm, Bund der Frontsoldaten, unha organización paramilitar que foi absorbida en 1934 pola Sturmabteilung nazi (SA).

En 1935 Mengele obtivo o doutoramento en antropoloxía pola Universidade de Múnic. En xaneiro de 1937 pasou a traballar como o asistente de Otmar Freiherr von Verschuer no Instituto para a Bioloxía Hereditaria e Hixiene Racial de Frankfurt. Alí von Verschuer estaba a realizar investigacións xenéticas cun interese particular nos xemelgos. Neste traballo como asistente Mengele centrouse na investigación dos factores xenéticos causantes do beizo leporino e da partición no queixelo. As súas teses nesta temática servíronlle para obter o doutoramento cum laude en medicina no ano 1938. Nunha carta de recomendación, von Verschuer eloxiou a fiabilidade de Mengele e a súa capacidade para presentar verbalmente de forma clara as materias complexas. O autor estadounidense Robert Jay Lifton indicou que as obras publicadas de Mengele non se desviaban moito da corrente científica principal da época, e poderían estar probablemente consideradas como esforzos científicos válidos incluso fóra das fronteiras da Alemaña nazi.

O 28 de xullo de 1939 Mengele casou con Irene Schönbein, a quen coñecera mentres traballaba como residente médico en Leipzig. O seu único fillo, Rolf, naceu no ano 1944.

Servizo militar Mengele uniuse ó Partido Nazi en 1937 e á Schutzstaffel (SS) en 1938. Recibiu un adestramento básico no ano 1938 coa Gebirgsjäger (infantaría de montaña) e foi chamado a filas na Wehrmacht en xuño de 1940. Pouco tempo despois presentouse coma voluntario para o servizo médico na Waffen-SS, onde serviu co rango de SS-Untersturmführer (tenente segundo) nun batallón médico de reserva ata novembro de 1940. A súa seguinte asignación foi no SS-Rasse- und Siedlungshauptamt en Poznań, avaliando posibles candidatos para a súa xermanización.

En xuño de 1941 Mengele estaba destinado en Ucraína, onde recibiu a Cruz de Ferro de segunda clase. En xaneiro de 1942 uniuse á 5ª División Panzer Wiking como oficial médico de batallón. Alí rescatou a dous soldados alemáns dun tanque ardendo e recibiu a Cruz de Ferro de primeira clase, así coma a Medalla de Ferido e a Medalla polo Coidado do Pobo Alemán. Resultou ferido de gravidade en combate preto de Rostov do Don a mediados de 1942, e foi declarado non apto para o servizo activo. Trala súa recuperación foi transferido á Oficina da Raza e Reasentamento en Berlín. Volveu a asociarse con von Verschuer, que naquel entón estaba no Instituto Kaiser Wilhelm de Antropoloxía, Xenética Humana e Euxénese, e en abril de 1943 Mengele foi ascendido ó rango de SS-Hauptsturmführer (capitán).

Auschwitz miniatura|"Selección" de xudeus húngaros en Auschwitz-II (Birkenau), maio/xuño de 1944 A comezos de 1943, alentado por von Verschuer, Mengele pediu o traslado para o servizo nos campos de concentración, onde tería unha oportunidade para realizar investigacións xenéticas con suxeitos humanos. A súa petición foi aceptada e foi asignado ó campo de concentración de Auschwitz. O SS-Standortarzt Eduard Wirths, oficial médico en xefe de Auschwitz, asignouno á posición de médico en xefe do Zigeunerfamilienlager (campo familiar xitano), localizado no sub-campo de Birkenau.

A finais de 1941 Hitler decidira que os xudeus de Europa debían ser exterminados, polo que Birkenau, orixinalmente destinado a albergar traballadores forzados domésticos, foi readaptado como unha combinación de campo de traballos forzados e campo de exterminio. Os prisioneiros chegaban en ferrocarril procedentes dos territorios europeos ocupados por Alemaña, chegando en convois diarios. A partir de xullo de 1942 a SS comezou a realizar "seleccións", segregando ós xudeus que chegaban ó campo. Os que consideraban aptos para traballar eran admitidos no campo, mentres que os que consideraban non aptos eran executados inmediatamente nas cámaras de gas.* Os seleccionados para morrer, ó redor de tres cuartos do total, incluían case tódolos nenos, mulleres con nenos pequenos, anciáns e todos aqueles considerados non aptos tras unha breve inspección superficial por parte dun doutor das SS. Mengele, membro do equipo de doutores asignado a estas seleccións, realizou esta tarefa incluso cando non era a súa quenda na procura de suxeitos para os seus experimentos, cun interese particular en localizar xemelgos. Ó contrario que a maioría de doutores, que consideraban estas seleccións coma unha das súas tarefas máis desagradables e estresantes, Mengele levaba a cabo esta tarefa de forma ostentosa, sorrindo e asubiando con asiduidade.

Mengele e os outros doutores da SS non trataban directamente ós prisioneiros, senón que supervisaban as actividades doutros doutores prisioneiros obrigados a traballar no servizo médico do campo. Mengele facía visitas semanais ós barracóns médicos enviando ás cámaras de gas a calquera prisioneiro que non conseguira recuperarse tras dúas semanas na cama. Formaba parte tamén do equipo de doutores responsable da administración do Zyklon B, o pesticida con base de cianuro empregado nas execucións das cámaras de gas de Birkenau, nos crematorios IV e V.*

En 1943 tivo lugar un gromo de noma no campo dos xitanos, unha enfermidade bacterial gangrenosa na boca e faciana. Mengele iniciou entón un estudo para determinar a causa desta enfermidade e desenvolver un tratamento para a mesma. Para este propósito, alistou como axudante ó prisioneiro Berthold Epstein, un pediatra xudeu e profesor na Universidade de Praga. Mengele illou ós pacientes nun barracón separado e ordenou a execución de varios nenos afectados pola enfermidade para enviar as súas cabezas e órganos preservados á Academia Médica das SS en Graz e a outras institucións para o seu estudo. Continuou esta investigación ata que se liquidou o campo de xitanos en 1944 e os seus restantes ocupantes foron executados.

Como resposta a unha epidemia de tifo no campo de mulleres, Mengele baleirou un bloque de 600 mulleres xudías enviándoas á cámara de gas. O edificio foi limpado e desinfectado posteriormente, e os ocupantes dun bloque contiguo foron bañados, despiollados e recibiron nova roupa antes de ser trasladados ó bloque limpo. Este proceso seguiuse tamén en epidemias posteriores de escarlatina e outras enfermidades, enviando a tódolos prisioneiros enfermos ás cámaras de gas. Por todo isto, Mengele recibiu a Cruz do Mérito de Guerra de segunda clase, e foi ascendido a médico en xefe do sub-campo de Birkenau en 1944.

Experimentos en humanos miniatura|esquerda|Nenos liberados de Auschwitz polo exército Vermello en xaneiro de 1945, entre os que se atopaban varios xemelgos Mengele aproveitou Auschwitz como unha oportunidade para continuar os seus estudos antropolóxicos e a súa investigación na herdanza, usando prisioneiros para realizar experimentos en humanos, sen ningunha consideración pola saúde ou seguridade das vítimas. Interesábanlle en particular os xemelgos idénticos, as persoas con heterocromía, ananismo ou con anormalidades físicas. O Deutsche Forschungsgemeinschaft outorgoulle unha subvención para os seus experimentos, baixo petición de von Verschuer que recibía informes de forma regular e envíos de espécimes por parte de Mengele. Esta subvención empregouse na construción dun laboratorio patolóxico adxunto ó crematorio II de Auschwitz II-Birkenau. O doutor Miklós Nyiszli, un patólogo xudeu húngaro que chegou a Auschwitz o 29 de maio de 1944, levaba a cabo diseccións e preparaba espécimes para o seu envío neste laboratorio. A investigación sobre xemelgos de Mengele tiña a intención parcial de probar a supremacía da herdanza sobre o ambiente, e polo tanto reforzar a premisa nazi da superioridade da raza aria. Nyiszli e outros doutores informaron que os estudos en xemelgos poderían estar motivados tamén por un desexo de mellorar a reprodutividade da raza alemá aumentando as probabilidades de que as persoas "racialmente desexables" tivesen xemelgos.

Os suxeitos da investigación de Mengele recibían mellor trato e alimentación que outros prisioneiros, ademais de estar temporalmente seguros de non ser levados ás cámaras de gas. Mengele estableceu unha gardaría para os nenos que empregaría nos seus experimentos, xunto cos nenos xitanos de menos de seis anos de idade. Esta instalación tiña unhas mellores condicións que o resto de zonas do campo, tendo incluso un parque infantil de xogos. Cando visitaba a estes nenos presentábase a si mesmo coma "Tío Mengele", e ofrecíalles doces. Non obstante, Mengele foi responsable directo da morte dun número descoñecido de vítimas, por medio de inxección letal, disparos, malleiras, a través do proceso de selección e a causa de experimentos mortais. Lifton describiu a Mengele como sádico, sen empatía e extremadamente antisemita, coa convicción de que os xudeus deberían ser eliminados por completo por ser unha raza inferior e perigosa. Segundo declaracións posteriores do fillo de Mengele, Rolf, o seu pai nunca chegou a amosar remordementos polas súas actividades durante a guerra.

Un antigo prisioneiro e doutor en Auschwitz declarou: