Fight Club é un filme estadounidense de 1999 baseado na novela homónima de 1996 escrita por Chuck Palahniuk, dirixido por David Fincher con Brad Pitt, Edward Norton e Helena Bonham Carter coma protagonistas. Norton representa o protagonista sen nome, ó que se fai referencia como Narrador, un home insatisfeito co seu traballo de oficina e con problemas de insomnio que forma un "club da loita" co fabricante de xabón Tyler Durden, representado por Pitt, ó que se unen outros homes que queren loitar entre eles por diversión. O Narrador vese envolto nunha complicada relación con Durden e con Marla Singer, representada por Bonham Carter, mentres que o club evoluciona cara a unha organización anticapitalista que leva a cabo un ataque terrorista.
A produtora de 20th Century Fox Laura Ziskin obtivo os dereitos da novela de Palahniuk e contratou a Jim Uhls para escribir a adaptación cinematográfica. Fincher foi un dos directores que os produtores consideraron para o filme, sendo finalmente o seleccionado polo entusiasmo que amosou en facer a película. Fincher desenvolveu o guión xunto a Uhls e procurou consello para o mesmo no propio elenco de actores e outros membros da industria do cinema. A súa intención era que a violencia de Fight Club servise como metáfora para o conflito entre unha xeración de xente nova e o sistema de valores da publicidade, ademais de copiar as alusións homoeróticas da novela de Palahniuk para incomodar a audiencia e previr que anticipase o xiro argumental da fin do filme.
Ós executivos dos estudios de produción non lles gustou o filme e reestruturaron a campaña de publicidade planeada por Fincher para tentar reducir as perdas que anticipaban. Fight Club non conseguiu acadar as expectacións de recadación nos cinemas das produtoras e tivo unha recepción polarizada por parte da crítica, que eloxiou a actuación, dirección, temática e mensaxe do filme pero criticou a violencia explícita e a ambigüidade moral do mesmo. O filme citouse como un dos máis controvertidos e falados de 1999, obtendo o éxito comercial e de crítica posteriormente trala súa publicación en formato DVD e pasando a estar considerado coma un filme de culto.
Sinopse
O Narrador sen nome (Edward Norton) é un viaxante especialista en devolucións de automóbiles que sofre de insomnio. Tras unha visita ó médico, o doutor suxírelle que debería asistir a unha reunión dun grupo de terapia para enfermos de cancro testicular para darse conta de que o seu sufrimento é relativamente pouco en comparación. O grupo asume que el tamén está afectado coma o resto de asistentes, e tras abrazarse con Robert Paulson (Meat Loaf) comeza a chorar de forma espontánea, sentíndose libre grazas a esta catarse que lle libera do seu insomnio. Tras isto decide participar tamén noutros grupos de terapia de diversa índole, sempre deixando que o grupo asuma que sofre a mesma condición que eles. Tras varias reunións comeza a decatarse de que hai outra impostora nestes grupos, Marla Singer (Helena Bonham Carter), e a súa presenza recórdalle que está asistindo ós grupos de forma deshonesta, facendo que xa non goce das reunións. Os dous negocian entre eles para repartirse os grupos evitando coincidir nos mesmos, e antes de marchar Marla dálle o seu número de teléfono.
Durante un voo de volta a súa casa tras unha viaxe de negocios, o Narrador coñece a Tyler Durden (Brad Pitt), un fabricante de xabón co que comeza a conversar tras decatarse de que os dous teñen un maletín idéntico. Tralo voo o Narrador volve ó seu fogar e atópase con que o seu apartamento quedou destruído por mor dunha explosión. Sen ninguén máis a quen contactar, chama a Tyler e reúnese con el nun bar. Tras unha conversa sobre o consumismo, os dous saen do bar e Tyler reprende o Narrador por non atreverse a dicirlle que precisa un sitio no que quedar. Tyler pídelle ó Narrador que lle golpee, o que dá lugar a unha pelexa entre ambos. O Narrador múdase á casa de Tyler, unha vella casa nunha zona industrial da cidade. En noites seguintes continúan pelexándose fóra do mesmo bar, e comezan a atraer a unha cada vez maior multitude de xente. As loitas trasládanse eventualmente ó soto do bar onde forman un club ("Fight Club", o "club da loita") no que se reúnen de forma rutineira para loitar entre eles por diversión.
Pola súa banda Marla sofre unha sobredose de pastillas e chama por teléfono ó Narrador para pedirlle axuda. El acaba por ignorala, deixando o teléfono descolgado. Tyler recolle o teléfono e tras falar con Marla vai ata o seu apartamento e sálvaa, levándoa ata a súa casa. Tyler e Marla comezan unha relación sexual, e Tyler advírtelle ó Narrador que non lle fale nunca del a Marla. Eventualmente fórmanse máis clubs da loita por todo o país, que baixo o liderado de Tyler e sen que o Narrador saiba nada convértense nunha organización antimaterialista e anticapitalista chamada Project Mayhem, con moitos dos membros do club da loita local trasladándose a vivir na vella casa.
O Narrador discute con Tyler por quedar excluído da nova manifestación da organización que crearan, e ó pouco tempo Tyler marcha da casa sen avisar. Posteriormente Robert Paulson, membro de Project Mayhem, morre a causa dun disparo dun policía tras unha operación de sabotaxe que sae mal, e o Narrador tenta botarlle o peche ó proxecto. Na procura de Tyler segue as probas de varias das súas viaxes por todo o país. Nunha cidade un membro de Project Mayhem saúda o Narrador referíndose a el coma Tyler Durden. O Narrador chama a Marla dende a súa habitación de hotel e descobre que Marla tamén cre que el é Tyler. Tyler aparece de súpeto na súa habitación de hotel, revelándolle que os dous son personalidades disociadas no mesmo corpo: mentres que o Narrador cría estar durmido, Tyler controlaba o seu corpo realizando viaxes a distintos lugares.
O Narrador esvaécese trala conversa, e ó espertar descobre o plan de Tyler para eliminar a débeda económica destruíndo os edificios que conteñen os rexistros das compañías de tarxetas de crédito. O Narrador tenta avisar a policía pero os oficiais cos que fala resultan ser membros da organización. Tras unha pelexa cos policías consegue escapar e tenta desactivar os explosivos colocados nun dos edificios, pero Tyler consegue reducilo e lévao ata o piso máis alto. Mentres que Tyler está apuntándolle cunha pistola, o Narrador cae na conta de que ó compartir o mesmo corpo con Tyler, é el mesmo o que ten o control e ten a pistola de Tyler na súa propia man. O Narrador pégase un tiro na boca, e o disparo sae pola súa meixela sen matalo. Tyler cae o chan cunha ferida de saída de bala na caluga, e o Narrador deixa de proxectalo mentalmente. Tras isto os membros de Project Mayhem levan a Marla canda el crendo que é Tyler e déixanos sós. Agarrándose da man, o Narrador e Marla presencian a detonación dos explosivos e como se derruban varios edificios ó seu arredor.
Temática e interpretacións
Fincher declarou que Fight Club era un filme de transición á madurez adulta, coma o filme de 1967 O graduado pero para persoas nos seus 30. Describiu o Narrador coma un "home calquera" sen nome. Segundo o propio Fincher, o Narrador tenta encaixar no mundo converténdose en algo que non é. Sen poder conseguir a felicidade, viaxa por un camiño de iluminación no que debe "matar" os seus pais, o seu deus e o seu mentor. Ó comezo do filme tiña matado os seus pais. Xunto a Tyler Durden mata o seu deus facendo cousas que se supón non deben facer, e para completar o proceso de madurez ten que matar o seu mentor, o propio Tyler Durden.
O protagonista é unha inversa dos anos 1990 do arquetipo dO Graduado: "un home que non ten un mundo de posibilidades fronte a el, non ten posibilidades, literalmente non pode imaxinar unha forma de cambiar a súa vida". O Narrador está confundido e anoxado, polo que responde a súa contorna creando na súa mente a Tyler Durden, un Übermensch de Nietzsche. Malia que Tyler representa o que o Narrador quere ser, non é empático con el e non lle axuda a afrontar as decisións complicadas e con implicacións morais e éticas da súa vida. Fincher explicou: "[Tyler] pode tratar cos conceptos das nosas vidas dunha forma idealista, pero non ten que ver cos compromisos da vida real como a coñece o home moderno. Que ven sendo: Non es realmente necesario para moitas das cousas que están a suceder." Mentres que os executivos do estudio amosáronse preocupados por que Fight Club fose a ser un filme "sinistro e sedicioso", Fincher procurou facelo "divertido e sedicioso" incorporando elementos de humor.
Uhls cualificou o filme de comedia romántica, explicando: "Ten que ver coas actitudes dos personaxes cara a unha relación saudable, que é moito comportamento que semella pouco saudable e duro entre eles, pero de feito funciónalles, xa que os personaxes están psicoloxicamente no límite". O Narrador procura intimidade, pero evítaa con Marla Singer, véndose reflectido nela. Mentres que Marla representa unha expectativa sedutora e negativista para o Narrador, este acepta a novidade e excitación que representa a súa amizade con Tyler Durden. O Narrador séntese cómodo conectando de forma persoal con Tyler, pero sente envexa cando este comeza unha relación sexual con Marla. Cando o Narrador discute con Tyler sobre a súa amizade, Tyler dille que ser amigos é algo secundario en comparación con perseguir a filosofía que levan explorado. Tyler suxírelle tamén que faga algo con Marla, implicando que ela supón un risco que debe eliminar, e o Narrador decátase de que os seus desexos terían que estar enfocados en Marla e comeza a separarse do camiño xunto a Tyler.
O Narrador non cae na conta nun primeiro momento de que Tyler Durden é unha proxección mental súa. Ademais disto fai unha promoción enganada do club da loita coma unha forma de sentirse poderoso, malia que a súa condición física empeora mentres que mellora a aparencia de Tyler. Mentres que Tyler procura "experiencias reais" de pelexas ó igual que o Narrador nun primeiro momento, manifesta unha actitude nihilista de rexeitamento e destrución das institucións e sistemas de valores. A súa natureza impulsiva, que representa o id, transmite unha actitude sedutora e liberadora para o Narrador e para os membros de Project Mayhem. Os métodos e iniciativas de Tyler pasan a ser deshumanizadoras, dándolle ordes ós membros de Project Mayhem cun megáfono evocando a un director de campo de reeducación chinés. O Narrador termina separándose de Tyler e ó final acada un punto medio entre as súas dúas metades en conflito.