Menstruación, período ou regra é o fenómeno fisiolóxico que se presenta nun corpo san desde a puberdade até a menopausa. Consiste na expulsión dos óvulos non fecundados, en forma de fluxo hemático, ao final de cada ciclo menstrual. O óvulo procede da cavidade uterina e sae pola vaxina. Son perdas de pequenas cantidades de sangue, mais continuas durante tres ou cinco días. Porén, considérase normal un período entre dous e sete días. É común que os primeiros días o fluxo sexa máis abundante e vaia diminuíndo co paso dos días. A cantidade de sangue do ciclo menstrual é variábel, mais a media é duns oitenta mililitros. A menstruación está regulada polas hormonas femininas.
Normalmente o ciclo da menstruación dura uns 28 días, malia poder ser variábel. Coa idade, os ciclos menstruais vanse volvendo máis regulares. Non se adoita menstruar durante o embarazo ou a lactación.
A menarquía é a primeira regra, que se produce na puberdade, aproximadamente entre os 10 e 16 anos. Porén, esta pode verse afectada por múltiples factores, mesmo polo hábitat xeográfico. Por exemplo, en zonas de clima temperado chega antes a maduración sexual. Entre os 45 e os 55 anos, o corpo deixa de producir óvulos e, xa que logo, de menstruar, o que se coñece como menopausa.
Ciclo menstrual
O ciclo menstrual é o proceso en que se desenvolven os óvulos. Prodúcense unha serie de cambios dirixidos ao estabelecemento dun posible embarazo. O ciclo iníciase o primeiro día da menstruación e remata o día anterior ao comezo da seguinte menstruación. A súa duración media é de 28 días.
Fase ovárica ou proliferativa miniatura|220px|Un ovario a piques de expulsar un óvulo. miniatura|220px|Esquema do ciclo ovárico: (2) maduración do folículo ovárico, que en (3) xa está maduro. En (4) expulsa o óvulo mentres que o que queda do folículo, en (5), forma o corpo lúteo, que se vai deteriorando (6)).
Esta fase ten como elemento fundamental o folículo. O seu desenvolvemento e maduración presenta tres características básicas: Selectividade: o folículo destinado a ovular procede dunha ampla gama de folículos en crecemento, que do mesmo xeito, procede doutro subconxunto de folículos primordiais que se atopan en repouso e que se formaron durante o proceso embrionario e fetal. Continuidade: a posta en marcha do desenvolvemento folicular é un proceso continuo, até que as reservas están exhaustas. Regularidade: o desenvolvemento folicular é un proceso regular e ordenado, cun índice constante de folículos que abandonan a reserva nunha unidade de tempo. Isto significa que o ovario é un sistema regulado e coordinado, de maneira que o inicio do crecemento folicular realízase en intervalos de tempo regulares.
Durante a primeira metade do ciclo menstrual, os niveis de estróxenos crecen e fan que o recubrimento do útero creza e se amplíe. Como resultado da hormona estimulante dos folículos un óvulo empeza a madurar nos ovarios. Ao redor do día 14 nun ciclo medio de 28 días, un aumento na hormona luteinizante fai que o ovo abandone o ovario. Este proceso chámase ovulación. A literatura científica asegura que a acción das gonadotropinas hipofisarias é fundamental.
Fase uterina ou secretora
Durante a segunda metade do ciclo menstrual, o ovocito comeza a desprazarse a través da trompa de Falopio cara ao útero. Os niveis de proxesterona aumentan, o que axuda a preparar o recubrimento do útero para o embarazo. Se o óvulo é fecundado por un espermatozoide e se adhire á parede do útero, comeza un embarazo. No caso contrario, os niveis de estróxeno e proxesterona decrecen, e o recubrimento dilatado do útero é liberado durante o período menstrual.
Se o óvulo non é fecundado, este disólvese ou é absorbido polo corpo. Coa menstruación elimínase o endometrio ou a membrana mucosa que durante a fase proliferativa do ciclo menstrual recubría o útero para asegurar a aniñación do óvulo se se producise a fecundación.
Etapas Baixo a sucesiva acción hormonal (estróxenos e proxesterona), o endometrio segue un ciclo coas seguintes etapas:
Do día 1 ao día 4: Etapa menstrual ou de disgregación. Os niveis hormonais diminúen e o recubrimento dilatado do útero no endometrio sepárase do resto do útero e desfaise.
Do día 5 ao 13: Etapa proxestacional ou secretora. Aumentan os niveis de proxesterona. O endometrio, completamente desfeito, é expulsado como un fluído similar ao sangue: a regra ou menstruación.
Do día 14 ao 28: Etapa estroxénica ou proliferativa. Aumentan os niveis de estróxenos. A capa de mucosa que recobre o útero vaise facendo cada vez máis grosa para acoller o feto no caso dun posíbel embarazo. Se o óvulo é fecundado, producirase un embarazo e comezará un ciclo diferente: o do embarazo, o parto e o posparto. O habitual é que o óvulo non consiga ningún espermatozoide. Nese caso, rematada esta fase, o útero volve á etapa inicial, a de disgregación.
O fluxo vaxinal durante o ciclo menstrual
A cantidade e o aspecto do fluxo vaxinal varían en coordinación coa menstruación. Xusto despois da menstruación, o fluxo é escaso, e vai aumentando conforme se achega o período de ovulación. Neste período é elástico e cristalino, similar á clara de ovo. Na segunda parte do ciclo menstrual, é menos abundante, máis espeso, escuro e adherente. Trala ovulación, a cantidade comeza a diminuír até o inicio do novo ciclo.
A literatura científica mostra que se manifestan fluxos vaxinais anormais e/ou patolóxicos de xeito exacerbado en certos momentos do ciclo. Antes da menstruación, cando diminúe o pH do fluxo, é especialmente propenso á proliferación de fungos. Ás veces, xa que logo, o momento do ciclo menstrual pode agochar a sintomatoloxía dun fluxo vaxinal patolóxico.
Ciclo sexual, ciclo menstrual e ciclo ovárico Un ciclo menstrual iníciase o primeiro día do sangrado e termina o primeiro día da seguinte regra. A maioría dos ciclos menstruais oscilan entre os 28 e os 32 días. A menstruación adoita durar entre 5 e 7 días, mais tanto esta como a duración do ciclo menstrual poden presentar unha gran variabilidade.
A literatura científica mostra que, en condicións normais de madurez sexual, a vaxina sofre cambios baixo a acción hormonal. Estes repítense de forma periódica e permiten coñecer as diversas fases do ciclo. A colpocitoloxia é a técnica que permite unha fiel representación das oscilacións hormonais fisiolóxicas do ovario e un dos medios máis fáciles para seguir a cronoloxía do ciclo. A intensa actividade do epitelio da vaxina dá lugar a unha descamación constante, mais variábel, nos tipos celulares segundo o momento que se estuda, descamación que constitúe a base principal do contido vaxinal fisiolóxico.
Os ciclos sexuais son un conxunto de cambios dunhas catro semanas de duración que dependen de dous ciclos interrelacionados: o ciclo ovárico e o ciclo uterino. O ciclo uterino, ou ciclo menstrual, está controlado polo ciclo ovárico a través das hormonas ováricas: o estróxeno 17β-estradiol, segregado polo folículo ovárico e polo corpo lúteo, e a proxesterona, segregada polo corpo lúteo ou corpo amarelo.
Ciclo da fertilidade
Puberdade e primeiras menstruacións thumb|Cambios físicos na puberdade: O estado I é aínda a infancia, antes da puberdade, que comeza en II, o III é o do estirón, que adoita preceder á menarquía ou primeira regra, e o V é xa a etapa adulta. A partir do III tamén adoita empezar a aparecer o acne.
A puberdade é o conxunto de cambios no corpo e na cabeza dunha crianza, co fin de que poida ser capaz de reproducirse., Este feito ten especial relación coa cultura.
O obxectivo da puberdade é que o corpo estea completamente maduro desde o punto de vista fisiolóxico. As nenas chegan á puberdade antes cós nenos, malia teren un aparato reprodutor máis sofisticado. Para que se poida producir o embarazo, as cadeiras fanse máis anchas. A fecundación está ligada á sexualidade, polo que os cambios hormonais ou doutro tipo relacionados coa fecundidade e a sexualidade son os que forman parte da puberdade.
A partir dos oito ou nove anos pode medrar pelo nas axilas, nas pernas ou na pube. As mamilas comezarán a sobresaír, e poden mancar. A medida que se fan estes cambios externos, tamén se están desenvolvendo os seus órganos sexuais. Se os nenos poden observar como cambia o seu pene, as nenas poden observar na roupa unha mancha da cor do sangue ou, se secou, de cor marrón.
A primeira menstruación, a menarquía, adoita aparecer entre os once e os quince anos. As primeiras regras adoitan ser irregulares e mesmo pode non producirse todos os meses. Os períodos de tempo entre elas e a súa duración poden ser máis curtos ou máis longos, porén, a menstruación vaise regularizando co tempo.
Menstruacións regulares Entre a puberdade e a menopausa o corpo produce óvulos de xeito cíclico para que poidan ser fertilizados. Esta etapa da vida é rexida por ciclos do seu metabolismo, dos cales a regra é un dos poucos signos externos. Estes ciclos están regulados por hormonas, e poden incluír molestias como a síndrome premenstrual ou un conxunto de dores, a dismenorrea.
O total de fluxo menstrual en cada ciclo é duns 60 ml. Se é inferior a 40 ml fálase de hipomenorrea, e se supera os 80 ml é unha hipermenorrea. Nalgúns casos poden pasar seis ou máis meses seguidos sen menstruación, o que se coñece como amenorrea. As causas poden ser totalmente normais desde un punto de vista fisiolóxico, como un embarazo ou a lactación, ou por consecuencia de enfermidades, como a anorexia, entre outras.
Síndrome premenstrual
A síndrome premenstrual é un conxunto de molestias previas a cada menstruación, relacionadas cos cambios hormonais. O tipo de molestias é variábel en cada corpo e tamén en función do período da vida. Coñécense máis dun centenar de síntomas físicos ou emocionais asociados a esta síndrome.
Estas molestias adoitan ser máis intensas entre a véspera e o inicio da menstruación. Poden ter relación con factores externos, como os anticonceptivos hormonais e estados psicolóxicos como a ansiedade ou o estrés.
Non se debe confundir a síndrome premenstrual coa disforia premenstrual, un trastorno depresivo que consiste na presenza de irritabilidade, cambios bruscos de humor, tristeza e sensación de tensión que aparecen aproximadamente unha semana despois de que baixe a regra e que se manteñen durante unha ou dúas semanas .
Tampouco debe confundirse coa dismenorrea, a dor intensa no abdome e nos riles que a muller pode sentir na menstruación ou nos momentos previos da mesma.
Como tratamento paliativo poden ser necesarios analxésicos ou antiinflamatorios. Unha boa hixiene pode paliar estes síntomas. Tamén poden contribuír hábitos como unha inxesta moderada de estimulantes, evitar o tabaco ou o exercicio físico moderado. É aconsellábel seguir unha dieta sa, alta en aceite de oliva, froitos secos e vexetais de folla verde como espinacas, acelgas ou leitugas, pois posúen unha elevada concentración de vitamina E. Está comprobada a eficacia de suplementos orais de vitamina E no tratamento da dor dos seos. O consumo de peixes enlatados como o atún ou as sardiñas, así como de xema de ovo e leite, ricos en vitamina D e calcio, permiten a adquisición de nutrientes que poden contribuír a aliviar a sintomatoloxía. O magnesio presente en alimentos como a carne, o marisco ou o leite, participa na relaxación muscular en xeral e do útero en particular, cuxa contracción produce dor durante a síndrome premenstrual. A asociación de vitamina B6 e magnesio demostrou ser eficaz contra a ansiedade, un dos malestares psicolóxicos da síndrome. Unha dieta pobre en sodio (sal) e rica en potasio combate a retención de líquidos.
Dor menstrual