O Dicionario etimolóxico galego (título orixinal en alemán, Galicisches etymologisches Wörterbuch) é un dicionario etimolóxico do galego comezado nos anos sesenta polo romanista e etimólogo Harri Meier e aínda en proceso de elaboración. Elaboración Na década de 1960 Harri Meier comezou a elaborar, xunto cos seus discípulos, entre outros a doutora Sigrid Buschmann, un dicionario etimolóxico do galego que case rematou en vida pero que non puido publicar.

No ano 2005, o Seminario de Filoloxía Románica da Universidade de Tubinga, onde o catedrático e estudoso do galego Johannes Kabatek reinaugurara pouco antes o Centro de Estudos Galegos, puido acceder, grazas á axuda de dous discípulos de Harri Meier, ó catedrático de Marburgo Dieter Woll e á doutora Sigrid Buschmann, ós ficheiros do dicionario e trasladalos a Tubinga. O material do profesor Harri Meier estaba case completo pero o problema que se atopou foi que todo o proxecto se atopaba en fichas soltas manuscritas.

O primeiro traballo a realizar consistiu na dixitalización de tódalas fichas. Despois deste traballo comezouse a crear unha base de datos engadindo algunha información adicional. Aínda que algunha información contida nas fichas non estaba actualizada coas últimas informacións lexicográficas optouse por conservala como documentación historiográfico-lingüística.

En abril de 2010 o dicionario contiña 5000 fichas electrónicas correspondentes a 20000 termos galegos.

Baseándose na base de datos creada están previstos unha serie de traballos que se irán desenvolvendo ao longo do tempo.

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas Web do Dicionario etimolóxico galego Seminario de Filoloxía Románica da Universidade de Tubinga Centro de Estudos Galegos

Categoría:Dicionarios galegos Categoría:Etimoloxía Categoría:Artigos sen imaxes