200px|miniatura|dereita|Papageno. Die Zauberflöte, en galego A frauta máxica, é a última ópera (concretamente un singspiel, nome que recibe a ópera cómica en alemán e onde se intercalan partes faladas) composta por Wolfgang Amadeus Mozart con libreto de Emanuel Schikaneder, baseado en parte en Lulu, oder die Zauberflöte, de A.J. Liebeskind e en parte na obra Sethos de Jean Terrasson.
Foi representada por primeira vez en vida do compositor austríaco, estreándose no Theater an der Wien de Viena o 30 de setembro de 1791 baixo a dirección do propio Mozart, apenas dous meses antes da súa morte.
Historia O empresario teatral Emanuel Schikaneder pasaba graves apuros económicos, e o compositor, grande amigo seu desde a mocidade e na súa mesma situación financeira, decidiu escribir para el unha obra que podería obter unha boa recadación. Porén, variou por completo a acción ao saber que un teatro rival ía estrear outra ópera con temática similar, dotándoa dunha significación simbólica supostamente de acordo con certas prácticas masónicas, co que o elemento mítico e marabilloso adquiriu en Die Zauberflöte un gran papel. Moitas das ideas e motivos da ópera recordan os da filosofía da ilustración.
Mozart fora iniciado na loxa masónica de Viena Zur Wohltätigkeit ("A Beneficencia") o 14 de decembro de 1784, e Schikaneder era irmán masón de Mozart. Cando tivo lugar a estrea da ópera, a masonería acababa de ser prohibida nos dominios do Emperador Xosé II pola súa relación no país cos Iluminados de Baviera. Schikaneder Foi o primeiro que interpretou o papel de Papageno, mentres que o papel da Raíña da Noite foi interpretado por Josepha Hofer, cuñada de Mozart.
Der Zauberflöte segue a ser importante dentro do repertorio operístico estándar e aparece como a número 4 na lista de Operabase das óperas máis representadas en todo o mundo no período 2005-2010.Statistics, 2005-10, en Operabase O seu status como obra mestra da ópera é incuestionable, especialmente dentro do máis reducido ámbito do singspiel.
Algunhas das súas melodías son moi coñecidas, como o dúo de Papageno e Papagena, ou a aria de coloratura da Raíña da Noite titulada Der Hölle Rache kocht in meinem Herzen ("A vinganza do inferno ferve no meu corazón") e a aria do príncipe Tamino.
Argumento Acto I Cadro I: Nas terras rochosas
O príncipe Tamino chega até terras rochosas perseguido por unha serpe. Perdeu a súa arma e roga pola súa vida até que se desmaia ("Zu Hilfe! Zu Hilfe!"). Pero enseguida é salvado polas Tres Damas (Die Drei Damen), que matan o monstro. Ao ver o mozo namoran del, mais abandónano coa promesa de volver de novo. Tamino esperta atordado, xunto ao cadáver da serpe, e escoita un asubío. Papageno, un ser metade paxaro e metade home, que carga cunha gran gaiola, achégase a el cantando ("Der Vogelfänger bin ich ja"). Tamino pregúntalle quen é, e Papageno explícalle que é o paxareiro da Raíña da Noite (Die Königin der Nacht), quen lle dá comida a cambio de paxaros.
Tamino pensa que Papageno o salvou ao matar a serpe, e Papageno non lle di a verdade. Chegan entón as Tres Damas, que ao ver que Papageno mentiu, lle pechan a boca cun cadeado de ouro. Ao dirixirse a Tamino, entréganlle un retrato dunha rapaza fermosa. Se el non permanece indiferente a ela, terá por recompensa fama, honra e felicidade.
Na intimidade, Tamino amosa co seu canto que a rapaza lle gusta moito ("Dies Bildnis ist bezaubernd schön"). Non sabe quen é a retratada, pero sabe que o namora. As Tres Damas aparecen ante Tamino e dinlle que a Raíña escoitou o seu canto e quere que sexa el quen rescate a súa filla. Esta é Pamina, a e está secuestrada por un demo chamado Sarastro que vive nun castelo moi ben vixiado. Entón, decidido, Tamino proponse salvar e liberar a Pamina. De repente escóitase un trebón e cae a noite. As montañas ábrense dando paso á Raíña da Noite, que vén sentada sobre un trono de estrelas, facéndose a escuridade tras dela. Na súa delicada e completa aria de tres tempos distintos ("Oh zittre nicht, mein lieber Sohn!") persuade a Tamino para que a rescate e, a cambio, deixará que quede con ela para sempre. Despois disto, a Raíña retírase entre as montañas e aparece de novo o día.
Tamino, pensando en soidade se o que viu é certo, encóntrase con Papageno no camiño, que non pode falar polo castigo ("Hm, hm, hm"). Entón aparecen as Tres Damas, que liberan a Papageno do seu castigo, pero este non debe mentir nunca máis: o castigo debe servir de advertencia! A Tamino ofrécenlle unha frauta máxica de ouro, que modifica o estado de ánimo da persoa que a escoite, facéndoa máis feliz: provoca ledicia no triste, e namora o solteiro. Papageno debe acompañar a Tamino, pero este ten medo de Sarastro; abandonaría a Tamino por non ir. As Damas, para evitalo, regálanlle ao paxareiro unhas pequenas campás máxicas de prata que o protexerán co seu son. Despídense deles dicíndolles antes que, para guiarse e atopar o castelo, han de seguir os pasos de tres rapaces novos, fermosos, nobres e sabios.
Cadro II: Na habitación con xeroglíficos do Palacio de Sarastro
Uns escravos e Monostatos entran con Pamina, suxéitana e átana. Esta intenta evitar a Monostatos, quen a acosa e a desexa. Achégase a ela sen saber con que intencióes ("Du feines Täubchen, nur herein!"). Nese momento entra Papageno, que encontra a Pamina xunto ao negro Monostatos. Ambos os dous asústanse pola estraña aparencia do outro, e escapan, pero Papageno regresa, preséntase ante Pamina e dille que hai un príncipe namorado dela que a vai rescatar por encargo da súa nai a Raíña. Antes de saír, cantan un dúo sobre a necesidade que senten de amor nas vidas ("Bei Männern, welche Liebe fühlen").
Cadro III: No bosque ante o palacio de Sarastro
Tamino é conducido até o palacio de Sarastro polos tres rapaces, quen lle din que sexa firme, paciente e calado. O templo ten tres portas: no medio a da sabedoría, na dereita a da razón, e na esquerda a da natureza. Entra pola porta da sabedoría porque as outras lle impiden pasar, Atrás! (Zurück!). Preséntase ante el un orador a quen lle pregunta, pero as súas respostas créanlle moita confusión ("Zum Ziele hin führt dich diese Bahn"). Parece ser que Sarastro non é malvado, segundo conta, senón que protexe a Pamina, mais non pode dicirlle máis nada por mor dun xuramento. Tamino, que quere atopar a Pamina por riba de todas as cousas, comeza a tocar a súa frauta, e o son atrae os animais do bosque. Ao tocar a frauta escóitase a melodía que sempre toca Papageno ("Wie stark ist nicht dein Zauberton").
Pamina e Papageno buscan tamén a Tamino e escoitan a súa frauta. Monostatos, ao oír a Papageno, aparece e intenta atrapalos. Chama aos seus escravos, que veñen con cadeas, pero Papageno utiliza o regalo das Tres Damas e coas súas campás logra detelos e failles bailar e cantar ("Schnelle Füße, rascher Mut" e "Das klinget so herrlich").
Escóitanse entón trombóns e Sarastro é anunciado por un coro invisible ("Es lebe Sarastro, Sarastro lebe!"). Entra de forma triunfal, cos seus sacerdotes e montado nun carro tirado por seis leóns. Pamina implóralle que lle perdoe a súa fuxida; ela quería escapar de Monostatos, quen a estaba a acosar. Sarastro xa sabía todo isto, e sabe amais que está namorada de Tamino. O motivo de que estea secuestrada é que se segue coa súa nai perderá a súa felicidade, di Sarastro, pois a Raíña xa deixou de exercer a función de nai.
Tamino entra suxeito por Monostatos e os dous mozos recoñécense e abrázanse fortemente, o que provoca a furia de Monostatos, que os separa inmediatamente e roga ao seu señor que os castigue. Sarastro, imparcial, sentenza un castigo de setenta e sete azoutes sobre Monostatos, ao cal levan os seus sacerdotes. Para terminar, ordena que acompañen a Papageno e a Tamino ao templo das probas, coas cabezas cubertas con sacos, para seren iniciados.
Acto II Cadro I: Un bosque con palmeiras
Sarastro e os seus sacerdotes, en procesión solemne, reúnense no seu templo ("Ihr Eingeweihten der Goetter Isis und Osiris"). Debaten a posibilidade de acoller a Papageno e a Tamino e inicialos nas súas prácticas. Todos aceptan a proposta, pero deberán ser virtuosos e superar unha serie de probas. Neste momento canta Sarastro a aria con coro "O, Isis und Osiris" rogando aos deuses que os fortalezan con virtudes e os acollan en caso de que deban morrer.
Cadro II: Nunha sala, de noite, con tormenta
Tres sacerdotes conducen a Tamino e Papageno até a sala onde se farán as probas e quítanlles os sacos. Tamino e Papageno inician unha conversa, e comezan a soar uns tronos que atemorizan a Papageno. Despois entran uns sacerdotes con lapas, cos que Tamino sentenza que estaría disposto a dar a súa vida pola amizade e o amor e someterse a probas para acadalo. Sobre isto Papageno non está moi de acordo; el é un home primitivo ("Ich bin so ein Naturmensch"), e non acepta iniciarse até que lle aseguran unha muller nova e fermosa, Papagena. Pero debe prometer non falar con ela se a ve. Teñen que permanecer en silencio, e non falar con muller ningunha. Neste dúo detállanse as principais motivacións da proba ("Bewahret euch vor Weibertuecken").
Os tres sacerdotes abandonan a sala e déixanos na escuridade. Nese momento aparecen as Tres Damas e cantan o quinteto ("Wie? Wie? Wie?"), que os intentan convencer de que ese non é un bo lugar. Papageno non para de preguntar a Tamino se o que din é verdade, pero Tamino, que é forte, non pensa no que poidan dicir. Elas insisten en que a Raíña da Noite se dirixe cara ao templo, mentres que Papageno se desmaia. Pero escóitanse os sacerdotes, que as expulsan até que desaparecen no chan. Entran estes e levan a Tamino. Fan que Papageno se levante para poder seguir guiándoo.
Cadro III: Un xardín miniatura|260px|Tamino y Pamina, acuarela de Max Slevogt. Pamina dorme baixo a luz da Lúa. Entón entra Monostatos e canta a súa aria sen que ninguén o vexa ("Alles fühlt der Liebe Freuden"), na que se lamenta da súa posición comprometida. Non pode amar un ser tan fermoso como a Lúa porque o negro é feo. Achégase a Pamina, pero a Raíña da Noite xorde do chan. Pamina esperta e Monostatos escóndese. A Raíña enfurécese ao ver que Tamino se puxo do lado de Sarastro, e clama vinganza. Na aria máis famosa da ópera ("Der Hölle Rache kocht in meinem Herzen") expresa que se sente enganada e obriga a Pamina que mate a Sarastro, ameazándoa con abandonala para sempre. Dálle o coitelo á súa filla para que asasine a Sarastro e marcha enfurecida. Monostatos sae de onde estaba escondido, e decide vingar a Sarastro pedindo que case con el, pero Pamina négase. Chega Sarastro para consolar a Pamina e tomar xustiza do xeito común dentro deses muros, onde non existe a vinganza ("In diesen heil'gen Hallen").
Cadro IV: Na sala das probas
Mentres, Tamino e Papageno seguen superando as distintas probas impostas. Neste momento enfróntanse á proba do silencio, mais Papageno non cala. Aparece unha muller vella e fea que ofrece auga a Papageno, que non para de falar con ela. A muller dille que ten 18 anos e dous minutos, e que ten un amante, o mesmo Papageno. Cando este vai preguntar o nome da anciá, soa un trono e a vella desaparece. Os tres rapaces chegan para traerlles comida e os seus instrumentos. Entregan a Tamino a frauta e a Papageno as campás, e desaparecen. Tamino toca a frauta mentres Papageno come e bebe. Pamina aparece ao escoitar a frauta, pero como Tamino non lle fala pensa que xa non a quere, e doída canta a aria "Ach, ich fühl's, es ist verschwunden".
Cadro V: Unha gran sala abovedada, no interior dunha pirámide