As anquirinas (da palabra grega que significa áncora; en inglés ankyrins ) son unha familia de proteínas adaptadoras que median a unión de proteínas integrais de membrana ao citoesqueleto asociado á membrana baseado na espectrina-actina. As anquirinas teñen sitios de unión para a subunidade beta da espectrina e para polo menos 12 familias de proteínas integrais de membrana. Esta unión é necesaria para manter a integridade da membrana plasmática e para ancorar canles iónicas específicos, intercambiadores iónicos e transportadores de ións na membrana plasmática.

Estrutura As anquirinas conteñen catro dominios estruturais: un dominio N-terminal que contén 24 repeticións de anquirina en tándem, un dominio central que se une á espectrina, un dominio de morte (celular) que se une a proteínas implicadas na apoptose, e un dominio C-terminal regulador que é moi variable entre os diferentes tipos de proteínas anquirina.

Subtipos As anquirinas están codificadas por tres xenes (ANK1, ANK2 e ANK3) en mamíferos. Cada xene á súa vez produce múltiples proteínas por medio do splicing alternativo.

ANK1 O xene ANK1 codifica as proteínas anquirina-R. A anquirina-R foi caracterizada primeiro nos eritrocitos humanos, nos que esta anquirina se denominou anquirina do eritrocito ou banda 2.1. A anquirina-R permite aos eritrocitos resistir as forzas de cizalla ás que están sometidos na circulación sanguínea. As persoas con anquirina-R reducida ou deficiente teñen unha forma de anemia hemolítica denominada esferocitose hereditaria. Nos eritrocitos, a anquirina-R únese ao esqueleto da membrana polo intercambiador aniónico Cl-/HCO3-.

A anquirina 1 lígase aos receptores de membrana CD44 polo receptor inositol trifosfato e o citoesqueleto.

ANK2 Posteriormente, identificáronse as proteínas anquirina-B (produtos do xene ANK2) no cerebro e músculo. A anquirina-B e a anquirina-G requírense para a distribución polarizada de moitas proteínas de membrana, como a ATPase Na+/K+, a canle de Na+ regulada por voltaxe e o intercambiador de Na+/Ca2+.

ANK3 As proteínas anquirina-G (produtos do xene ANK3 ) identificáronse nas células epiteliais e neuronas. Unha análise xenética a grande escala realizada en 2008 mostrou a posibilidade de que a ANK3 estea implicada no trastorno bipolar.

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas Proteopedia|1n11 Ankyrin-R

Categoría:Proteínas