Emilio Novás Naya, nado en Vilaboa (Culleredo) o 25 de abril de 1905 e finado en Monteseiro (A Fonsagrada) o 29 de outubro de 1937, foi un sindicalista anarquista e militar galego.

Traxectoria

miniatura|Monumento en Oza ós ocupantes da embarcación La Libertaria, obra de Jorge Pastor.

Formouse sindicalmente no anarquismo en Cuba, onde traballaba na cociña do Hotel New York de Camagüey. Alí foi detido, en febreiro de 1931, sendo acusado de terrorismo e trasladado á cadea do Castelo do Príncipe na Habana para logo ser deportado en marzo dese mesmo ano.

De regreso coa II República, foi moi activo nas organizacións campesiñas da CNT nos arredores da Coruña e participou na creación da Federación Comarcal de Campesinos en San Pedro de Nós, en xullo de 1932. Esta organización agrupaba aos labregos anarquistas de Oleiros, Culleredo, Cambre e Carral.

Durante a II República foi moi crítico co alcalde de Culleredo, Electo Carballo. Nunha serie de artigos no semanario Solidaridad, asinados co pseudónimo de Evasno, acusouno de corrupción por medidas a favor da fábrica Cros do Burgo. O rexedor culleredés denunciouno por inxurias, resultando no ingreso na cadea da Coruña do anarcosindicalista no 1935.

Ademais, nestes anos foi acusado de varios delitos: roubo de explosivos en Vilarmaior-Miño de incendio do tranvía A Coruña-Sada e tenencia ilícita de armas. O seu avogado foi Manuel Iglesias Corral. Condenado a dous anos, once meses e once días de prisión, ingresou na prisión da Coruña, sendo trasladado ao penal de Burgos, ata a amnistía despois da vitoria da Fronte Popular. Colaborou nos periódicos da CNT Solidaridad Obrera e Solidaridad.

Participou na resistencia contra o golpe militar en xullo de 1936, estivo agochado na Coruña ata que en xaneiro de 1937 conseguiu fuxir cara Asturias no barco La Libertaria. Alí ingresou na Agrupación Confederal Galaica en Asturias e alistouse para combater no Batallón Galicia en xaneiro de 1937, onde foi capitán. Morreu no Alto do Acevo (A Fonsagrada) cando regresaba a Galicia despois da caída da fronte asturiana o 29 de outubro de 1937. Foi enterrado canda a outros trece milicianos nunha fosa común ata que en 2007 foron exhumados e identificados, sendo trasladados ao cemiterio da Fonsagrada no 2009.

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas El Batallón Galicia nº 19

Categoría:Sindicalistas da CRG Categoría:Militares de Galicia Categoría:Galegos de Cuba Categoría:Asasinados polo bando nacional en Galicia

Categoría:Nados en Culleredo Categoría:Nados en 1905 Categoría:Finados en 1937 Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes finados hai máis de 80 anos