Celestino Torres Rodríguez, nado na Pobra do Brollón en 1921 e finado na Coruña o 16 de agosto de 2005, foi un empresario e político galego.

Traxectoria Empresario do sector da madeira, foi vocal do Consello Económico Sindical de Galicia e do Consello Provincial de Empresarios. Nas primeiras eleccións democráticas foi elixido alcalde de Monforte de Lemos por UCD. Foi un dos fundadores de Coalición Galega en 1983. Nas municipais de 1983 volveu ser elixido alcalde por Coalición Galega cunha ampla maioría absoluta. En 1985 renunciou á alcaldía por ser elixido deputado do Parlamento de Galicia. Nas municipais de 1987 volveu ser elixido alcalde de Monforte de Lemos pola Coalición Progresista Galega, o mesmo que nas municipais de 1991 encabezando a Converxencia Nacionalista Galega, renunciando outra vez en setembro de 1993 por ser elixido de novo deputado no Parlamento de Galicia, agora como independente dentro do grupo socialista. Nas municipais de 1999 encabezou a candidatura da CNG para tentar recupera-la alcaldía de Monforte que o seu partido perdera en 1995 en favor do PPdeG, conseguindo un lixeiro avance pero sen lograr recupera-la alcaldía. Nas municipais de 2003 foi o número 2 de Iniciativa Galega (INGA), formación creada pola CNG e outras formacións independentes da provincia lucense, e foi elixido concelleiro, apoiando ao goberno do BNG e PSdeG encabezado polo nacionalista Severino Rodríguez Díaz, pese a que o PPdeG lle ofreceu a alcaldía á candidata de INGA e contaba co apoio da outra concelleira electa pola formación. Mantívose como concelleiro ata o seu falecemento o 16 de agosto de 2005.

Foi nomeado fillo adoptivo de Monforte.

Notas

Véxase tamén Outros artigos Eleccións municipais en Monforte de Lemos

Ligazóns externas Ficha en galegos.info

Categoría:Alcaldes de Monforte de Lemos Categoría:Alcaldes de Galicia pola UCD Categoría:Alcaldes de Galicia por Coalición Galega Categoría:Alcaldes de Galicia por Coalición Progresista Galega Categoría:Alcaldes de Galicia durante a democracia Categoría:Deputados do Parlamento de Galicia por CG Categoría:Deputados do Parlamento de Galicia polo PSdeG-PSOE Categoría:Nados na Pobra do Brollón Categoría:Nados en 1921 Categoría:Finados en 2005 Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes Categoría:Deputados da II Lexislatura do Parlamento de Galicia Categoría:Concelleiros de Monforte de Lemos Categoría:Deputados da IV Lexislatura do Parlamento de Galicia