miniatura|222px|Manuel Reimóndez Portela. Manuel Reimóndez Portela, nado en San Miguel de Castro (A Estrada), o 26 de marzo de 1916 e finado na mesma parroquia o 20 de xuño de 1994, foi un médico, escritor e político galego.

Traxectoria Emigrou de neno a Cuba, onde fixo os estudos primarios e comezou o bacharelato, e retornou en 1932. Estudou Medicina na Universidade de Santiago de Compostela, aínda que non chegou a rematala debido á Guerra Civil. Cando rematou a contenda, regresou á facultade e obtivo a licenciatura en 1960, especializouse no aparato dixestivo. Exerceu a profesión na súa aldea natal. Polo seu trato chamáronlle o Médico dos Pobres.

Na época da transición presidiu a Comisión que elaborou o Estatuto dos dezaseis, o anteproxecto do Estatuto de Autonomía de 1981. Nas eleccións municipais de 1983 encabezou a candidatura da Alianza Popular na Estrada e foi elixido alcalde grazas a un pacto de goberno co PSdeG-PSOE. Estivo á fronte da alcaldía ata o fin do mandato en 1987, cando optou por non presentarse á reelección.

Foi presidente do Centro de Iniciativas e Turismo da Estrada e director do museo municipal, que leva o seu nome.

Recoñecementos En 1994 obtivo o premio San Martiño de nomalización lingüística do Concello da Estrada.

En 1996 a Fundación de Exposicións e Congresos da Estrada creou na súa honra o Premio Xornalístico Manuel Reimóndez Portela, co obxectivo de contribuír ao fomento e difusión da lectura na Comunidade Autónoma Galega.

Déuselle o seu nome ao Museo do Pobo Estradense.

En 2004 o Concello da Estrada réndelle homenaxe adicándolle o seu Ano Cultural.

Obras Guía turística de La Estrada, 1976. Marcas de canteiros de la desaparecida Torre de la Barreira, 1976. O Estatuto dos 16, 1978. Cruceiros e cruces do nordeste da provincia de Pontevedra, 1985. A Estrada rural, 1990. Un médico na aldea, 1992. A Estrada El camino a Santiago por el sudeste: Ourense, Santiago de Compostela, 1993. En colaboración con José Espiño Matos e Mariano Sinde Lema.

Véxase tamén

Bibliografía

Outros artigos Eleccións municipais na Estrada Premio xornalístico Manuel Reimóndez Portela

Categoría:Políticos de Galicia Categoría:Alcaldes da Estrada Categoría:Alcaldes de Galicia durante a democracia Categoría:Nados na Estrada Categoría:Nados en 1916 Categoría:Finados en 1994 Categoría:Medallas do Parlamento de Galicia