Children of Men é un filme de ficción científica coescrito, coproducido e dirixido por Alfonso Cuarón que se estreou no 2006. Baséase na novela The Children of Men de P. D. James (1992). O filme está ambientado no 2027, cando dúas décadas de infertilidade humana deixaron a sociedade a piques de colapsar. Os inmigrantes ilegais buscan asilo no Reino Unido, onde o goberno impón leis de inmigración opresivas contra os refuxiados. Clive Owen interpreta o civil Theo Faron, que debe axudar a unha refuxiada africana que está embarazada, Clare-Hope Ashitey, a escapar do caos. Outros actores do elenco de Children of Men son Julianne Moore, Michael Caine, Pam Ferris e Chiwetel Ejiofor.

O filme foi estreado o 22 de setembro de 2006 no Reino Unido e o 25 de decembro nos Estados Unidos. Malia a distribución limitada e a recadación limitada en comparación co seu orzamento, Children of Men recibiu louvanzas da crítica e foi recoñecida polos seu guión, fotografía, dirección de arte e os innovadores planos secuencias de acción. Foi nomeado a tres Premios Oscar: mellor guión adaptado, mellor fotografía e mellor montaxe. Tamén foi nomeado a tres premios BAFTA, gañando mellor fotografía e mellor deseño de produción, e a tres Premios Saturn, gañando na categoría de mellor filme de ciencia ficción.

Sinopse No ano 2027, despois de 18 anos de infertilidade humana global, a civilización está a piques do colapso e a humanidade enfronta a extinción. O Reino Unido, un dos poucos estados estables cun goberno en funcionamento, está desbordado polos solicitantes de asilo que foxen do caos e da guerra que se apoderou do mundo. En resposta, o Reino Unido converteuse nun estado policial na medida en que o exército se dedica a buscar e deter inmigrantes. Theo Faron, un antigo activista convertido nun cínico burócrata, é secuestrado polos Fishes, un grupo militante a prol dos dereitos dos inmigrantes. Eles son liderados pola exmuller de Theo, Julian Taylor, da cal se separou despois da morte do seu fillo en común, Dylan, que finou durante a pandemia de gripe de 2008.

Julian ofrécelle cartos a Theo para conseguir papeis de tránsito para unha moza refuxiada chamada Kee, que Theo obtén do seu curmán Nigel, un ministro do goberno que xestiona unha colección de arte rescatada en todo o mundo. Os papeis de tránsito requiren que o beneficiario estea acompañado, polo que Theo accede a acompañar a Kee en troques dunha gran cantidade de cartos. Luke e Miriam, membros dos Fishes, van con eles cara a un barco da costa. Porén, son emboscados por unha banda armada, e Julian é asasinada. Luke mata dous oficiais de policía que os paran, e enterran a Julian no bosque polo que Theo rompe a chorar pola súa morte. O grupo cambia o coche por outro para escapar a unha casa segura dos Fishes.

Kee cóntalle a Theo que está embarazada, xa que Julian lle dixera que só confiase en Theo. Julian pretendía levar a Kee ó "Human Project", unha suposta organización científica nos Azores dedicada a curar a infertilidade; porén, Luke persuade a Kee de permanecer con eles, e despois é elixido como novo líder dos Fishes. Esa mesma noite, Theo escoita agochado unha reunión entre Luke e outros Fishes. Descobre que a morte de Julian foi orquestrada polos Fishes para que Luke puidese ser o seu líder, que intentaran matar a Theo esa mañá e que queren empregar o meniño de Kee como unha ferramenta política que apoie a súa revolución. Theo esperta a Kee e a Miriam, e xuntos rouban un coche, escapando a un refuxio arredado do amigo de Theo, Jasper Palmer, un antigo debuxante cómico e político reconvertido en comerciante de marihuana.

O grupo artella subir a bordo do barco de Human Project, Tomorrow, que chegará á costa do campo de refuxiados de Bexhill-on-Sea. Jasper proponlles contactar a Syd, un garda do campo ó que adoita vender drogas, para que os introduza en Bexhill facéndose pasar por refuxiados. Os Fishes descobren a casa de Jasper, e o grupo foxe mentres Jasper queda atrás para entreter ós Fishes. Luke dispara e asasina a Jasper mentres Theo o ve dende o bosque.

O grupo agarda por Syd nunha escola abandonada, onde Miriam confesa a Theo cantos embarazos abortaron ó comezo da crise de infertilidade e a súa tristura por como "a medida que o son dos patios esmorecía, a desesperanza asentábase. Moi estraño, o que ocorre nun mundo sen voces infantís". O grupo reúnese con Syd e el introdúceos en Bexhill, onde ven refuxiados sendo mallados, torturados, roubados e executados por gardas e policías. Cando Kee comeza a sentir contraccións no bus, Miriam distrae un garda facéndose pasar por tola. Finalmente é levada fóra do autobús e póñenlle unha carapucha.

No campo, Theo e Kee coñecen unha muller romanesa, Marichka, que lles proporciona unha habitación onde Kee dá a luz unha meniña. O día seguinte, Syd encóntraos no cuarto, e informa a Theo e a Kee que estoupou a guerra entre o exército británico e os refuxiados, incluíndo os Fishes. Sendo consciente da gran recompensa polas súas cabezas, Syd tenta capturalos, pero Marichka e Theo loitan contra el e foxen. No medio da loita, os Fishes capturan a Kee e o seu bebé. Theo ségueos a un bloque de edificios onde os Fishes se enfrontan ó exército. Luke é asasinado polo disparo dun tanque e Theo escolta a Kee e o seu bebé fóra do edificio. Alertados pola presenza do bebé, os combatentes deteñen a loita durante uns intres; vendo o bebé chorar, permítenlles saír. Marichka leva a Theo, Kee, e o seu bebé a un bote, no cal marchan mentres Marichka queda atrás.

Mentres observan o bombardeo de Bexhill polas Forzas Aéreas dende a distancia, Theo decátase de que recibira un disparo de Luke. Dille a Kee como arrolar o seu bebé para acougalo, e Kee dille a Theo que chamará á nena como o fillo que perderan Julian e Theo, Dylan. Theo perde a consciencia por mor das feridas mentres Tomorrow se achega entre e a néboa.

Personaxes

Clive Owen no papel de Theo Faron, un activista que quedou desfeito cando o seu fillo morreu durante unha epidemia de gripe. Theo é o "arquetipo do home común" que as circunstancias converten nun salvador. Seleccionado para o papel no 2005, Owen pasou varias semanas traballando con Cuarón e Sexton para definir a súa personaxe. Impresionados polo talento creativo de Owen, Cuarón e Sexton incorporárono como guionista. "Clive foi unha grande axuda", dixo Cuarón para a revista Variety. Julianne Moore no papel de Julian Taylor. Para interpretar a Julian, Cuarón quería unha actriz que tivese a "credibilidade do liderado, intelixencia e independencia". Moore foi seleccionada en xuño de 2005, nun principio para interpretar o papel da primeira muller en quedar embarazada en 20 anos. Michael Caine no papel de Jasper Palmer, amigo de Theo. Caine baseou a personaxe de Jasper na experiencia co seu amigo John Lennon. Cuarón explicou que "Unha vez que se puxo as roupas e se puxo diante do espello para ollarse a si mesmo, a súa linguaxe corporal comezou a mudar. Michael amábao. El cría que era ese tío". Michael Phillips de Chicago Tribune aprecia unha aparente homenaxe a Schwartz do filme de Orson Welles Touch of Evil (1958). Jasper chama "amigo" a Theo do mesmo xeito que Schwartz se refire a Ramon Miguel Vargas. Os debuxos de Jasper, que se poden ver na súa casa, foron creados por Steve Bell. Chiwetel Ejiofor no papel de Luke. Charlie Hunnam no papel de Patric. Clare-Hope Ashitey no papel de Kee, unha inmigrante ilegal e a primeira muller en quedar embarazada despois de 18 anos. Esta personaxe non aparece no libro, pero foi escrita para o filme polo interese de Cuarón en representar a orixe recente africana dos humanos modernos, e tamén o estado das persoas desposuídas. "O feito de que o neno sexa o dunha muller africana ten que ver con que a humanidade comezou en África. Puxemos o futuro da humanidade en mans dos desposuídos e creamos a primavera dunha nova humanidade." Pam Ferris no papel de Miriam. Peter Mullan no papel de Syd. Danny Huston no papel de Nigel, curmán de Theo e alto responsable do goberno. Nigel leva o programa do "Ministerio das Artes" coñecido como a "Arca das Artes", que "rescata" obras de arte como o David de Michelangelo (que perdeu unha perna), o Guernica de Pablo Picasso e British Cops Kissing de Banksy. Oana Pellea no papel de Marichka. Paul Sharma no papel de Ian. Jacek Koman no papel de Tomasz.

Temas Esperanza e fe Children of Men explora os temas da esperanza e da fe perante a futilidade abafadora e a desesperanza. A fonte do filme, a novela de P. D. James The Children of Men (1992), describe que ocorre cando a sociedade non é quen de reproducirse, usando a infertilidade masculina para explicar o problema. Na novela, queda claro que a esperanza depende das xeracións futuras. James escribe, "Era razoable loitar, sufrir, quizais mesmo morrer, por unha sociedade máis xusta e compasiva, pero non nun mundo sen futuro onde, moi axiña, as mesmas palabras "xustiza", "compaixón", "sociedade, "loita" ou "mal" serían un eco inédito nun aire baleiro."

O filme cambia o problema da infertilidade de masculino a feminino pero non chega a explicar a causa: a destrución medioambiental e o castigo divino son considerados como posibilidades. Esta pregunta sen resposta (e outras do filme) foron atribuídos á aversión de Cuarón polos filmes expositivos: "Hai un tipo de cine que detesto, que é un cine que trata sobre a exposición e as explicacións ... Tornouse agora o que eu chamo como medio para lectores preguiceiros ... O cine é un refén de narrativa. E estou moi cómodo na narrativa como refén do cine." O desdén de Cuarón polos contextos e exposicións levouno a empregar o concepto de infertilidade feminina como unha "metáfora do sentido desaparecido da esperanza". Os "case míticos" Human Project convértense nunha "metáfora da posibilidade de evolución do espírito humano, a evolución do entendemento humano." Sen ditar como debería sentirse o público ó final do filme, Cuarón anima os espectadores a chegar ás súas propias conclusións sobre o sentido da esperanza que se representa nas escenas finais: "Quixemos que o final fose un reflexo sobre a posibilidade da esperanza, para que o público imprimise o seu propio sentido de esperanza nese final. Entón, se é unha persoa esperanzada, verá moita esperanza e, se é unha persoa desoladora, verá unha completa desesperanza ó remate."

Relixión Ó igual que na Eneida de Virxilio, A Divina Comedia de Dante Alighieri e Os contos de Canterbury de Chaucer, o quid da viaxe en Children of Men reside no que descobren durante o camiño e non no propio obxectivo. A viaxe do heroe de Theo cara á costa sur reflicte a súa busca persoal de "autoconciencia", unha viaxe que o leva á "desesperanza por fuxir".

Segundo Cuarón, o título do libro de P. D. James (The Children of Men) é unha alegoría católica que deriva dunha pasaxe das escrituras da Biblia. (Salmo 90 (89):3 da Biblia do rei Xacobe: "Thou turnest man to destruction; and sayest, Return, ye children of men.") James refírese á historia como unha "fábula cristiá" mentres que Cuarón descríbeo "case como unha ollada ó cristianismo": "Non quería arredarme dos arquetipos espirituais," declarou Cuarón a Filmmaker Magazine. "Pero non estaba interesado en lidar co dogma." Esta diverxencia do orixinal foi criticada por algunhas persoas, incluíndo Anthony Sacramone de First Things, que chamou o filme "un acto de vandalismo", observando a ironía coa que Cuarón eliminou a relixión da fábula de P.D. James, na que o nihilismo moralmente estéril é superado polo cristianismo.