150px 214px 107px 105px 243px 121px 367px De esquerda a dereita e de arriba a abaixo: Beleza Mirando Atrás, Moronobu, finais do século XVII. Shibai Uki-e, Masanobu, Otani Oniji III, Sharaku, 1794 Peite, Utamaro, 1798 Hara, 13ª estación das Cincuenta e tres estacións de Tōkaidō, Hiroshige, 1833–34 Cuco e Azaleas, Hokusai, 1828 Takiyasha a Bruxa e o Espectro Esqueleto, Kuniyoshi,
O ukiyo-e ( , "pintura[s] do mundo flotante"), ou estampas xaponesas, é un xénero de arte xaponesa que floreceu entre os séculos XVII e XIX. Os seus artistas produciron impresións xilográficas e pinturas de mulleres, actores de kabuki e loitadores de sumo, escenas históricas ou de contos populares, escenas de viaxes e paisaxes, flora e fauna ou escenas eróticas.
Edo pasou a ser a sede do goberno do shogunato Tokugawa a comezos do século XVII. Os mercadores, no máis baixo da orde social naquel entón, foron os máis beneficiados do rápido crecemento económico da cidade e moitos deles gozaban do teatro kabuki, das cortesás e gueixas dos distritos de pracer. O termo ukiyo ("mundo flotante") pasou a describir este estilo de vida hedonista. As imaxes ukiyo-e, impresas ou pintadas, deste ambiente xurdiron a finais do século XVII e acadaron popularidade entre os mercadores, para entón xa suficientemente podentes como para permitirse decorar os seus fogares con elas.
As primeiras obras que acadaron o éxito popular foron as pinturas e impresións monocromáticas de mulleres fermosas de Moronobu nos anos 1670. A impresión en cor introduciuse posteriormente de forma gradual, inicialmente engadida a man para pedidos especiais. Na década de 1740 outros artistas como Masanobu usaron múltiples pranchas de madeira para estampar zonas de cor. Dende os anos 1760 o éxito das "estampas de brocado" de Harunobu provocou que a produción a cor se tornase no estándar, precisando dunha gran cantidade de pranchas para cada obra. Os especialistas en arte xaponesa outórganlle gran valor ós retratos de mulleres fermosas e de actores que produciron a finais do século XVII algúns dos considerados mestres deste xénero, como Kiyonaga, Utamaro e Sharaku. No século XIX seguíronlles outros dous dos considerados mestres do xénero, que destacaron polas súas paisaxes: Hokusai, autor da Grande onda de Kanagawa, unha das obras de arte xaponesa máis coñecidas; e Hiroshige, célebre pola súa serie das Cincuenta e tres estacións de Tōkaidō. Trala morte destes dous artistas, e coa modernización social e tecnolóxica xurdida trala restauración Meiji de 1868, a produción de ukiyo-e minguou de forma notable.
Algúns dos artistas de ukiyo-e especializáronse na produción de pinturas, mais a maioría das obras realizáronse por medio de impresións. Era moi pouco frecuente que os artistas entallasen as súas propias pranchas de madeira para a impresión. No seu lugar, o proceso de produción dividíase entre o artista que deseñaba a obra, o escultor que tallaba as pranchas, o impresor que realizaba as copias en papel washi, e o editor que financiaba, facía promoción e distribuía as obras. Xa que a impresión estaba feita a man, os impresores podían conseguir efectos imposibles de facer con máquinas, como a gradación de cores na prancha de impresión.
O ukiyo-e foi un dos principais elementos na formación da percepción occidental da arte xaponesa a finais do século XIX, especialmente grazas ás paisaxes de Hokusai e Hiroshige. Dende a década de 1870 o xaponismo pasou a ser unha tendencia prominente e tivo unha grande influencia nos primeiros impresionistas como Degas, Manet e Monet, así como en postimpresionistas como van Gogh e artistas de Art Nouveau como Toulouse-Lautrec. No século XX, produciuse un rexurdimento da estampación xaponesa: o xénero shin-hanga ("novas estampas") capitalizou o interese occidental nas estampas de escenas xaponesas tradicionais, e o movemento sōsaku-hanga ("estampas creativas") promoveu obras individualistas deseñadas, entalladas e impresas por un só artista. Dende finais deste século as estampas continuaron este estilo individualista, utilizando habitualmente técnicas importadas dende Occidente.
Historia Antecedentes A arte xaponesa dende o período Heian seguira dous camiños principais: a tradición nativista , centrada en temáticas xaponesas e coñecida principalmente polas obras da escola Tosa, e a tradición de inspiración chinesa en diversos estilos, como as augadas monocromáticas de Sesshū Tōyō e dos seus discípulos. Por outra banda, a escola de pintura Kanō incorporaba características de ámbalas dúas tradicións.
Dende a antigüidade, os principais patrocinadores da arte xaponesa foran a aristocracia, os gobernos militares e as autoridades relixiosas. Ata o século XVI, as vidas da xente común non foran unha temática principal na pintura, e cando se incluían nas obras, estas estaban destinadas para os samurais gobernantes e as clases podentes de mercadores. Posteriormente, apareceron obras realizadas por e para a poboación xeral, incluíndo pinturas monocromáticas moi baratas de mulleres fermosas e escenas do teatro e dos distritos de pracer. Porén, a creación manual destes () limitaba moito a escala da súa produción, un límite que pronto foi superado por xéneros que se pasaron á produción en masa con xilografías.
miniatura|left|upright=2|Espectadores de Pradairos (s. XVI), de Kanō Hideyori, unha das primeiras pinturas xaponesas que representou as vidas da xente común.
Durante un prolongado período de guerra civil no século XVI, desenvolveuse unha nova clase social de mercadores cun notable poder político, os denominados (町衆). Estes aliáronse coa corte e adquiriron poder sobre as comunidades locais. O seu patrocinio das artes estimulou un renacemento das artes clásicas a finais do século XVI e comezos do século XVII. A comezos do século XVII, Tokugawa Ieyasu unificou o país e foi designado Shogun con poder supremo sobre o Xapón. Ieyasu consolidou o seu goberno na vila de Edo, requirindo que os señores territoriais se reunisen alí en anos alternos xunto ós seus séquitos. As necesidades da nova capital en desenvolvemento atraeron a moitos traballadores varóns dende diversas partes do país, provocando que os varóns compuxeran ata case o 70% da poboación da cidade, que medrou durante o período Edo dende unha poboación de 1800 habitantes ata acadar máis dun millón no século XIX.
Este novo shogunato centralizado puxo fin ó poder dos e dividiu a poboación en catro clases sociais, coa clase samurai gobernante no máis alto e os mercadores no máis baixo. Malia verse privados da súa influencia política, a clase comerciante beneficiouse da economía en rápida expansión do período Edo. O aumento dos seus beneficios permitiulles ter tempo de lecer nos distritos de pracer —principalmente Yoshiwara en Edo— e coleccionar obras de arte para decorar os seus fogares, algo que en tempos anteriores estivera moi por riba das súas capacidades financeiras.
A impresión xilográfica no Xapón ten a súa orixe na Hyakumantō Darani do ano 770, e ata o século XVII este tipo de impresións estiveron reservadas para os selos e imaxes budistas. A tipografía móbil apareceu ó redor do ano 1600, pero como o sistema de escrita xaponesa requiría ó redor dunhas 100 000 pezas de fontes, a talla manual de texto en pranchas de madeira resultaba máis eficiente. No Dominio Saga, o calígrafo Honami Kōetsu e o editor Suminokura Soan combinaron texto impreso e imaxes en adaptacións de Ise monogatari (伊勢物語) e outras obras literarias. Durante a era Kan'ei, a comezos do século XVII, os libros ilustrados sobre contos populares titulados , foron os primeiros libros producidos en masa empregando a técnica de impresión xilográfica. Esta imaxinería continuou evolucionando en forma de ilustracións para o xénero de contos sobre a hedonista vida urbana na nova capital, o . A reconstrución de Edo tralo Grande incendio de Meireki no ano 1657 ocasionou unha modernización da cidade, e a publicación de libros impresos con ilustracións floreceu neste novo ambiente de rápida urbanización.
O termo "ukiyo" (), que pode traducirse como "mundo flotante", era homófono do antigo termo budista ukiyo (), que significa "este mundo de tristeza e dor". O termo máis novo empregábase en ocasións para os significados de "erótico" ou "moderno" entre outros, e pasou a utilizarse para describir o espírito hedonista das clases máis baixas naquela época. Asai Ryōi rendeu homenaxe a este espírito na novela Ukiyo Monogatari ():
Xurdimento miniatura|upright=2|A Estampa Hikone, unha das obras de ukiyo-e sobreviventes máis antigas. Os primeiros artistas do ukiyo-e procedían do mundo da pintura xaponesa. A escola Yamato-e desenvolveu no século XVII un estilo de formas delineadas que permitía verter tintas nunha superficie húmida e espallalas cara ós bordos delineados. Esta delineación das figuras tornaríase posteriormente no estilo dominante de ukiyo-e.
Ó redor do ano 1661, os pergamiños colgantes pintados coñecidos como "Retratos de Belezas Kanbun" conseguiron unha gran popularidade. As pinturas desta era Kanbun, a maioría delas anónimas, marcaron os comezos do ukiyo-e como escola de arte independente. As ilustracións de Iwasa Matabei presentan unha grande afinidade cos ukiyo-e. Os estudosos non están de acordo en se a obra de Matabei pode considerarse en si mesma parte dos ukiyo-e, malia que a maioría de investigadores xaponeses adoitan consideralo como o fundador deste xénero. En diversas ocasións acreditouse a Matabei como o autor da Estampa Hikone sen asinar, unha lámina pregable considerada como unha das obras de ukiyo-e sobreviventes máis antigas. Esta estampa presenta un elaborado estilo Kanō e representa a vida coetánea da época, no lugar de utilizar as temáticas prescritas das escolas tradicionais xaponesas de pintura.
left|miniatura|Unha das primeiras estampas de prancha de madeira, de Hishikawa Moronobu, finais dos anos 1670 ou comezos dos 1680.
En resposta á cada vez maior demanda de obras de ukiyo-e, Hishikawa Moronobu produciu as primeiras impresións con pranchas de madeira de ukiyo-e. Cara ó ano 1672, o éxito de Moronobu fixo que comezase a asinar as súas obras, sendo o primeiro ilustrador xaponés de libros en facelo. Moronobu foi un prolífico ilustrador que traballou unha gran variedade de xéneros, desenvolvendo un particular e influente estilo de debuxo de belezas femininas. De forma máis significativa, foi o que comezou a producir ilustracións non para libros, senón en láminas únicas ou como parte dunha serie de láminas. A escola Hishikawa atraeu a un gran número de seguidores e imitadores, como Sugimura Jihei, e marcou o comezo da popularidade desta forma de arte.
Torii Kiyonobu I e Kaigetsudō Ando convertéronse nos principais emuladores do estilo de Moronobu trala morte deste mestre, malia que ningún deles pertencía á escola Hishikawa. Ámbolos dous descartaron o detalle nos fondos en favor dun enfoque na figura humana, representando a actores de kabuki nas pinturas yakusha-e de Kiyonobu e da subsecuente escola Torii, e a cortesás nas obras bijin-ga de Ando e a súa escola Kaigetsudō. Ando e os seus seguidores produciron unha imaxe feminina estereotipada cunha pose e deseño determinados que permitían unha produción en masa efectiva, creando unha gran demanda coa súa popularidade que tamén aproveitaron outros artistas e escolas. A escola Kaigetsudō e as súas populares "belezas Kaigetsudō" chegaron á súa fin tralo exilio de Ando polo seu papel no escándalo Ejima-Ikushima de 1714.