Xesús María Barrientos Antelo, tamén citado como Jesús María, nado en Añobres (Moraime, Muxía) en 1945, é un empresario e político galego. Foi alcalde de Muxía.
Traxectoria O pai de Barrientos emigrou á Arxentina e nunca volveu, así que de moi neniño tivo que traballar nunha casa de labranza. Escolarizado, traballou como albanel e, á volta do servizo militar montou empresa de seu, dedicada á albanelería e á construción, onde traballou até a súa xubilación.
Na década de 1970 vinculouse á cámara agraria e deseguido presentouse ás primeiras eleccións democráticas en Muxía encabezando unha candidatura independente. Foi elixido alcalde co apoio da UCD. Nas municipais de 1983 encabezou a candidatura de Alianza Popular e foi reelixido cunha ampla maioría absoluta. Nas eleccións de 1987 encabezou a CPG e foi de novo reelixido alcalde, e como na ocasión anterior cunha ampla maioría absoluta. Foi un dos alcaldes desta formación que respaldou o apoio de 3 dos seus deputados provinciais desta formación á moción de censura presentada na Deputación da Coruña polos socialistas de Salvador Fernández Moreda, fronte ó aliancista José Manuel Romay Beccaría.
Nas eleccións de 1991 presentouse polo PSdeG-PSOE e gañou novamente, pero sen maioría absoluta, perdendo a alcaldía tras apoiaren os concelleiros do PPdeG ao único edil do BNG. De novo candidato do PSdeG nas municipais de 1995, logrou recuperar a alcaldía grazas a que desta vez si acadou o apoio do BNG, pero en setembro dese mesmo ano viuse obrigado presentar a súa renuncia á alcaldía logo de ser inhabilitado.
Tras isto abandonou a política durante uns anos, pero tras cumprir a inhabilitación en 2002 volveu presentarse como independente na candidatura do CDI (unha forza que conseguiu bastante apoio na bisbarra da Costa da Morte) nas municipais de 2003, e foi o único concelleiro elixido por esa formación. En 2007 abandonou a política para centrarse na empresa.
Vida persoal Casou dúas veces, a primeira na década dos sesenta con Matilde Varela, a mestra que lle dera clase, e a segunda en 2006 con Pilar Lago Mato. Tivo un fillo (empresario) e dúas fillas (entre elas Mercé Barrientos).
En 2008 sufriu un ictus.
Obra Fontes rumorosas do concello de Muxía (2020), sobre as fontes e lavadoiros de Muxía, escrito a canda a súa filla Mercé Barrientos.
Notas
Véxase tamén
Outros artigos Eleccións municipais en Muxía
Ligazóns externas Noticia en La Voz de Galicia Entrevista en La Voz de Galicia
Categoría:Alcaldes de Muxía Categoría:Alcaldes de Galicia polo PSdeG-PSOE Categoría:Alcaldes de Galicia de candidaturas independentes Categoría:Alcaldes de Galicia por Coalición Progresista Galega Categoría:Alcaldes de Galicia por AP Categoría:Alcaldes de Galicia durante a democracia Categoría:Nados en Muxía Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes Categoría:Nados en 1945