Acontecementos Gran Bretaña O empresario británico Robert Owen implanta na súa fábrica de fiados de algodón (contruída en New Lanark), a xornada de traballo en dez horas e media. Tamén prohibe que traballen os nenos menores de 10 anos. Desta forma impúlsanse as primeiras medidas de protección laboral. O 1 de agosto fírmase a Acta de Unión, integrando a Irlanda, votada, a petición de Pitt (o Xove), polos deputados ingleses. Irlanda será representada, a pesar seu, no parlamento do Reino Unido.

España 1 de maio: nace en Santiago de Compostela El Catón Compostelano, primeiro periódico de Galicia. 25 e 26 de agosto: na Batalla de Brión, as tropas españolas e auxiliares civís rexeitan un ataque do exército británico, desembarcado na praia de Doniños, que tencioaba apoderarse da base naval de Ferrol. O 1 de outubro España e Francia firman un convenio preliminar e secreto, que sería bautizado co nome de San Ildefonso. O convenio establecía a ampliación do ducado de Parma e a súa posterior conversión no reino de Etruria, cando Francia firme a paz con Austria. A cambio, España debe entregar a Francia 6 naos de guerra (dotados cada unha de 74 canóns) e devolver Luisiana. O convenio, completado co de Madrid (asinado o 21 de marzo de 1801), entraría en vigor trala firma de paz de Lunéville.

India O gobernador xeral da India, Richard C. Wellesley, impón o protectorado británico o nizam de Hyderabad, un territorio situado na zona central do Decán. Indonesia O 1 de xaneiro a Coroa neerlandesa faise cargo das propiedades que ten en Indonesia a Compañía das Indias Orientais, disolta pola mala xestión e corrupción. Alemaña O poeta alemán Friedrich von Hardenberg, máis coñecido como "Novalis", publica os seus "Himnos de la noche", no que expresa o vínculo místico que o une con Sofía von Kühn (que era a súa prometida, morta no 1797 con 15 anos de idade). Toda a obra xira en torno á alternativa, a superposición dos soños e a realidade. A poesía alcanza mediante a densidade e a musicalidade da palabra unha forza de expresión nova, que será unha das referencias dos teóricos do romanticismo. Sentíndose rodeado pola presenza real da morte, o poeta declara apercebir as doces chamadas do invisible e desexa unirse á súa amada, non co suicidio, senón mediante o acto de vontade. Novalis nacera no 1772 e morrería no 1801.

Reino Unido O fisiólogo británico Anthony Carlisle, axudado polo físico William Nicholson, descobren a electrólise ao descompoñe-la auga acidulada. Xuntos realizan, tamén, a electrólise das sales metálicas disoltas. O astrónomo anglo-alemán William Herschel descobre as ondas infravermellas. Trátase dunha onda electromagnética cun rango e frecuencia invisibles para o ollo humano. Herschel descubrirá, ademais, o planeta Urano, centos de estrelas e algunhas nebulosas.

Roma O 14 de marzo o papa Pío VII (cuxo nome real era Gregorio Chiaramonti), con idade de 59 anos sobe ó solio pontificio, na calidade de sucesor de Pío VI (despois de 7 meses e medio nos que o trono pontifical permaneceu baleiro). Pío VII asumirá o seu cargo durante 23 anos (xa que finará o 20 de agosto de 1823).

Malta As tropas británicas ocupan a illa tralo asedio de 2 anos. O británicos non pensan devolve-la illa de Malta á Orde dos Cabaleiros e prepáranse para unha longa ocupación.

Francia Napoleón Bonaparte instálase nunha casa acomodada nas Tullerías o 19 de febreiro. O día seguinte (20 de febreiro) a Banca de Francia, que fora fundada por unha asociación de banqueiros que contaban co patrocinio de Napoleón, escomenza as primeiras operacións. O 14 de xuño durante unha revolta en Exipto na que morre o xeneral francés, Jean Baptiste Kléber, o seu substituto, o xeneral francés Jacques Francois de Boussay, asume o poder militar no país. Tamén nese mesmo día, as tropas de Napoleón Bonaparte derrotan o exército austríaco na batalla de Marengo.

Italia Na cidade de Pavia dáse a coñecer o invento da pila eléctrica creada por Alessandro Volta (que nacera na localidade de Como un 19 de febreiro de 1745 e finaría na mesma o 5 de marzo de 1827). A pila estaba composta por parellas de laminillas de cinc e cobre en contacto directo; cada parella estaba separada da seguinte por un cartón húmido. A artefacto desempeñaba a acción dunha batería de condensadores que se recarga de forma inmediata. En maio, unha segunda campaña de Napoleón Bonaparte (que duraría ata decembro de 1800), desenvolverase no marco da segunda coalición. Napoleón atravesará o Gran San Bernardo cun exército de reserva (feito que ocorrirá do 14 ao 23 de maio). Despois do éxito da vanguarda en Montebello (o 9 de xuño), vólvese a enfrontar contra os austríacos en Marengo (onde Desaix e Boudet transformarán en vitoria decisiva unha situación moi crítica). Mentres que Moreau e o exército de Alemaña invaden Baviera e ameazan o interior de Austria, Napoleón Bonaparte ocupa Lombardía e Venecia, impoñendo a Austria o armisticio de Trévise (que se asinará o 15 de xaneiro de 1801), preludio do tratado de Lunéville.

Arte e cultura Goya pinta "A familia de Carlos IV", hoxe no Museo do Prado.

Nacementos 7 de xaneiro - Millard Fillmore, político americano, será o 13º presidente de Estados Unidos. 14 de xaneiro - Ludwin Köchel, investigador e botánico austríaco. 28 de xaneiro - Antonio Feliciano de Castilho, escritor portugués. 12 de febreiro - John Edward Gray, zoólogo británico (m. 1875) 18 de febreiro - Dalmacio Vélez Sarsfield, estadista e xurisconsulto arxentino. 23 de febreiro - William Jardine, naturalista francés; 7º barón de Applegirth. 5 de marzo - Georg Friedrich Daumer, filósofo e poeta alemán. 20 de marzo - Braulio Carrillo Colina, político costarriqueño; presidente de Costa Rica nos anos 1835/37 e 1838/42. 25 de marzo - Alexis Paulin Paris, historiador francés. 14 de abril - Joseph Deharbe, teólogo francés. 15 de abril - James Clark Ross, explorador escocés. 22 de abril - Maria Francisca de Assis, filla do rei portugués Xoán VI e Carlota Xoaquina. 19 de maio - Antonio Xoaquin da Costa Carvalho, aristócrata portugués; coñecido co nome de barón de San Lourenzo. 19 de xuño - Juan José Flores y Aramburu, político ecuatoriano; presidente provisional de Ecuador dende o 14 de agosto de 1830 ao 22 de setembro de 1830. 14 de xullo - Jean-Baptiste Dumas, químico francés. 21 de xullo - Aureliano de Sousa e Oliveira Coutinho, aristócrata brasileiro; vizconde de Sepetiba. 9 de agosto - Buckner Stith Morris, político americano; segundo alcalde da cidade de Chicago. 17 de agosto - Charles Latour Rogier, estadista belga. 17 de setembro - Franklin Buchanan, tenente-almirante americano. 12 de outubro - Francesco Florimo, compositor italiano. 25 de outubro - Thomas Babington Macaulay, historiador e político británico (m. 1859). 4 de novembro - Eduard Brendler, compositor sueco. 6 de novembro - Eduard Grell, compositor alemán. 15 de novembro - George Rodwell, compositor inglés. 23 de novembro - Michael P. Pogodin, historiador ruso. 3 de decembro - France Prešeren, poeta romántico esloveno (m. 1849). 7 de decembro - Carlo Giuseppe Gené, escritor e naturista italiano. 25 de decembro - John Phillips, xeólogo británico. 27 de decembro - John Goos, compositor inglés. 29 de decembro - Charles Goodyear, inventor do proceso de vulcanizado que posteriormente facilitaría o tratamento do caucho.

Mortes 10 de xaneiro - Johan Wikmanson, compositor sueco. 27 de abril - Evstigney Iptovich Fomin, compositor ruso. 3 de maio - Johann Christian Fischer, compositor alemán 7 de maio - Niccolo Piccinni, compositor italiano. 10 de xuño - Johann Abrahan Peter Schulz, compositor alemán. 14 de xuño - Jean-Baptiste Kléber, xeneral francés que prestaba servizo coas súas tropas en Exipto. 20 de xuño - Abraham Gotthelf Kaestner, matemático alemán. 3 de agosto - Carl Friedrich Christian Fasch, compositor alemán. 8 de setembro - Pierre Gavinies, violinista e compositor francés. 26 de setembro - William Billings, compositor americano. 9 de novembro - Domingos Caldas-Barbosa, poeta e escritor brasileiro.

Outros Breves 18 de xaneiro - En Francia diversos comerciantes e banqueiros crean a Banca de Francia. 22 de febreiro - Inaugúrase o Seminario de Olinda, que será un máis a sumarse nos que xa hai feitos no Brasil e que complementará o municipio do seu nome. 23 de marzo - O Congreso de Estados Unidos aproba unha medalla para o capitán Thomas Truxtun. 24 de abril - Co visto e prace do Congreso, comézase a construción da biblioteca do mesmo edificio. 9 de xuño - Celébrase a Batalla de Montevello entre os franceses e os austríacos. 8 de xullo - Un documento do estado brasileiro obriga aos propietarios a conserva-las árbores nunha distancia dende as costas do mar a 18 leguas no interior. 30 de agosto - Nos Estados Unidos, no estado de Virxinia fórmase unha rebelión de escravos, coñecida coma revolta de Gabriel. 30 de outubro - É executado o líder escravista, Gabriel Prosser, quen fora o principal responsable da rebelión de escravos no estado de Virxinia. 16 de decembro - Francia e os Estados Unidos asinan un documento, coñecido como "Convención 1800". Segundo outros historiadores, neste ano o físico alemán Johann Wilhelm Ritter descobre a radiación ultravioleta por simple casualidade. Ao longo deste ano a novela de Charles Dickens, "Almacén de antigüidades" é publicada por entregas dun capítulo á semana. O enxeñeiro inglés Richard Trevithink (ou Trevithick) constrúe o primeiro motor con vapor a presión.

Historia ano a ano

Categoría:1800