Gran Serbia (en serbio cirícilo: Велика Србија, en serbio latino: Velika Srbija) é un termo aplicado, por certas correntes irredentistas dentro do nacionalismo serbio, ao estado que se formaría se cristalizaran as políticas tendentes a estender o territorio da actual República Serbia que propugnan ditas correntes, e que incluiría todas as rexións de importancia tradicional para os serbios e rexións fóra de Serbia están poboadas maioritariamente, e mesmo minoritariamente, por serbios.
A ideoloxía principal deste movemento é unir a todos os serbios e a todos os territorios historicamente gobernados polos serbios (o que os nacionalistas chaman Terras Serbias) nun só Estado, reclamando para iso, dependendo da versión, diferentes rexións de moitos países circundantes, como as reclamacións de territorios das actuais Croacia, Bosnia e Hercegovina, Montenegro e Macedonia do Norte. Nalgunhas formas históricas, tamén incluían ampliacións maiores, pretendendo territorios de Albania, Bulgaria, Hungría e Romanía. A inspiración desta ideoloxía vén da memoria da existencia do Imperio serbio, relativamente grande e poderoso que existía en Europa suroriental no século XIV, antes da invasión e ocupación otomá.
Definición
Porque na aplicación do termo Gran Serbia pódense recoñecer dúas correntes. A primeira relaciónase co obxectivo de lograr a unión de todos os serbios que viven en zonas doutros países nas que son maioría étnica nun só estado pero, na súa forma máis radical determinaría a inclusión en dito estado de rexións doutros países onde os serbios son unha minoría máis ou menos significativa. Desde 1918 aplicouse tamén, nesta acepción, a movementos tendentes á creación ou o mantemento dunha Iugoslavia na que os serbios fosen o pobo dominante étnica e politicamente.
A segunda corrente referiríase aos intentos de unir aos eslavos do sur (iugo-eslavos) pola simple expansión de Serbia, de modo que os supostos pobos irmáns veríanse forzados a adaptarse ás leis e aos costumes de Serbia. Por extensión, tras o establecemento de Iugoslavia, despois da primeira guerra mundial os opositores a esta unión acusaron historicamente aos seus defensores de impulsar a imposición do dominio serbio sobre Iugoslavia, relacionando este concepto co citado en primeiro lugar. Os defensores da Gran Serbia alegaban que o propio feito da creación de Iugoslavia respondía á necesidade de unir aos serbios baixo un só estado, e que reducir o liderado serbio sería entón atacar os fundamentos da propia existencia do país.
Precedentes históricos 250px|miniatura|Mapa étnico da República de Serbia, segundo o censo de 2002 (excepto en Voivodina e Kosovo, que son do censo de 1991.En cor amarela, as zonas de maioría serbia.En cor maxenta, as de maioría albanesa.En cor caqui, as de maioría húngara.En cor verde, as de maioría bosníaca.En cor rosa, as de maioría eslovaca.En cor gris, as maioría búlgara.en cor azul, as de maioría gorani.Minoría étnica de musulmáns diferente aos bosnios.En cor azul celeste, zonas de poboación mixta.
Dun modo ou outro, as reclamacións sobre os territorios formaron nalgunha ocasión parte de Serbia xurdiron en numerosas ocasións durante os séculos XIX e XX, especialmente na expansión cara ao sur dos serbios nas Guerras balcánicas de 1912-1913, así como na expansión cara ao oeste e cara ao norte coa disolución do Imperio Austrohúngaro despois da primeira guerra mundial, e que se exacerbaron no desmembramento de Iugoslavia nos anos 1990.
A idea ten como fundamento a existencia histórica dunha gran cantidade de serbios vivindo fóra das súas fronteiras, particularmente en Bosnia e Hercegovina e antigamente en Croacia (antes da expulsión de serbios en 1995). Na práctica política, a idea da Gran Serbia considérase unha motivación máis entre as que acabaron causando diferentes conflitos bélicos, tales como a primeira guerra mundial ou as Guerras iugoslavas (1991-2001).
Aínda que a idea dunha federación de pobos sudeslavos encontrábase presente xa en escritos do influente nobre polaco Adam Jerzy Czartoryski (que estaría incluída na súa soñada confederación polaco-lituana), considérase que o ideal da Velika Srbija ten o seu precedente directo no informe datado en 1844 do ministro serbio Ilija Garašanin e denominado Načertanije.Ilija Garasanin's "Nacertanije" Instituto de Estudos Balcánicos. Academia Serbia das Artes e as Ciencias. Belgrado. Inclúe texto completo do documento. Consultada o 27/2/2012.
Nel reivindicábase a unión dos pobos serbios que nese momento se encontraban en territorios estranxeiros, divididos por aquel entón entre o Imperio Austrohúngaro e o Imperio Otomán. Estes territorios incluían gran parte da actual Croacia (o territorio ao leste da liña Virovitica-Karlovac-Karlobag), toda a actual Bosnia e Hercegovina, Kosovo, o norte de Albania e Macedonia do Norte. miniatura|esquerda|200px|O Principado de Serbia a mediados do século XIX.
Garašanin propón diversos métodos para estender a influencia serbia, especialmente centrados na propaganda e a interconexión con axitadores pro Serbia, con vistas a dispoñer dunha situación favorábel cando o Imperio Otomán finalmente colapsase.
Dito plan non se fixo público até 1897, e foi interpretado como un anteproxecto dirixido á unificación nacional serbia, reforzando as ideas nacionalistas pro serbias nas vilas lindeiras, considerados en dito informe como faltos de conciencia nacional propia. Sinalouse a alteración posterior do significado e a influencia do Načertanije, concretamente en dous sentidos. En primeiro lugar, o anteproxecto, orixinalmente propagandístico e preocupado polo derrubamento do Imperio Otomán, converteríase despois nun proxecto dirixido a expandir a influencia e o control serbio incluso en terras que nunca formaran parte de Serbia. A outra alteración significativa sería o cambio nos métodos: inicialmente un plan de propaganda, transformado posteriormente en estratexia militar e, en ocasións, como no caso da Man Negra, en actividade terrorista.
Desde os anos 1850 en adiante a importancia do ideal, aínda sen nome, foi crecendo entre os políticos serbios. Case todos eles imaxinaban algunha especie de Confederación balcánica que incluiría Serbia, Bulgaria e, nalgunhas ocasións, Romanía, ademais da Voivodina, Bosnia e Hercegovina e Croacia, tan pronto como se disolvera o Imperio Austrohúngaro.
Aparición do termo
O termo Gran Serbia aparece por primeira vez, e de maneira pública, cunha carga pexorativa, nun panfleto do socialista serbio Svetozar Markovic en 1872. O título Velijka Srbija/Gran Serbia expresaba nel a consternación do autor ante a posibilidade dunha expansión sen as necesarias reformas sociais e culturais, así como ante a posíbel confrontación con pobos veciños como croatas ou búlgaros. Posteriormente a valoración do termo iría variando, por exemplo en escritos do intelectual serbobosníaco Jefto Dedijer de finais do século XIX. Este imaxinaba a Serbia e Montenegro, os dous veciños con parentesco étnico dos territorios austrohúngaros, como o núcleo eslavo ao redor do cal se crearía un grande estado (máis amplo do que foi Iugoslavia) que uniría a todos os serbios, así como as zonas de similar procedencia, xa fose por seren pobos eslavos ou pola súa coincidencia relixiosa. Até ese momento, a situación non pasaba de ser unha discusión académica.
O argumento lingüístico
miniatura|230px|Vuk Karadžić.
O lingüista serbio máis notábel do século XIX, Vuk Karadžić, sostiña no seu tratado "Serbios todos e en todas partes" a idea de que todos os eslavos que falaban o dialecto stokaviano (base, entre outros, do idioma serbocroata) debían considerárense serbios, en tanto que en realidade falaban auténtico idioma serbio."Serbs All and Everywhere" (Serbios todos e en todas partes) , Vuk Stefanović Karadžić, 1849 Consultada o 27/2/2012.
Esta definición implicaría que amplas zonas de Croacia, así como Bosnia e Hercegovina, incluíndo territorios habitados por católicos e musulmáns, que non tiñan conciencia nacional serbia, serían serbios. Karadžić considérase por iso como un dos proxenitores da idea da Gran Serbia.
En todo caso, trátase dun dos principais moldeadores da conciencia nacional serbia, coa meta de incorporar a todos os falantes de dialectos stokavianos nun moderno estado serbio. Cómpre notar que, curiosamente, a súa definición exclusivamente lingüística excluiría non só Kosovo senón o propio sur da Serbia Central, onde se fala o dialecto torlački.
De calquera maneira, ao proxecto de Karadzic opuxéronse desde o principio varios argumentos, tales como a certa conciencia nacional católico-croata da maioría dos intelectuais e escritores croatas católicos dos séculos XVI e XVII, ou a acusación de que cos seus argumentos defendía os estudos eslavos de principios do século XX (que incluían a Josef Dobrovský, Pavel Josef Šafařík, e Jernej Kopitar), claramente influídos polas pretensións políticas do Imperio austríaco.
Século XX
1900 - 1918 miniatura|250px|Divisións étnicas do Imperio Austrohúngaro, 1911. miniatura|250px|Europa, 1915. A Tripla Entente, vencedora, en verde (incluíndo Serbia) e as Potencias Centrais da Tripla Alianza en vermello. O novo Estado iugoslavo, cos territorios que o integraron. O Reino de Serbia disolveuse no novo Estado Iugoslavo a finais de 1918.|miniatura|250px
A principios do século, entre os grupos radical-nacionalistas serbios incluíase a organización terrorista Man Negra, comandada polo coronel Dragutin Dimitrijević Apis, que fora tomando unha postura cada vez máis activa e militante no asunto do grande estado serbio. Crese que esta organización foi a responsábel de multitude de atrocidades durante as Guerras dos Balcáns de 1913.
En 1914, un militante serbobosníaco, Gavrilo Princip, asasinou o Arquiduque Francisco Fernando de Habsburgo, o que desencadeou a crise internacional que iniciaría a primeira guerra mundial.
Por outro lado, e no seu sentido máis moderado, contra 1914 o concepto Gran Serbia estaba sendo paulatinamente substituído por un paneslavismo máis neutral. Ese cambio de punto de vista buscaba gañar apoios entre os restantes pobos eslavos veciños, tamén ocupados por Austria-Hungría. A intención de crear un estado eslavo do sur ("Iugo-eslavo") xa se expresaba na Declaración de Niš realizada polo primeiro ministro serbio Nikola Pašić en 1914, así como en declaracións de Alexandre I de Serbia en 1916. Os documentos mostran que Serbia perseguía unha política que integrara todos os territorios que tiveran poboacións serbias e dos demais eslavos do sur, incluíndo croatas, eslovenos e musulmáns bosníacos.
1918 - 1945
En 1918, a Tripla Entente (Gran Bretaña, Francia e o Imperio ruso) vence a Alemaña e Austria-Hungría (e tamén a Rusia). Serbia, que estivera aliada coa Entente, meteu presión aos aliados para conseguir as súas demandas territoriais, apoiada polas minorías serbias que vivían nestes territorios. Nese momento Montenegro xa se unira ao Reino de Serbia.
Os aliados finalmente concederon Eslovenia, Croacia e Bosnia e Hercegovina. Nacionalistas serbios e iugoslavos sostiñan que ditos pobos se diferenciaban moi pouco, e unicamente debido ás divisións relixiosas impostas polos ocupantes estranxeiros.
Baixo esta crenza, en Serbia estendeuse o convencemento de que esas anexións verían seguidas dunha asimilación progresiva dos seus pobos nunha identidade sudeslava baseada na serbia, o que lexitimaría o control étnico e relixioso que se había de manter ante todo sobre Bosnia e Hercegovina, Kosovo e Croacia.
Adicionalmente, a dominación serbia do chamado por aquel entón Reino de Iugoslavia (que existiu até a segunda guerra mundial), fora vista por algúns como o resultado de facto dunha política baseada na idea da Gran Serbia.