CHIPSat (acrónimo de Cosmic Hot Interstellar Plasma Spectrometer Satellite) foi un observatorio espacial da Universidade de California en Berkeley e da NASA lanzado o 13 de xaneiro de 2003 ás 00:45 UT mediante un foguete Delta II 7320 desde a base Vandenberg da Forza Aérea.
Características CHIPSat foi a primeira misión de demostración tecnolóxica seleccionada polo programa UNEX (University-class Explorer) da NASA co obxectivo de cartografar o fondo difuso do ceo en lonxitudes de onda ultravioleta, entre 90 e 260 ángstroms. Nesas lonxitudes de onda pódese estudar a temperatura dos electróns, a ionización e os mecanismos de arrefriamento da burbulla interestelar local, unha nube de gas quente na que está inmerso o sistema solar e que abarca ata uns 300 anos luz deste.
Nave O satélite, construído por SpaceDev, pesaba 64 kg e estabilizábase nos tres eixos usando catro volantes de inercia, tres bobinas magnéticas, dous sensores solares, un magnetómetro, un sensor lunar e sensores de xiro para proporcionar unha precisión no apuntado de 2 graos. O satélite usaba o bus BD-II, baseado en aluminio. A potencia eléctrica era proporcionada por células solares montadas no corpo do satélite e capaces de dar ata 106 vatios que alimentaban varias baterías de níquel-cadmio usadas durante os eclipses. O control térmico da nave era pasivo e o sistema de control e comunicacións usaba un só ordenador cunha CPU Motorola Power PC 750. CHIPSat foi o primeiro satélite en usar unicamente TCP/IP e FTP como protocolo de comunicacións co equipo de terra, emitindo en banda S.
Instrumentación O satélite levaba como único instrumento un espectrómetro ultravioleta de baixo custo e alta sensibilidade denominado CHIPS e que lle deu nome ó satélite. CHIPS é o acrónimo de Cosmic Hot Interstellar Plasma Spectrometer, que significa espectrómetro cósmico de Plasma interestelar quente. O satélite realizaba observacións a través de seis pequenas aperturas no panel traseiro.
Estado da misión CHIPSat foi apagado por falta de fondos o 11 de abril de 2008 tras funcionar correctamente durante cinco anos.
Notas
Categoría:Satélites artificiais