Minecraft é un videoxogo de mundo aberto tipo sandbox creado orixinalmente polo deseñador e programador sueco Markus "Notch" Persson e desenvolvido e publicado posteriormente pola empresa fundada por el, Mojang.
Os aspectos creativos e de construción de Minecraft permítenlles ós xogadores construír elementos a partir de cubos con diversas texturas nun mundo en tres dimensións xerado por procedementos. Outras actividades do xogo inclúen a exploración, a recolección de recursos, a confección de obxectos e o combate. Dispón de varios modos de xogo, incluíndo un modo de supervivencia no que o xogador debe conseguir recursos para construír o mundo de xogo e manter a súa saúde, un modo creativo no que os recursos son ilimitados e o xogador ten a capacidade de voar, un modo de aventuras que permite xogar niveis e mapas creados por outros xogadores e un modo espectador no que os xogadores poden voar e observar o mundo pero sen interactuar con el. A versión para PC do xogo destaca pola súa comunidade de modding.
Minecraft recibiu boas críticas dos medios trala súa publicación, e recibiu varios nomeamentos e premios. A data de xuño de 2016 vendéranse máis de 106 millón de copias no conxunto de tódalas plataformas, e tiña máis de 40 millóns de xogadores únicos ó mes, converténdose no videoxogo de PC máis vendido ata esa data e o segundo videoxogo máis vendido de tódolos tempos. En setembro de 2014 Microsoft anunciou un acordo para adquirir Mojang e a propiedade intelectual de Minecraft por unha cantidade de 2 500 millóns de dólares, completando a adquisición dous meses despois.
Mecánica de xogo Minecraft é un videoxogo de mundo aberto de tipo sandbox nun espazo tridimensional sen obxectivos definidos para o xogador, permitindo un amplo grao de liberdade no modo de xogo. Porén, o xogo contén un sistema de logros. A mecánica de xogo por defecto é en primeira persoa, coa opción de xogar en modo de terceira persoa ou mesmo en segunda persoa. O núcleo do xogo desenvólvese ó redor da escavación e colocación de bloques. O xogo componse de obxectos en tres dimensións, principalmente cubos, situados dentro dun padrón fixo de grella e representando distintos materiais, como terra, pedra, minerais, auga, lava, árbores etc. Mentres que os xogadores poden moverse libremente polo mundo de xogo, os obxectos só poden colocarse nunha posición fixa da grella. Os xogadores poden colectar estes bloques de materiais e colocalos noutros lugares, permitíndolles desta forma elaborar diversas construcións.
Ó comezo do xogo o xogador sitúase na superficie dun mundo de xogo xerado por procedementos e case infinito (xa que conta cun límite duns 32 000 000 de bloques nos eixos x e y). O mundo divídese en varios biomas que van dende desertos ata xunglas ou campos de neve. Os xogadores poden moverse por diversos terreos como chairas, montañas, bosques, covas e varios corpos de auga. O sistema temporal do xogo segue un ciclo de día e noite, cunha duración para un ciclo completo de 20 minutos de tempo real. Durante o curso do xogo os xogadores poden atoparse con varios personaxes non xogador coñecidos como mobs (ou 'criaturas' na versión oficial en galego) incluíndo animais, aldeáns e criaturas hostís. O xogador pode cazar ós animais non hostís, como por exemplo vacas, porcos e galiñas, para conseguir comida e materiais. Os mobs hostís, como por exemplo arañas xigantes, esqueletos e zombis, aparecen durante a noite ou en lugares escuros como covas. Algunhas das criaturas notables únicas de Minecraft son os chamados Creepers, criaturas que se achegan con sixilo ó xogador e estoupan preto del, e o chamado Enderman, unha criatura que pode teletransportarse e recoller bloques do xogo.
O mundo de xogo xérase seguindo un método por procedementos segundo o xogador vai explorándoo, empregando unha semente de mapa que se obtén do reloxo do sistema no momento da creación do mundo, que tamén se pode especificar manualmente. Malia que o xogo presenta límites no movemento vertical, permite xerar un mundo infinito no plano horizontal, só limitado polos posibles problemas técnicos que poden darse cando se acada unha distancia moi distante do punto orixinal. O sistema de físicas do xogo foi descrito en varias ocasións como pouco realista. A maioría dos bloques sólidos non se ven afectados pola gravidade. Os líquidos flúen dende un bloque de orixe, que pode eliminarse colocando outro bloque sólido no seu lugar ou recolléndoos cun cubo. O xogo permite construír sistemas complexos empregando dispositivos mecánicos primitivos, circuítos electrónicos e portas lóxicas por medio dun material do xogo coñecido como "redstone" (pedra vermella).
Minecraft presenta dúas dimensións alternativas ó mundo de xogo principal: o Nether (Inframundo) e o End (Fin). O Nether é unha dimensión semellante ó inferno á que o xogador accede construíndo portais con recursos únicos e que permiten atravesar grandes distancias no mundo principal do xogo. O End é unha terra estéril na que habita un dragón coñecido como Ender Dragon. Cando o xogador mata ó dragón amósanse os créditos finais do xogo, escritos polo autor irlandés Julian Gough.
O xogo ten catro modos de xogo principais: supervivencia, creativo, aventuras e espectador. Tamén posúe un sistema de dificultade modificable con catro niveis. No nivel máis doado (peaceful) as criaturas hostís non aparecen no mundo de xogo.
Modo de supervivencia miniatura|dereita|Representación dun creeper, un dos inimigos do xogo. Neste modo de xogo os xogadores teñen que colectar recursos naturais (como por exemplo pedra, madeira ou ferro) atopados no mundo para elaborar diversos bloques e obxectos. Segundo o nivel de dificultade escollido, os inimigos aparecen nas zonas escuras fóra dun determinado rango de distancia do xogador, requirindo que este constrúa un refuxio para sobrevivir ó ciclo da noite. Este modo inclúe tamén un sistema de saúde, que se reduce polos ataques de monstros, caídas, fame e outros eventos. O xogador ten tamén unha barra de fame, que debe encher inxerindo comida no xogo, agás no nivel de dificultade máis doado. Cando esta barra de fame está baleira o xogador deixa de recuperar saúde de forma automática e comeza a perder saúde. A saúde recupérase de forma automática cando a barra de fame está case completa, así como independentemente desta no modo de dificultade máis doado.
O xogador pode elaborar unha ampla variedade de obxectos. As armaduras e armas permiten reducir o dano recibido dos ataques dos monstros e facilítanlle ó xogador loitar con eles. O xogador pode adquirir recursos para elaborar ferramentas como machadas, pas ou picos para cortar árbores, escavar o solo e conseguir minerais. As ferramentas de certos materiais permiten realizar estas tarefas de forma máis rápida que as elaboradas con outros materiais, ademais de ter unha duración maior. O xogador pode comerciar cos recursos obtidos con outros personaxes non xogador por medio dun sistema de intercambio de esmeraldas por outros bens.
O xogo ten un sistema de inventario, no que o xogador pode levar consigo un número limitado de obxectos. Cando o xogador falece, os obxectos do seu inventario persoal caen ó chan, e o xogador reaparece no punto inicial do xogo ou nun punto de gardado definido por medio dunha cama. O xogador pode recuperar estes obxectos durante un determinado período de tempo ata que desaparecen por completo. O xogador pode conseguir tamén puntos de experiencia matando mobs e a outros xogadores, por medio da minaría e recolección de recursos, coidando de animais e cociñando. Esta experiencia pode empregarse posteriormente en ferramentas de encantamentos, armaduras e armas. Os obxectos encantados desta forma son xeralmente máis poderosos, teñen unha duración maior ou presentan outros efectos especiais.
Outros modos de xogo O xogo presenta tamén un modo "hardcore" como variante do modo de supervivencia, que se diferenza deste principalmente en que o xogo está bloqueado no modo de maior dificultade e no que a morte do xogador é permanente, borrándose o mundo cando isto sucede.
No modo creativo o xogador ten acceso a tódolos recursos e obxectos do xogo a través do menú de inventario, e pode colocalos ou eliminalos do mundo de forma instantánea. Neste modo de xogo os xogadores poden voar libremente polo mundo de xogo, non sofren danos e non lles afecta a fame. Este modo de xogo permite que o xogador se centre na construción e creación de estruturas e proxectos a grande escala.
O modo de aventuras engadiuse ó xogo na versión 1.3, deseñado especificamente para que os xogadores puidesen experimentar mapas e aventuras creados e personalizados por outros xogadores. A mecánica de xogo neste modo é semellante á do modo de supervivencia, pero introduce varias restrición aplicadas ó mundo de xogo polo creador do mapa. Outro engadido deseñado para os mapas personalizados é o bloque de ordes, que permite expandir as interaccións cos xogadores a través de varios comandos de servidor.
O modo espectador permite que os xogadores voen libremente polo mundo observando o xogo sen interactuar con el. Neste modo de xogo hai un menú que permite que os xogadores se teletransporten ós lugares onde se atopan outros xogadores, ademais de permitir compartir o seu punto de vista ou ó doutras criaturas.
Multixogador O modo multixogador de Minecraft está dispoñible por medio de servidores, nos que o anfitrión pode ser un dos propios xogadores ou unha terceira parte, permitindo que os xogadores interactúen e se comuniquen entre eles dentro dun único mundo de xogo. Os mundos de xogo dun só xogador teñen soporte de rede local, permitindo que outros xogadores se unan a eles dende outras computadoras conectadas na rede local sen precisar unha configuración de servidor. Os servidores multixogador de Minecraft están guiados por operadores de servidor, que teñen acceso a comandos de servidor que lles permiten, por exemplo, configurar a hora do día no xogo e teletransportar ós xogadores a outros lugares do mundo de xogo. Os operadores poden configurar tamén restricións para permitir só determinados nomes de usuario limitar o acceso de determinados enderezos IP ó servidor. Os servidores multixogador ofrecen diversas actividades dentro do xogo, e algúns deles teñen regras únicas e personalizadas. Tamén poden habilitar o modo xogador contra xogador (PvP) permitindo que os xogadores loiten entre eles. No ano 2013, Mojang anunciou Minecraft Realms, un servizo de hospedaxe de servidores coa intención de que os xogadores puidesen configurar partidas multixogador de forma máis doada e sen precisar un servidor propio. Nun anuncio da Electronic Entertainment Expo de 2016, Mojang confirmou que Realms incluiría soporte de xogo multiplataforma entre as versións de Windows 10, iOS e Android a partir de xuño de 2016, con soporte adicional para Xbox One máis tarde ese mesmo ano e eventualmente soporte para dispositivos de realidade virtual.
Desenvolvemento miniatura|dereita|Markus "Notch" Persson na GDC de 2011 Markus "Notch" Persson comezou o desenvolvemento do xogo como un proxecto persoal. A inspiración para crear Minecraft veulle doutros xogos como Dwarf Fortress, Dungeon Keeper e Infiniminer. Naquel momento visualizou un xogo de construción isométrico en 3D que sería unha mestura entre as súas inspiracións e levou a cabo varios prototipos iniciais. Infiniminer foi unha grande influencia para o estilo da mecánica de xogo, incluíndo o aspecto en primeira persoa, o estilo visual de bloques e os fundamentos de construción de bloques. Porén, a diferenza de Infiniminer Persson procurou que Minecraft incluíse elementos de rol.