Pedro Salinas y Serrano, nado en Madrid en 1891 e finado en Boston en 1951, foi un poeta español, membro da Xeración do 27.

Traxectoria Doutor en filosofía e letras, entre 1914 e 1917 foi lector de castelán na Sorbona, ao regresar a España ensina nas universidades de Sevilla, Murcia. En 1922 marcha para dar clases en Oxford e dende 1923 estará nos Estados Unidos, volverá en 1926 e colabora co Centro de Estudos Históricos que fundara Ramón Menéndez Pidal, en 1932 edita a revista literaria Índice Literario e en 1933 funda a Universidade Internacional de Santander, trala guerra civil española ten que se exiliar e traballa en numerosas universidades dos Estados Unidos e Porto Rico.

A obra poética de Salinas adoita dividirse en tres etapas. a inicial, a da plenitude e a do exilio:

A etapa inicial (1923-1932) está marcada pola influencia da poesía pura de Juan Ramón Jiménez e caracterízase pola idea de depuración e perfección poética e o protagonismo dos temas amorosos. Entre as obras desta etapa destacan Presagios (1923), Seguro azar (1929) e Fábula y signo (1931).

A etapa de plenitude abrangue ata 1939 e fórmana a trloxía amorosa La voz a ti debida (1933), Razón de amor (1936) e Largo lamento (1939). A orixe de La voz a ti debida, e da triloxía en conxunto, áchase na historia de amor vivida polo poeta coa profesora norteamericana Katherine R. Whitmore, a quen coñeceu en Santander nun curso de verán da Universidade Internacional en 1932.

A etapa do exilio está formada por El contemplado (1946), extenso poema no que dialoga co mar de San Xoán de Porto Rico; Todo más claro y otros poemas (1949) e a obra póstuma Confianza (1955), afirmación gozosa da realidade vivida.

Entre a súa obra narrativa destaca La bomba increible (1950), novela sobre os horrores da bomba atómica, e El desnudo impecable y otras narraciones (1951).

Notas

Categoría:Escritores en lingua castelá Categoría:Exiliados do franquismo Categoría:Escritores da Comunidade de Madrid Categoría:Poetas en lingua castelá Categoría:Nados en Madrid Categoría:Nados en 1891 Categoría:Finados en 1951 Categoría:Misiones Pedagógicas