Revista de Economía de Galicia foi unha revista de economía galega, publicada pola Editorial Galaxia entre os anos 1958 e 1968. Editáronse 66 números, sendo dirixida entre os anos 1958-1963 por Xaime Isla Couto e entre o 1963-1968 por Xosé Manuel Beiras, materialmente, aínda que na revista figura como subdirector primeiro e codirector despois.

Historia Segundo Xaime Isla Couto, a Editorial Galaxia deu resposta a un triplo proxecto de tipo político, cultural e económico. A novidade que introduce a xeración Galaxia en relación coas xeracións anteriores do galeguismo é o de seren conscientes da necesidade de abordar con decisión e formación técnica suficiente o estudo e análise da problemática económica de Galicia. Neste senso o protagonismo neste eido foi do propio Xaime Isla Couto, ideador e realizador das accións que nesta liña levou a cabo a xeración Galaxia.

O estudo da realidade económica e social de Galicia foi prioritario no seo do seu traballo xeracional de reivindicación e recuperación da personalidade de Galicia e de concienciación, sobre todo das elites e das novas xeracións,.

Así, no informe enviado polo galeguismo do interior a Bos Aires no ano 1962, titulado Plan de acción do galeguismo, recóllese que, reconstituída a conciencia galega fronte á presión da propaganda franquista, a segunda tarefa de urxencia para o galeguismo viría sendo o estudio da nosa realidade económica-social. Este aspecto de estudo e reflexión sobre o problema social e económico de Galicia encadraríase no miolo dese traballo de elaboración dun proxecto de identidade galega, de aí que cómpre estudiar os grandes problemas, as súas posibilidades de desenrolo desde o punto de vista do que debe ser Galicia na segunda metade do século XX.

Mais dúas son as condicións que se impuxeron para superar as eivas dos anteriores tempos: abordar os estudos con responsabilidade técnica e cun criterio esencialmente galego, co fin de coñecer de primeira man as súas posibilidades de desenvolvemento idóneo.

O recoñecemento da personalidade diferenciada de Galicia permitiulles partir non só da idea de que Galicia e os galegos posuían unha lingua e unha cultura de seus, que debían de recoñecerse e respectarse, senón que ademais Galicia tiña unha economía de minifundio, principalmente agrícola, que esixía solucións idóneas para os seus problemas particulares. Xa que logo, o descoñecemento desa realidade cultural, económica e social, xunto co reiterado fracaso da política centralista, levoulles a coidar, en continuidade co galeguismo anterior á guerra, que tan só o autogoberno podía resolver os problemas do país. Por este motivo, a economía pasou a ter unha importancia decisiva nas actividades dos homes de Galaxia.

Antecedentes Unha das primeiras iniciativas con anterioridade á fundación da Editorial Galaxia foi a publicación do Suplemento del Sábado do xornal compostelán La Noche. Publicado entre o 15 de outubro do 1949 e o 28 de xaneiro do 1950, cando foi suspendido por orde do goberno por mor de ter sido publicados artigos e notas na honra de Castelao, recentemente finado en Bos Aires, no número do 14 de febreiro do 1950.

Este Suplemento foi ofrecido polo director do Xornal a Francisco Fernández del Riego e a Xaime Isla Couto, que traballaron arreo –o primeiro dirixindo e configurando as páxinas, escribindo...; e o segundo deseñaba, proxectaba cabeceiras e seccións, ilustraba, escribía artigos- para publicar un suplemento dedicado á vida cultural e económica do país e que proporcionaba a primeira oportunidade para rachar colectivamente o silencio do galeguismo do interior. Deste xeito, nas súas páxinas colaboraron: Florentino Cuevillas, Otero Pedrayo, Xosé María Álvarez Blázquez, Álvaro Cunqueiro...

Dividido en seccións – Descubrimiento de Galicia, Cartel de las letras, Feria del Espíritu, Pregón de las artes, Vida y Economía- , esta última dedicábase ó coñecemento da realidade económica e social de Galicia. Así publicáronse artigos, novas, e comentos sobre a industria do mar, a economía agraria, o aforro, a industrialización... tentando abranguer a diagnose dos problemas fundamentais de Galicia desde o punto de vista socioeconómico, así como sinalando vieiros de solución.

A oportunidade do Suplemento é valorada polos seus protagonistas coma un antecedente directo da fundación da Editorial Galaxia, así como dos obxectivos que perseguiría a mesma, tentando amosar a recuperación da cultura e da conciencia galegas, trala noite da inmediata posguerra.

Creación Trala suspensión do Suplemento e decidida a fundación da Editorial, un dos obxectivos de Galaxia foi dar continuidade a esa angueira de tal xeito que contemplaron a necesidade de «afondar na realidade económica-social» de Galicia. O traballo dentro do proxecto económico procurou dous obxectivos:

Espertar e promover a conciencia galega dos homes adicados á actividade económica en Galicia. A formación dun pensamento propio sobre as realidades socioeconómicas de Galicia, a súa problemática, e as súas necesidades e posibilidades de desenvolvemento.

Xa que logo, a xeración Galaxia procurou facer fronte á anormalidade da situación na ditadura franquista, que provocaba unha visión limitada e parcial dos problemas económicos e sociais de Galicia. As súas canseiras dirixíronse a superar a subordinación política e territorial de Galicia que tamén se traducían en atraso e dependencia económicas, tanto na formulación e estudo dos problemas coma na elaboración doutrinal, e sobre todo nas solucións propostas aos problemas económicos propios de Galicia.

Para isto, tentouse crear un equipo técnico, dirixido por Xaime Isla, co dobre traballo de:

Estudar sistematicamente os problemas sociais e económicos de Galicia Fomentar a divulgación dos traballos, publicando textos sobre os problemas vitais de Galicia. Espertar a conciencia das xentes «mellor capacitadas de Galicia» cara a unha conciencia de seria preocupación en torno aos problemas económicos e sociais de Galicia.

Deste xeito acadaríase orientar con responsabilidade á opinión galega sobre a realidade da problemática do país, sinalando os vieiros da súa realidade económica e social, e ofrecendo solucións ou melloras de acordo con criterios técnicos solventes.

Nesta liña, tentouse encetar a colección Biblioteca de Economía Galaxia, da que sería responsable Xaime Isla, e que abranguería tódolos aspectos da economía galega, co proxecto de publicación de diversas series:

Estudos e traballos de carácter xeral: o esquema da economía galega Monografías e estudos comarcais ou locais: a terra e o home concretos da nosa economía Monografía e estudos especiais de ramas ou actividades produtivas: os problemas da vida económica de Galicia Historia económica e economistas galegos: a evolución dos feitos e das ideas económicas en Galicia Estudos de coordinación e política económica: o plan económico de Galicia.

De tódolos xeitos, este proxecto ambicioso ficaría eivado e incompleto, e atoparía moitos destes aspectos recollidos nas páxinas da Revista de Economía de Galicia. De feito, en decembro do 1968, cando se remata de publicar esta revista publicáranse a Bibliografía económica de Galicia de Francisco Xavier Río Barja, La pesca de arrastre en Galicia y sus problemas de Domingo Quiroga, e El problema del desarrollo en la Galicia rural de Xosé M. Beiras.

A primeira actuación para a posta en marcha do proxecto económico foi a publicación no ano 1952 do caderno número 4 da colección Grial titulado Aspectos jurídicos y económicos de Galicia. Neste contíñanse artigos verbo do sentimento da xustiza na literatura galega, a ciencia xurídica de Galicia, o auxe e depresión das industrias da pesca, e un artigo de Xaime Isla, titulado “Algúns caraiteres da economía galega aitual” no cal se denunciaba o drama da situación económica do país, sometida á pasividade e á inercia do rumbo que lle marcaba o desenvolvemento industrial, sen adaptación á realidade de Galicia e sen que a sociedade tivese órganos de seu para asumir o control e a dirección do seu propio desenvolvemento.

A Revista de Economía de Galicia A obra que representa mellor ca ningunha outra os esforzos da xeración Galaxia en orde ó cumprimento do proxecto económico foi a publicación entre os anos 1958-1968 dos 66 números da Revista de Economía de Galicia (R.E.G.), dirixida entre os anos 1958-1963 por Xaime Isla, formal e materialmente, e entre o 1963-1968 por Xosé Manuel Beiras Torrado, materialmente, aínda que na Revista figura como subdirector primeiro e codirector despois..

A iniciativa foi de Xaime Isla, que concibiu a súa estruturación por seccións, maquetouna e deseñou a súa portada. Asemade, encargouse entre 1958 e 1962 da elaboración dos editoriais, nos que contou coa colaboración de Ramón Piñeiro, cunha orientación politemática. Por outra parte, Francisco Fernández del Riego colaboraba na confección das seccións fixas informativas e na supervisión da impresión.

A partir do 1963 incorporouse como subdirector Xosé Manuel Beiras, que tentou dinamizar a R.E.G., evitando os atrasos na publicacións, e confeccionando –en contacto con Xaime Isla- a mesma: escribe os editoriais, dótaa dunha liña máis crítica, combativa e ideoloxicamente progresista e nacionalista. Esta tarefa remata coa súa incorporación á Facultade de Ciencias Económicas de Compostela.

A R.E.G. contaba cun Consello de Dirección, inalterado en tódolos anos de publicación, soamente formal, xa que nunca exerceu como tal. O seu papel era representativo, xa que tiña como obxecto prestixiar cos seus nomes a nacente publicación e darlle abeiro fronte á hostilidade do Réxime. Entre os seus nomes atopamos a Antonio Valcárcel López, Cruz Gallástegui Unamuno, Sebastián Martínez Risco, Álvaro Gil Varela, Antonio Fernández López, Isidro Parga Pondal, Antonio Rosón Pérez, Francisco del Río Barja, José Luis Blanco González...

Segundo o seu prospecto fundacional os obxectivos da R.E.G. eran os seguintes: O estudo e orientación sobre os problemas concretos de estrutura e desenvolvemento económico de Galicia. A súa concepción técnica, información e documentación relativa aos mesmos. Creación da revista que o país precisaba, en función dos seus problemas, das súas peculiares características sociais e humanas. Pedíase a colaboración de cantos espíritos xenerosos, en Galicia e fóra dela, puidesen prestar eco cordial.

A declaración de intencións da R.E.G. era clara:

A nosa publicación non pretende ser unha revista económica máis, como calqueira das que veñen editándose xa en España. Proponse ser, pola contra, a que Galicia precisa, en función dos seus problemas xenuinos e das súas peculiares características sociais e humanas.Decatámonos perfectamente das dificultades que esto comporta pois supón nin máis nin menos que o desenvolvemento dunha actividade cultural inédita antre nós, proiectada sobor de cuestións tan palpitantes e complexas, como a economía, a técnica e a vida social.

Xa que logo, a R.E.G. procuraba dar resposta aos problemas específicos de Galicia no eido socioeconómico, mais concibindo este labor específico no seo dun máis amplo proxecto de “actividade cultural”, é dicir, que o labor de reconstrución cultural encetada pola editorial Galaxia contiña coma unha rama súa o proxecto económico e social.

Dividida en cinco seccións, tentaba abranguer o mesmo esquema cá Biblioteca de Economía Galega, así:

«Perspectivas»: nesta sección contíñanse os editoriais sobre temas económicos, sociolóxicos e culturais. «Problemas»: onde se recollían a formulación e análise das cuestións fundamentais e máis prementes de economía galegas, así como das técnicas e proxectos para abordar o seu estudo e solución, presentados por especialistas galegos ou foráneos. «Sectores económicos»: na que se analizaban aspectos concretos da estrutura e do desenvolvemento, a través dos diversos sectores produtivos.