O toxo gateño ou toxo molar (Ulex minor) é un gamallo espiñento da familia das fabáceas. Tamén é chamado toxo femia (cómpre non confundilo co Ulex gallii) e toxo albariño. Común en Galicia.

Descrición Arbusto de até 2 m, moi ramalludo e espiñento, con espiñas densamente agrupadas na parte basal dunha espiña máis grosa (espiña primaria). Follas alternas, trifoliadas ou unifoliadas, frecuentemente reducidas a filodios (peciolo esmagado). Flores hermafroditas, zigomorfas, pentámeras, axilares. Cáliz de (6,5) 7-9,5 mm, dividido até a base en dous labios, un superior con dous dentes e outro inferior con tres dentes, laxamente peloso, con pelos aplicados. Corola amarela, con pétalo superior (estandarte) máis longo que os laterais (ás) e que a quilla formada por fusión dos dous pétalos inferiores. Androceo con 10 estames soldados polos filamentos na parte inferior para formar un tubo que envolve o ovario (androceo monadelfo). Ovario súpero, cun só carpelo. Froito en legume de 8-9,5 mm, plana, sen pelos.

Distribución e hábitat Distribución atlántica. En Portugal, noroeste de España, Francia e Gran Bretaña. Adoita medrar en brañas e lameiros, formando matos de uceiras oligotrofas en solos temporalmente asolagados, mesturado con uces e queiroas. Florea e frutifica dende o verán até a primavera. Común en toda Galicia. Consegue vivir até os 900 metros de altitude. Está presente na metade sur das provincias de Pontevedra e Ourense.

Usos En Galicia e nas montañas do norte e centro-oeste de Portugal, úsase coma estrume e na alimentación de animais herbívoros domésticos. Contribúe a fixar o nitróxeno no solo. Tamén se emprega na produción de adubos nitroxenados.

Notas

Véxase tamén

Outros artigos Toxo femia Toxo Ulex

gateño Categoría:Arbustos