Feiraco é unha empresa agrícola galega, fundada en Negreira en 1968. Actualmente as súas instalacións están situadas na parroquia de Agrón (Ames), entre os lugares de Arufe e A Ponte Nova. Está xestionada en réxime de cooperativa, desenvolvendo todo o proceso desde a recollida até a comercialización do leite e os produtos derivados. En 2014 contaba con 2.114 socios, 213 empregados e 490 explotacións produtoras de leite nas que recollía arredor de 126 millóns de litros anuais.
Historia Feiraco, Sociedade Cooperativa Galega foi formada en 1968 por 125 persoas da comarca da Barcala. O rexistrador da propiedade Jesús García Calvo, impulsor do proxecto, foi elixido primeiro presidente, cargo que ocupou até 2008, ano en que o sucedeu o gandeiro de Olveira (Dumbría) José Antonio Casais. Dende 2012 a cooperativa está presidida por José Montes Pérez.
En 1970 construíuse unha fábrica de pensos propia, e ao ano seguinte iniciouse a recollida e comercialización do leite. En 1974 foi unha das primeiras empresas en introducir en España o sistema UHT de envasado.
En 2011 creou a marca Unicla, vinculada ao selo Galega 100% promovido pola Xunta de Galiza que identifica o leite de orixe galega. A marca Feiraco tamén está certificada por Galicia Calidade e foi a primeira empresa española certificada por AENOR coa "Letra Q" do Ministerio de Medio Ambiente, Medio Rural e Mariño.
Esta marca recibiu o primeiro Premio Europeo á Innovación Cooperativa. No ano 2011 recibiu o distintivo de Igualdade na Empresa, outorgado polo Ministerio de Sanidade, pola súa política de responsabilidade social, e en 2016 a Xunta outorgoulle o Premio RSE polo seu proxecto Responsabilidade Social en Movemento para afianzar prácticas responsables en todas as áreas de traballo da compañía. Recentemente recibiu o distintivo de Igualdade na Empresa pola súa política de responsabilidade social, e foi distinguida como «empresa socialmente responsable».
Entre 2011 e 2012 lidera o proceso de adquisición, xunto a outras nove cooperativas galegas integradas en ACOLACT, da planta de CLESA en Caldas de Reis. Este proceso foi apoiado pola Xunta de Galiza a través do IGAPE, e culminou coa sinatura formal das escrituras de compra o 19 de xullo de 2012.
En novembro de 2016, funda Cooperativas Lácteas Reunidas (CLUN) xunto a Melisanto e Os Irmandiños. Esta sociedade cooperativa de segundo grao, que xestiona arredor do 15% da produción láctea galega, comercializa as marcas Feiraco, Feiraco Unicla e Clesa.
Moi vencellada á cultura e o patrimonio galego, Feiraco colabora coa Xunta de Galiza para difundir a celebración do Día das Letras Galegas con accións como a edición especial de cartóns de leite ou a convocatoria de concursos de microrrelatos.
Produtos Leite Feiraco: enteiro, semidesnatado e desnatado. Leite Feiraco Unicla: enteiro, semidesnatado e desnatado. Leite Feiraco Unicla sen lactosa: semidesnatado e desnatado. Feiraco Yogu+: iogur bebible sabor amorodo, macedonia e natural. Feiraco Batido de Chocolate Feiraco Nata para montar e cociñar. Queixos: de barra, Tetilla e Arzúa-Ulloa.
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas Sitio web de Feiraco Cooperativas Lácteas Unidas Feiraco na Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (AGACA) Memoria RSC 2013-2014
Categoría:Empresas de alimentación de Galicia Categoría:Galicia Calidade Categoría:Empresas de produtos lácteos