Hinotori (denominado ASTRO-A antes do lanzamento) foi un satélite artificial xaponés que funcionou como observatorio espacial adicado ó estudo do Sol. Foi lanzado o 21 de febreiro de 1981 mediante un foguete Mu desde o Centro Espacial de Uchinoura (antes coñecido como Centro Espacial de Kagoshima), na prefectura de Kagoshima.
Características Hinotori adicouse ó estudo das erupcións solares durante o máximo solar mediante raios X. Os seus obxectivos eran fotografar as erupcións solares no rango de enerxía entre 10 e 40 keV mediante a modulación duns colimadores rotatorios e facer espectroscopía das liñas de emisión de raios X do ferro altamente ionizado no intervalo de 1,7 a 2,0 ángstroms usando un espectrómetro de Bragg.
Hinotori levaba ademais tres monitores de raios X que rexistraban o perfil temporal e o espectro das erupcións solares no rango entre 2 e 20 keV, así como un detector de explosións de raios Gamma (rango de enerxías de entre 0,9 e 9,0 MeV), un detector de partículas para observar o fluxo de electróns por encima de 100 keV e sondas de plasma para a medición de densidade e temperatura de electróns.
Resultados Hinotori foi pioneiro na observación de erupcións solares mediante raios X duros. Atopou un novo tipo de erupción que emite raios X duros térmicos cunha forte emisión do Fe XXVI.
Hinotori observou tamén catro explosións de raios gamma entre febreiro de 1981 e xuño de 1982: unha o 21 de xullo de 1981, de 6 segundos de duración; outra o 21 de febreiro de 1982, de 16 segundos; o 26 de febreiro de 1982, de 32 segundos; e o 13 de marzo dese mesmo ano, cunha duración de 80 segundos. Dos catro estoupidos, o do 21 de febreiro e o do 21 xullo tamén foron detectados por PVO, o primeiro tamén polas sondas International Cometary Explorer e SMM, o terceiro por Venera 14 e o cuarto por Venera 13, Venera 14 e SMM.
Durante o ciclo solar 21, as explosións en raios gamma observadas por Hinotori e SMM mostraron unha periodicidade de entre 152 e 158 días. A análise dos espectros de potencia das áreas de manchas solares para o período entre 1980 e 1982 mostran un pico arredor de 159 días, similar ó das erupcións gamma por encima dos 300 keV, das de raios X (152 días), das de raios X duros (158 días) por encima de 30 keV, os datos de erupcións de hidróxeno alfa, e as erupcións en microondas (152 días) para o período entre 1966-1983, pero non mostran periodicidade no número de manchas, o que indica que as áreas de manchas deberían poder usarse como indicadores da actividade solar en lugar de usarse a cantidade de manchas solares.
Hinotori observou oito erupcións solares en raios gamma entre abril de 1981 e xuño de 1982 que contiñan liñas a 2,22 MeV e 4,44 MeV producidas por aceleración de partículas nas que o espectro de enerxía non variaba moito de erupción a erupción. A liña de 2,22 MeV indica fusión na superficie solar, mentres que a de 4,44 MeV prodúcese pola desexcitación de 12C tralas reaccións nucleares 12C(p,p'γ4,438 MeV)12C e 12C(p,2pγ4,444 MeV)11B.
Notas
Véxase tamén Outros artigos Hinode Yohkoh
Categoría:Satélites artificiais do Xapón Categoría:1981