Celso Mariño Ferreira, nado en Pontevedra o 14 de xullo de 1910 e finado o 6 de abril de 1992, foi un médico, atleta, futbolista, adestrador de fútbol e dirixente deportivo galego.
Traxectoria Nado en Pontevedra, estudou no Colexio X de Germán Adrio Mañá. Durante a súa xuventude xogou ao fútbol na posición de dianteiro. Formouse na canteira do Eiriña e xogou co primeiro equipo ata 1928, coincidindo na dianteira con O'Donell entre outros. A continuación fichou polo Santiago FC, no que xogou ata 1929.
Destacado atleta, foi tres veces campión de España, dúas delas en décatlon (en 1934 e 1935) e outra en lanzamento de xavelina (en 1935), batendo o récord de España en ámbalas dúas disciplinas. Foi ademais oito veces campión de Galicia, en sete disciplinas diferentes (110 metros valados, salto de altura, salto con pértega, salto de lonxitude, lanzamento de peso, lanzamento de disco e lanzamento de xavelina).
Foi designado adestrador do Deportivo da Coruña para o debut do club na Primeira División na tempada 1941–42. Logrou derrotar aos principais equipos da liga (Real Madrid, Barcelona, Valencia, Atlético de Madrid, Sevilla e Athletic) e goleou ao Celta de Vigo no derbi de Riazor, rematando a campaña cun histórico cuarto posto. Na seguinte tempada (1942–43) pasou a realizar a función de preparador físico, sendo Chacho xogador-adestrador, pero trala dimisión deste en novembro, Mariño colleu de novo as rendas do equipo até o final da campaña, que rematou co equipo no noveno posto. Para a seguinte campaña contratouse a Ramón de la Fuente como adestrador.
Foi delegado para Galicia da Federación Española de Atletismo, e creou e dirixiu a Escola Galega de Adestradores de fútbol. En novembro de 1969 presentou a súa candidatura á presidencia do Pontevedra CF, club da Primeira División, saíndo elixido ao ser a única candidatura, polo que sucedeu no posto a Miguel Otero Rodríguez. Presidiu o club durante un ano e medio, viviu un descenso á Segunda División e acabou dimitindo en maio de 1971.
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas Datos do adestrador en bdfutbol.com
Categoría:Nados en Pontevedra Categoría:Médicos de Pontevedra Categoría:Atletas de Galicia Categoría:Atletas de probas combinadas Categoría:Lanzadores de xavelina Categoría:Lanzadores de peso Categoría:Lanzadores de disco Categoría:Saltadores de altura Categoría:Saltadores de lonxitude Categoría:Saltadores con pértega Categoría:Atletas de valados Categoría:Futbolistas de Pontevedra Categoría:Dianteiros de fútbol Categoría:Xogadores do Eiriña CF Categoría:Adestradores de fútbol de Galicia Categoría:Adestradores do Deportivo da Coruña Categoría:Presidentes do Pontevedra CF Categoría:Nados en 1910 Categoría:Finados en 1992