Eduardo Núñez Sarmiento, nado en Angueira de Castro, parroquia de Ribasar (Rois), o 20 de marzo de 1865 e finado no mesmo lugar o 21 de decembro de 1906, foi un xornalista e escritor galego.

Traxectoria Obtivo o título de mestre na Escola Normal de Santiago de Compostela, e ampliou estudos en Madrid e Porto. Chegou á Habana en 1894. Colaborou en El Eco de Galicia do que foi director entre o 6 de xullo e o 5 de outubro de 1901. Participou na guerra colonial defendendo as armas españolas, e chegou a acadar o grao de oficial. Colaborou en varios periódicos editados na Habana e noutras localidades cubanas, utilizando os pseudónimos de "Blanca Azucena de la China", "Tomás Neri", "T. Semirano" ou "Calderilla".

En xullo de 1899 foi nomeado como correspondente do diario de Barcelona Las Noticias. En abril de 1900 foi elixido secretario da xunta directiva da Sociedad Coral Gallega. Na Habana fundou as publicacións: La Región, revista bilingüe de intereses xerais galegos (1895), Galicia en América, decenario bilingüe (1904), El Quijote e El Eco Español. Colaborou en Diario de la Familia, El Hogar, La Unión Constitucional, El Fígaro, El Eco Montañés, La Lealtad e Diario de la Marina. Foi profesor do equipo Concepción Arenal do Centro Gallego.

En abril de 1900 trasladouse a Matanzas para se facer cargo da dirección do xornal El Eco Español. Nos Xogos Florais de Camajuaní (1904) foille concedido o primeiro premio pola poesía "Desde que el hombre nace". En 1905, moi enfermo, regresou a Galicia.

Foi condecorado coa Orde de Isabel a Católica co grao de Cabaleiro e da Orde do Mérito Militar, con distintivo vermello. Foi académico correspondente da Real Academia Galega. O seu fillo, Eduardo Núñez Martínez, tamén foi escritor e xornalista.

Obras Constanza, 1895 (poemario en castelán). En las orillas del Esla, 1895 (poemario en castelán).

Véxase tamén

Bibliografía

Figarola-Caneda, Domingo (1922). Diccionario cubano de seudónimos Habana, Imprenta "El siglo XX".

Outros artigos A Cova Céltica Ligazóns externas Eduardo Núñez Sarmiento na hemeroteca da RAG.

Categoría:Xornalistas de Rois Categoría:Escritores de Galicia en lingua castelá Categoría:Nados en Rois Categoría:Nados en 1865 Categoría:Finados en 1906 Categoría:Escritores de Galicia en lingua galega Categoría:Poetas de Galicia Categoría:Poetas en lingua castelá Categoría:Escritores de Galicia coa obra no dominio público Categoría:Membros correspondentes da Real Academia Galega