miniatura|Joseph Merrick en 1889. Joseph Carey Merrick nado en Leicester, Inglaterra o 5 de agosto de 1862 e finado en Londres o 11 de abril de 1890, tamén coñecido como "O Home Elefante", fíxose famoso debido ás malformacións que padeceu desde o ano e medio de idade. Condenado a pasar a maior parte da súa vida enrolado no mundo da farándula, só encontrou sosego nos seus últimos anos de vida. A pesar da súa desgraciada enfermidade, sobresaíu polo seu carácter doce e educado, así como por unha intelixencia superior á media que só puido demostrar nas súas postrimerías. Aínda que non se sabe con absoluta certeza, crese que Joseph puido padecer unha grave variación da síndrome de Proteus.
No museo do Royal London Hospital, actualmente non se exhibe o esqueleto de Joseph, pero si algunhas pertenzas súas: un sofá con rodas que tivo nas súas dependencias no hospital, cartas manuscritas súas, o libro de admisións do Hospital coa súa entrada, o gorro co trapo cosido que lle cubría a cara e a cabeza (fabricado por Tom Norman) e baleirados de xeso que lle realizaron unha vez morto.
O director estadounidense David Lynch levou ao cine a vida de Joseph Merrick na película The Elephant Man no ano 1980. Nela, John Hurt interpreta a Joseph Merrick.
Vida Joseph Carey Merrick era fillo do matrimonio conformado polo comerciante Joseph Rockley Merrick e Mary Jane. Empezou a presentar os primeiros síntomas da súa enfermidade aos 18 meses. A partir dos 4 ou 5 anos de idade, no seu corpo comezaron a formarse vultos e os ósos das súas extremidades e o seu cranio desenvolvéronse de forma anormal.
Segundo o seu propio testemuño, de cativo nunca puido xogar cos seus compañeiros de escola posto que as súas pernas e a súa cadeira deformadas llo impedían. A partir de entón, a coraxe e a valentía por sobreporse á súa enfermidade serían as constantes que definirían a súa vida. Súa nai, Mary Jane, empeñouse en que asistise á escola. Ela, aínda que procedía do campo e de familia moi humilde, sabía ler e escribir e estaba moi ligada á igrexa bautista de Leicester. Colaboraba dando clases dominicais aos nenos que non podían acudir á escola durante a semana porque tiñan que traballar.
Como as deformacións de Joseph empezaban a ser xa espectaculares, moitas persoas agrupábanse na rúa para observalo, feito que fixo que Mary Jane o levase e trouxese persoalmente do colexio. Tamén o levaba consigo cando daba clases na escola dominical. Así, Joseph pasou toda a súa infancia ao lado da súa nai, o que lle provocou unha gran dependencia dela. De maior, sempre a recordou como unha nai moi cariñosa e entregada aos seus fillos.
Joseph tivo dous irmáns máis novos que el: William, nacido en 1866 e que faleceu de escarlatina en 1870, e Marion Eliza, nacida en 1867 e morta en 1870. Os seus irmáns máis novos eran sans e non presentaron ningunha deformación.
O pai de Joseph, que sempre se gañara a vida como cocheiro, abriu por 1870 unha pequena mercería que rexentou xunto á súa muller até 1873, ano no que ela faleceu a causa dunha broncopneumonía. Segundo Joseph (que tiña por entón 11 anos), ese foi o peor suceso da súa vida, incluso peor que a súa enfermidade, xa que súa nai fora a única persoa que lle dera amor verdadeiro e o coidara. Quedou totalmente só, e nese punto é cando empezaron os seus maiores padecementos.
Pouco tempo despois, seu pai volvería casar cunha viúva que tiña dous fillos; con iso, as súas desgrazas recruáronse, entrando así nunha das etapas máis infelices da súa vida, xa de por si tráxica. A súa madrasta e medio irmáns non o aceptaron e, ademais das vexacións continuas que lle propinaban e ignorando todas as dificultades que lle ocasionaban as súas deformidades, esixíronlle que traballase e gañase diñeiro para contribuír ao sustento da familia. Reprochábanlle continuamente que se escudaba nas súas malformacións para non ter que traballar. Joseph recordaba que a súa madrasta adoitaba sacarlle o prato de comida cando aínda o tiña medio cheo recriminándolle que, co pouco que achegaba ao fogar, o que comera era moito máis do que merecía.
Ante a insistencia da madrasta, e grazas á colaboración do seu tío Charles Merrick, conseguiu empregarse nunha fábrica de cigarros. Nela, estivo traballando durante dous anos, até que a súa xigantesca e deformadísima man dereita lle impediu seguir atando follas e, consecuentemente, despedírono.
As continuas humillacións das que era vítima na súa casa, levárono a escapar varias veces de casa. Seu pai saía a buscalo e Joseph só accedía a regresar se seu pai lle prometía que o tratarían mellor. Nestas fuxidas tampouco conseguiría aliviarse nada, pois sufría unha grave deformación na cadeira que, unida a unha pronunciada escoliose, tiña que facer un esforzo adicional para manterse en pé. Seu pai, ao que posteriormente na súa autobiografía lle reprocharía que nunca o quixo como un fillo, conseguiulle unha licenza de vendedor ambulante. Cun carro, Joseph percorría as rúas de Leicester vendendo artigos da mercería de seu pai. En plena etapa adolescente, as súas doenzas empeoraron e o seu aspecto era xa impactante. A súa imaxe xa causaba sorpresa e, evidentemente, o seu labor como vendedor foi un fracaso total.
Por eses días, a mandíbula de Joseph xa estaba deformada e un gran tumor íalle crecendo xusto encima da boca facendo que a súa maneira de falar fose case inintelixible. Ao final da súa vida, Merrick describiría como nese novo periplo polas rúas de Leicester, nenos e maiores se apiñaban ao seu redor berrándolle e insultándoo. Ao non vender nada, na súa casa as cousas non melloraron e, ás veces, Joseph devolvíalle ao seu pai o diñeiro que lle daban para a comida facéndoo pasar como se fosen cartos obtidos nas vendas, así que prefería pasar o día sen comer antes que soportar as reprimendas da súa madrasta.
Finalmente, a insoportable presión familiar, os sucesivos ultimatos da súa madrasta cara ao seu pai e un castigo físico fixeron que Joseph se fose da casa para sempre, levando canda el as súas poucas pertenzas no seu carro de vendedor á idade de 15 anos. Tras marchar da casa, continuou vendendo durante o día as mercancías da mercería que levara consigo e pola noite durmía na rúa. Seu tío, Charles Merrick, irmán máis novo de seu pai, rexentaba unha barbería e alertado por veciños da situación do seu sobriño, saíu a buscalo e tívoo na súa casa durante dous anos. Joseph sempre lembrou o bo trato que recibiu dos seus tíos. O seu tío, quen faleceu en 1925, sabía e falaba do mal trato que recibiu Joseph por parte da súa madrasta e o total abandono do seu pai. Este feito fixo que as relacións entre Charles e seu irmán fosen moi tensas. Tamén mencionaba Charles Merrick a gran vontade do seu sobriño, a quen vía saír todos os días a vender co seu carriño aínda sabendo que regresaría coas mans baleiras.
En 1879, a vida de Joseph volveu complicarse. O gremio local de vendedores ambulantes denunciou que Joseph Merrick daba "mala imaxe" ao sector e pediu que non se lle renovase a licenza para vender. Joseph ignoraba esa queixa e cando foi renovar a súa licenza atopouse con que lla negaban. A casa do seu tío era moi pequena e Charles e súa esposa esperaban un fillo. Joseph pensou que era unha carga moi grande para eles e que non debía abusar da súa amabilidade. Aínda en contra da opinión do seu tío, Joseph decidiu ingresar na Leicester Union WorkHouse a finais de 1879. As condicións de vida das denominadas Workhouse (casas de traballo) eran sumamente duras e Joseph resistiunas durante 12 semanas. Saíu, pero só por dous días. Cando se deu de conta de que xamais encontraría traballo como unha persoa normal, tivo que regresar e permaneceu alí durante catro anos.
Joseph sempre falou da súa estancia nese local con medo e horror. Ao cuarto ano de estar alí, a protuberancia que lle medraba na cara xa lle impedía comer e os responsables da Work House creron conveniente levalo á "Leicester Infirmary" para que o operasen e de paso, que quedasen con el, xa que na Work House non se daba asilo a aqueles que non podían gañarse a comida e a cama que lles ofrecía o Estado inglés a cambio de traballo.
Na Leicester Infirmary, operárono da protuberancia en forma de trompa de elefante que deu orixe ao seu alcume. Joseph recordaba que a operación foi moi dolorosa pero que lle conseguiron quitar medio quilogramo de tecido e que puido volver comer mellor e falar con máis claridade. Mentres se recuperaba da operación, acrecentouse o seu desexo de non regresar á Work House e pensou como podía gañarse a vida. Exhibirse nas feiras ambulantes da época era a única saída para el aínda que non lle gustaba a idea. Merrick soubo por un xornal que un coñecido promotor de feiras chamado Sam Torr estaba en Leicester e decidiu escribirlle contándolle a súa situación e que estaba interesado en traballar para el. O promotor, en canto o viu, soubo que ía facer negocio. Inmediatamente incorporouno na súa feira e así Joseph empezou en 1883 o seu tránsito por Inglaterra exhibíndose. O seu número era unha grande atracción.
De Sam Torr pasou á feira do empresario Tom Norman. Da súa etapa nas feiras ambulantes, non tiña un mal recordo e incluso chegou a facer amizades con outros compañeiros de traballo. Con Tom Norman chegou a Londres a finais de 1884. Norman conseguiu alugar un local fronte do "Royal London Hospital" (Hospital Real de Londres) onde exhibiu a Joseph durante unhas semanas. Foi por ese tempo que o médico Frederick Treves viu a Joseph por primeira vez debido a unha recomendación duns estudantes de medicina que coñecían o seu interese por todo o relacionado coas enfermidades deformantes. Treves quedou fortemente impactado co aspecto de Joseph Merrick e solicitoulle a Tom Norman que lle deixase facerlle un recoñecemento médico. Treves observou a primeira vista que Joseph fora operado na cara posto que lle notou a cicatriz e o queloide conseguinte que se lle formara sobre o labio superior.
Treves deulle unha tarxeta de visita a Tom Norman que lle permitiría poder entrar no hospital sen cita previa e sen preguntas. Grazas a esa tarxeta, Tom Norman levou a Joseph Merrick discretamente ao hospital e alí Treves tívoo durante varios días facéndolle recoñecementos e mostrándoo á comunidade científica do hospital e doutros centros médicos. Quedando patente que a enfermidade era incurable e que non podía quedar no hospital, Joseph tivo que abandonar o establecemento. Durante ese tempo, Joseph por timidez, medo e porque non se expresaba ben debido á súa boca deformada non mantivo case conversación con Treves. Tal foi o seu mutismo que Treves pensou que tiña atraso mental.
A exhibición en Londres continuou até case a primavera de 1885, cando foi cerrada polas autoridades. Non era a primeira vez que a exhibición de Joseph era clausurada por encontrala "indecente" debido ao sorprendente aspecto que tiña. En case todos os lugares onde traballaba, a súa exhibición era cerrada. Nesta situación, Tom Norman coñeceu un promotor italiano chamado Ferrari quen lle propuxo levar a Joseph polo continente europeo. Debido a que Joseph Merrick xa non podía traballar en Inglaterra, Norman decidiu que este marchase con Ferrari.
Era costume por entón que os promotores gardasen as ganancias das súas atraccións, así que Norman lle deu as 50 libras que Joseph gañara sen que este protestase. Ferrari e Joseph embarcáronse rumbo a Bélxica en xuño de 1886. O que ningún esperaba é que en Europa as leis sobre a exhibición de persoas con deformidades eran moi severas.e por iso as exhibicións de Joseph eran clausuradas aos poucos días de ser abertas non tendo case ganancias nin para sustentarse. Indo de cidade en cidade, perseguidos polas autoridades, chegaron á cidade de Bruxelas. Alí, Ferrari abandonou á súa sorte a Joseph, levándose as 50 libras que Merrick obtivera tras dous anos de traballo.