Este artigo trata sobre o estado dos Estados Unidos de América. Para outros significados véxase Maine.
Maine é un dos 50 estados dos Estados Unidos de América. Está localizado no extremo nordeste do país, na rexión de Nova Inglaterra. West Coddy Head, o punto máis oriental de Maine, está considerado o punto máis oriental dos Estados Unidos, aínda que algúns consideren Alasca o máis oriental do país, pois dúas das illas do arquipélago das Aleutas están localizadas no hemisferio oriental. Maine tamén é o Estado máis setentrional dos Estados Unidos continental.
Os bosques cobren aproximadamente o 90 % de Maine, que se coñece como The Pine Tree State polas súas forestas que conteñen grandes cantidades de piñeiros. Así, é o líder nacional da industria madeireira e o segundo maior produtor de madeira en xeral do país, só despois de Washington. A pesca e mais o turismo son outras fontes importantes de renda.
Non se sabe con certeza a orixe do nome Maine. Crese que vén da expresión inglesa mainland, que significa "corpo de terra principal". Algúns historiadores, porén, consideran que este nome vén da provincia de Maine, unha das provincias de Francia. Unha terceira hipótese é o uso da expresión going over to the Main por parte dos habitantes que vivían en illas situadas ao longo do litoral do Estado.
A rexión onde se localiza Maine fora disputada polos franceses e polos británicos desde os comezos das colonias americanas. As rexións do norte de Maine orixinalmente formaron parte da colonia francesa de Acadia, unha das provincias coloniais da Nova Francia, ata seren anexadas polos británicos en 1740. A rexión sur foi colonizada polos británicos.
O primeiro asentamento británico no continente americano fundouse en Maine en 1607, 13 anos antes da inauguración do primeiro asentamento británico permanente no continente, en Plymouth, actual Massachusetts, en 1620. O asentamento fundado en Maine en 1607, porén, foi abandonado en 1608. Os asentadores pasaron a instalarse en Maine a partir da década de 1620. Entón, Maine formaba parte de Massachusetts e converteuse no 23º Estado americano o 15 de marzo de 1820.
Historia Ata 1820 Os nativos indíxenas vivían na rexión onde actualmente está localizada Maine milleiros de anos antes da chegada dos primeiros exploradores europeos. Vivían en Maine dúas tribos indíxenas, os abnakis e os etchemin, da familia amerindia dos algonquinos. Os algonquinos eran primariamente sedentarios e tribos nómades iroquesas atacaban constantemente os algonquinos na rexión.
O primeiro europeo en desembarcar en Maine foi John Cabot ou Giovanni Caboto, un italiano ao servizo da coroa británica, en 1498. Os franceses exploraron a rexión varias veces ao longo do século XVI. Como dixemos, o primeiro asentamento foi en 1607, cando un grupo de colonos financiados por Ferdinando Gorges e John Pophan crearon a Popham's Colony, próxima á foz do Río Kennebec. Este grupo de colonos, liderado por Pophan, enfrontouse ao longo do inverno de 1607/1608 cun frío moi intenso, falta de alimentos, roupas e outros materiais importantes e a adversidade dos indíxenas da rexión. Pophan morreu durante este inverno, e os colonos, desmotivados, decidiron volver ao Reino Unido na primavera de 1608, construíndo un barco, o Virxinia, o primeiro barco construído nos Estados Unidos. Foi en 1623 cando se fundou en Maine un asentamento permanente.
En 1622, unha axencia gobernamental do Reino Unido cedeu a Ferdinando Gorges e John Mason a área que compoñen actualmente Maine e Nova Hampshire. Esta terra foi dividida entre ambos. Mason recibiu Nova Hampshire, e Gorges recibiu o que actualmente compón a rexión centro-sur de Maine. Cando Gorges morreu, en 1647, Maine pasou a formar parte do Massachusetts. Porén, os herdeiros de Gorges cuestionaron esta fusión, en 1660, e querían o control de Maine de volta ás mans da familia Gorges. O goberno do Reino Unido cedeu Maine en 1664 á familia Gorges e esta vendeuna en 1677 ó goberno do Massachusetts.
Entrementres, o norte de Maine foi colonizado polos franceses. Maine, así como toda a rexión que compón o actual estado americano de Vermont, formou parte da Acadia, unha das provincias coloniais da Nova Francia. Ao longo das primeiras décadas do século XVIII, os roces e diverxencias entre colonos británicos e franceses levaron a sucesivas guerras, que culminaron coa derrota francesa e a sinatura do Tratado de París. O norte de Maine pasou entón a ser controlado polo Reino Unido, e formar parte da actual provincia canadense de Nova Escocia.
As guerras entre os británicos e os franceses endebedaron pesadamente ao goberno británico, que creou unha serie de impostos e prohibiu o comercio entre as 13 colonias con países distintos do propio Reino Unido, co conseguinte descontento nas colonias. En 1774, un grupo de patriotas de Maine queimaron un depósito de té en York e un ano despois, en 1775, comezou a Revolución Americana de 1776 . A primeira batalla naval da guerra ocorreu no litoral de Maine, en xuño de 1775. No mesmo ano, os británicos queimaron Portland.
Despois da guerra, a poboación comezou axiña a medrar. Porén, moitos dos habitantes cuestionaban o control da rexión por parte de Massachusetts. Desde que, en 1680, Nova Hampshire se convertese nunha colonia (e logo un estado), Maine estaba completamente separada de Massachusetts, polo que moitos habitantes de Maine comezaron a esixir o fin inmediato do control de Massachusetts na rexión e a formación dun novo Estado. Porén, ata o comezo da guerra de 1812, a maioría da poboación quería que Maine continuase a formar parte de Massachusetts. O movemento a favor da creación do Estado de Maine aumentou despois da guerra e o 15 de marzo de 1820, Maine pasou a ser o vixésimo terceiro estado americano. Entón, a capital era Portland e mudou a Augusta en 1832.
Desde 1820 En 1842, un tratado entre os Estados Unidos e o Reino Unido delimitou as actuais fronteiras entre a Novo Brunswick e Maine. En 1846, o estado pasou a prohibir a produción e venda de calquera bebida alcohólica, tornándose o primeiro estado americano a aprobar unha lei de xénero. A maior parte da poboación estaba contra o uso do traballo escravo e Maine participou ao lado da Unión durante a Guerra Civil Americana, entre 1861 e 1865. Máis de 72.000 habitantes participaron activamente como soldados.
Despois da guerra, Maine industrializouse axiña. Instaláronse no estado fábricas téxtiles, de calzados e de produción de móbeis e papel. Diversas presas foron construídas en diversas partes do estado, polo estado ou por compañas privadas. En 1909, o goberno de Maine prohibiu a venda de electricidade xerada no estado a outros estados, así como ás provincias canadenses veciñas. Esta prohibición perdurou ata 1955. A primeira guerra mundial contribuíu á continuación da industrialización do Estado.
A Gran Depresión, que comezou no 1929, causou unha recesión económica, e boa parte da poboación das cidades sufriu desemprego, pobreza e miseria. Porén, a maior parte da poboación na época vivía en comunidades rurais, que vivían da agricultura de subsistencia e non da agricultura de exportación, polo que foron pouco afectadas pola Depresión. Como consecuencia, a recesión económica non foi tan intensa como a ocorrida nos estados altamente industrializados.
A economía recuperouse nos anos finais da década de 1930. Maine prosperou co inicio da segunda guerra mundial, e o Estado pasou a industrializarse axiña novamente. Moitas das fábricas téxtiles mudáronse aos estados do sur do país, mais outras en compensación, como a industria madeireira, creceron intensamente nas dúas décadas que se seguiron á guerra. Outra industria que se desenvolveu foi o procesamento de alimentos.
En 1980, o goberno americano decidiu pagar 81 millóns de dólares aos nativos indíxenas de Maine, como indemnización por diversos acordos realizados durante o século XVIII e XIX, que expropiaron terras aos indíxenas. Ao longo da década de 1990, foron demolidas diversas presas, para permitir que peixes como o salmón puidesen moverse sen obstáculos ao longo de certos ríos.
Xeografía 250px|dereita|miniatura|Cerca do 90 % de Maine é cuberto de bosques. A maioría das árbores que compoñen estes bosques son piñeiros, de aí o cognome do estado, The Pine Tree State.
Maine limita ao norte coas provincias canadenses do Quebec e Novo Brunswick, a oeste co Quebec e o estado americano de Nova Hampshire, ao sur co océano Atlántico, e a leste coa Novo Brunswick. O litoral xunto ao océano Atlántico posúe 367 km de extensión e contando o litoral de baías e illas, a extensión do litoral é de aproximadamente 5.600 km.
Posúe máis de 5.000 ríos e máis de 2.500 lagos, incluíndo os creados artificialmente; o maior destes posúe preto de 311 km². Aproximadamente o 90 % está cuberto de fragas.
Maine pode ser dividido en 3 rexións:
As Chairas Costeiras esténdense ao longo do litoral (así como todo o litoral da Nova Inglaterra e moito do litoral da Novo Brunswick). Caracterízase pola súa baixísima altitude, nunca superior a 50 metros. Ao longo do litoral localízanse preto de 400 pequenas illas, todas próximas ao continente. A maior delas posúe uns 250 km². A maior parte da poboación vive nesta rexión.
250px|dereita|miniatura|Mapa de Maine.
As Mesetas Orientais da Nova Inglaterra esténdense do sur de Novo Brunswick ata o Connecticut. En Maine, estas mesetas localízanse inmediatamente ao norte das Chairas Costeiras. Esta rexión posúe de 30 a 85 quilómetros de ancho. Ocupa boa parte do norte do Estado, sendo a maior das tres rexións. Caracterízase polo súbito aumento de altitude, en terras próximas ao litoral, ata elevacións de preto de 620 metros no interior. Esta rexión está escasamente poboada. As Montañas Brancas ocupan toda a rexión noroeste de Maine, localizándose ao noroeste das Mesetas Orientais da Nova Inglaterra. Esténdense desde Novo Brunswick ata a Nova Hampshire. Posúen preto de 50 quilómetros de ancho no sur e apenas 8 quilómetros no norte. As Montañas Brancas posúen as altitudes máis altas do estado, entre eles o Monte Katahdin, o pico máis alto de Maine, cos seus 1.606 metros de altitude. É a rexión menos densamente habitada do estado, e está case toda cuberta de forestas.
Climatoloxía O clima da Maine é temperado, con catro distintas estacións, con veráns quentes, e invernos fríos. Debido á súa posición setentrional, posúe un dos invernos máis rigorosos do país. Durante todo o ano, a temperatura media baixa á medida en que se viaxa en dirección ao norte, en canto que as rexións ao longo do litoral posúen invernos un pouco máis lenes, e veráns máis quentes.
A temperatura media no inverno é de -13 °C no norte, -9 °C na rexión central e de -5 °C no litoral. As mínimas varían entre -40 °C e 6 °C en calquera parte do Estado, cunha media de -19 °C no norte e de -12 °C no litoral. A temperatura máis baixa rexistrada en Maine foi de -44 °C, rexistrada en Van Buren, o 19 de xaneiro de 1925.
No verán, a temperatura media é de 23 °C ao longo do litoral e de 15 °C no norte. A media das mínimas é de 8 °C no norte e de 13 °C no litoral, variando entre 0 °C e 23 °C en calquera parte do Estado. A media das máximas é de 22 °C no norte e de 27 °C no litoral de Maine, variando entre 16 °C e 32 °C en calquera parte do estado. Raramente a temperatura máxima supera os 35 °C. A temperatura máis alta rexistrada foi de 41 °C, o 10 de xullo de 1911, en North Bridgton.
A precipitación media anual (choiva e sarabia) baixa á medida en que se viaxa en dirección ao norte e ao interior. A taxa de precipitación media anual é de 120 centímetros no litoral e de 95 centímetros no norte. Canto á precipitación media anual de neve, acontece o inverso, co interior recibindo máis neve do que as rexións costeiras: as taxas de precipitación anual de neve varían entre 180 centímetros no litoral a máis de 250 centímetros no interior.
Política 250px|miniatura|O Capitolio estatal de Maine.