miniatura|Rosana Pérez Fernández na XVI Asemblea Nacional do BNG en 2017. Rosana Pérez Fernández, nada na Pobra do Caramiñal o 21 de decembro de 1964, é unha funcionaria e política galega, do BNG. Dende xullo de 2020 é deputada do Bloque Nacionalista Galego no Parlamento de Galicia.

Traxectoria Seguiu estudos de formación profesional administrativa, e aprobou unhas oposicións para a Xunta de Galicia, onde obtivo a praza de secretaria de instituto en Ribeira. Afiliada ao BNG dende 1983, foi elixida concelleira na Pobra do Caramiñal en 1995, sendo responsable da área de Servizos Sociais en virtude dun pacto de goberno co PSdeG, o cal se mantivo ata súa ruptura en novembro de 1997, polo cal pasou á oposición. En 1999 encabezou a candidatura do BNG, mantendo os 2 concelleiros da anterior ocasión e pasando a sela portavoz do grupo na oposición. En 2003 subeu a 4 concelleiros, pasando a selo principal grupo da oposición. En 2007 subiu ata os 6 concelleiros, continuando como portavoz na Pobra e sendo designada para ocupar un escano na Deputación da Coruña, onde tamén asumiu a portavocía do BNG. En 2011 mantivo os resultados de 4 anos antes na Pobra, se ben baixou a 5 concelleiros despois de que, por mor do descenso de poboación, a corporación pobrense baixase de 17 a 13 concelleiros.

Membro da UPG, o partido comunista que compón o BNG, formou parte da executiva da fronte nacionalista dende 2006. En 2011 presentouse de número 2 na candidatura do BNG ao Congreso dos Deputados, nas eleccións xerais. Non obtivo escano, pero a dimisión do cabeza de lista Francisco Jorquera un ano máis tarde, para optar á presidencia da Xunta, levouna ao Congreso, ante o cal renunciou como concelleira na Pobra.

En xullo de 2020, preséntase como número 4 do Bloque Nacionalista Galego pola provincia da Coruña e consegue un escano no Parlamento de Galicia. Nas municipais de 2023 formou parte da candidatura do BNG na Pobra como número 2 e foi elixida concelleira, sendo responsable das áreas de Movilidade e Participación Veciñal. Nas eleccións ao Parlamento galego de 2024 concorreu como número 3 pola Coruña e revalidou o seu escano.

Notas

Véxase tamén

Outros artigos Eleccións municipais na Pobra do Caramiñal Lista de deputados galegos no Congreso desde a Transición Ligazóns externas Rosana Pérez Fernández na páxina web do Parlamento de Galicia.

Categoría:Deputados do Congreso dos Deputados polo BNG Categoría:Nados na Pobra do Caramiñal Categoría:Nados en 1964 Categoría:Concelleiros da Pobra do Caramiñal Categoría:Deputados provinciais da Coruña Categoría:Deputados da XI Lexislatura do Parlamento de Galicia Categoría:Deputados no Congreso dos Deputados (X Lexislatura) Categoría:Deputados no Congreso dos Deputados pola provincia da Coruña Categoría:Deputados da XII Lexislatura do Parlamento de Galicia