COS-B (acrónimo de Celestial Observation Satellite) foi un observatorio espacial da Axencia Espacial Europea lanzado o 9 de agosto de 1975 mediante un foguete Delta 2913 desde a Base Vandenberg da Forza Aérea. Inicialmente pretendíase lanzar o satélite mediante un foguete Europa 2, pero descartouse tralos diversos fallos técnicos co mesmo.

Características A misión de COS-B consistiu na observación da radiación gamma celeste no rango de enerxías entre 25 MeV e 1 GeV co obxectivo de estuda-los púlsares de raios gamma, cartografar a Galaxia en raios gamma e facer un estudo en detalle do púlsar Geminga.

O satélite foi inxectado nunha órbita altamente elíptica cun apoxeo de 100.000 km e un perixeo de 350 km e unha inclinación orbital de case 90 graos.

O satélite tiña forma cilíndrica, cun diámetro de 140 centímetros e unha altura de 121 centímetros. Tendo en conta as catro antenas que sobresaían da parte inferior do cilindro, a altura total era de 172,2 cm.

COS-B obtiña información sobre a súa orientación a partir dun sensor solar e dun sensor de albedo terrestre. A actitude controlábase mediante un sistema de control que usaba gas frío (nitróxeno) como propulsor. O mesmo sistema servía para axustar a rotación do satélite a unha velocidade de 10 revolucións por minuto, engadíndose un par de tobeiras de precesión para axustar o momento angular.

O sistema de telemetría usaba un transmisor en tempo real de 6,5 watts de potencia e cunha taxa de transmisión de datos de 160 ou 320 bps, seleccionable. A enerxía eléctrica era proporcinada por 9480 células solares montadas en 12 subpaneis no cilindro do satélite.

A misión deuse por finalizada en abril de 1982 tras funcionar case o triplo do inicialmente estimado (6 anos e 8 meses fronte a dous anos previstos). O satélite reentrou na atmosfera o 18 de xaneiro de 1986.

Instrumentación Como único instrumento, COS-B levaba a bordo un telescopio de raios gamma, que funcionou sen problemas durante toda a misión salvo problemas puntuais coa cámara de chispas e a perda normal de rendemento co paso do tempo.

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas COS-B na páxina da ESA COS-B na páxina de HEASARC (NASA)

Categoría:Satélites artificiais Categoría:Axencia Espacial Europea