miniatura|Ruínas de Persépole. As Historias (en grego antigo ἱστορίαι historíai 'aproximacións, investigacións') de Heródoto de Halicarnaso (484–despois do 430 a. C.) é unha obra escrita en dialecto xonioHalicarnaso era unha cidade pertencente á Dóride, pero estaba moi próxima a Xonia. que ten como obxectivo narrar os enfrontamentos que tiveron lugar entre gregos e bárbaros (asiáticos, especialmente persas) e, en concreto, as Guerras Médicas. Tamén contén unha descrición da historia e costumes do Antigo Exipto. Trátase da primeira obra historiográfica grega que nos chegou íntegra e está dividida en nove libros, cada un deles dedicado a unha musa.
Sinopse e composición miniatura|Hator. As Historias de Heródoto constitúen, dentro da prosa grega, o mellor exemplo de composición literaria aberta; é dicir, non opera de modo rectilíneo, senón que intercala todo tipo de retardacións e digresións no argumento central. Este trazo compárteo coa Ilíada.
Proemio: Heródoto expón a súa intención: evitar que as fazañas das xeracións que o precederon sexan relegadas ao esquecemento (I 1), explicando as causas dos seus enfrontamentos.
Libro I: Para expoñer as causas do conflito (as Guerras Médicas), Heródoto pasa a abordar as primeiras diferenzas e enfrontamentos que se produciron entre gregos e bárbaros en época mítica (secuestros de Europa, Medea e Helena, Guerra de Troia). Con todo, marca certa distancia con estas tradicións e acto seguido indica quen, polo que el sabe, cometeu en primeiro lugar actos inxustos (Creso, rei de Lidia). Temos, pois, exposta nitidamente que a agresión é a medida da responsabilidade moral e xurídica.
A atención pasa inmediatamente á figura de Creso, o primeiro agresor. A historia de Lidia permite entrar en contacto co grande eixe da súa Historia, Persia; ao mesmo tempo, senta as bases da súa concepción teleolóxica do acontecer humano (entrevista entre Solón e Creso, I 28–33). O resto do libro I traslada a súa atención a Persia, coa entronización de Ciro II o Grande e diversas campañas deste rei (submisión de Xonia, Caria e Licia).
Libro II: Está dedicado na súa totalidade a Exipto: Cambises II, descrición da xeografía e etnografía de Exipto, e historia do país.
Libro III: Causas que induciron a Cambises a atacar Exipto. Campaña militar. Detalles acerca do carácter soberbio e impío de Cambises. Morte de Cambises e entronización de Darío I.
Libro IV: Segue a expansión persa: Escitia. Digresións acerca dos escitas. Campañas contra os escitas. Campaña contra Libia.
Libro V: O avance persa cérnese contra Grecia. Operacións contra Macedonia e Tracia. Sublevación xonia. Aristágoras de Mileto pide axuda a Esparta e Atenas, o que serve para desenvolver a Historia destas dúas cidades.
miniatura|Estatua de Filípides anunciando a vitoria de Atenas en Maratón.
Libro VI: I Guerra Médica. Incursión persa en Macedonia. Historia contemporánea de Esparta e Atenas. Desembarco persa no Ática. Batalla de Maratón. Asuntos de política interna en Atenas: Alcmeónidas e Milcíades.
Libro VII: Os acontecementos precipítanse. As digresións posúen unha estreita relación estrutural co núcleo do relato. Tras a morte de Darío, Xerxes I toma o mando do Imperio aqueménida e decide a invasión de Grecia. Descríbese a inxente expedición, o paso do Helesponto e o desenvolvemento das operacións. Preparativos gregos para resistir; batalla das Termópilas.
Libro VIII: Batalla de Artemisio. Ocupación e destrución de Atenas. A poboación e a frota ateniense refúxianse na illa de Salamina. Batalla de Salamina. Retirada de Xerxes.
Libro IX: Batallas de Platea e Micala. Tráxicos amores de Xerxes. Toma de Sestos polos atenienses. Opinión de Ciro sobre os riscos do expansionismo.
O final das Historias é problemático. A cuestión fundamental é se a obra está inacabada e se Heródoto chegou até a fin cronolóxica que, na súa opinión, poñía remate á guerra. Na obra, ademais, hai promesas incumpridas (como o prometido logos asirio) que se poden deber á falta dunha última revisión. O certo parece ser que Heródoto traballou durante moito tempo na obra con varios plans (uns logoi dispersos, unha Historia de Persia, as Guerras Médicas) e en varias etapas compositivas.
Metodoloxía miniatura|esquerda|Milcíades. O aspecto fundamental á hora de estudar a metodoloxía en Heródoto é o tratamento das fontes:
1. Como elemento primario para a obtención de datos, acostuma basearse na súa observación persoal (ὄψις), articulada, de acordo co procedemento dos logógrafos, seguindo un criterio ternario: descrición xeográfica dun país, descrición dos costumes do pobo establecido e atención aos aspectos máis sorprendentes (τὰ θωμάσια). Bo expoñente destas fases que compoñen a ὄψις son os λόγοι ('relatos'), que facilitan informacións que, en xeral, a crítica moderna tende a confirmar. En calquera caso, debe destacarse a súa sinceridade, pois nunca di que viu máis do que fixo en realidade.
2. Un segundo medio, coñecido co nome de ἱστορίη ('investigación'), baséase na obtención de datos a partir de fontes escritas, de importancia capital na composición da obra. Poden destacarse tres grandes grupos: poetas (Homero, Hesíodo, Arquíloco, Esopo, Solón, Safo, Simónides de Ceos, Alceo, Píndaro, Esquilo, Anacreonte...), as fontes epigráficas (en ocasións o seu descoñecemento de linguas non gregas lévao a interpretacións puerís) e logógrafos (Hecateo de Mileto, principalmente).
3. A terceira fonte é a ἀκοή, os testemuños orais. As Historias de Heródoto é fundamentalmente de tradición oral (fronte a Tucídides, por exemplo). O normal é que aluda estes testemuños de modo indeterminado, utilizando expresións do tipo «segundo os persas...», «uns din..., en cambio outros sosteñen...» etc.
4. Finalmente Heródoto completa a súa metodoloxía cunha serie de consideracións que se agrupan baixo o nome xenérico de γνῶναι. Son argumentacións que serven para establecer relacións de afinidade ou para afondar no exame crítico do argumentado.
É indubidable que estamos nos albores do xénero histórico, o que explica o exceso de detalles pouco contrastados, argumentacións inconsistentes e faltas de rigor analítico. Por outra parte, o descoñecemento da estratexia e a táctica militar é evidente.
O pensamento de Heródoto miniatura|left|250px|Trirreme grego. Heródoto representa o espírito arcaico de Grecia antiga. Moita se insistiu sobre as concomitancias (e a amizade) entre Sófocles e Heródoto, pero a dualidade teolóxica e humana que preside a obra posúe un estreito parangón con Esquilo. A dobre motivación factual da traxedia esquilea (responsabilidade humana e causalidade divina) non é diferente da posición de Heródoto para quen (I 32, 1) «a divindade é, en todos as ordes, envexosa e causa de perturbación». Pero ao tempo, aparece unha tendencia que busca no home mesmo a causa do seu sino. Atopámonos cun plano sobrenatural que pon en relevo a fraxilidade do ser humano, que é «todo continxencia».
O destino, entón, convértese nunha forza premoral que se impón de maneira inexorable. Isto implica un pesimismo que é consubstancial ao pensamento grego. O ser humano séntese suxeito á inestabilidade e é impotente (ἀμήχανος) ante os designios divinos. Con todo, o aparente dogmatismo do φθόνος θεῶν ('envexa dos deuses') non diminúe a responsabilidade do home. Os castigos que este sofre acostuman estar motivados por unha xusta reacción divina ante a soberbia (ὕβρις) do ser humano: Cando un home se encontra encumiado nunha posición que excede as súas posibilidades naturais, tende a incorrer en ὕβρις, e é culpable de crimes e desaforos que atentan contra a estabilidade ético-social. Para precaverse da hostilidade divina, o home debe intentar practicar a xustiza, a piedade e a modestia, sen que, como ocorre en Sófocles, sexa absolutamente seguro que baste con isto para logralo. É un plan similar ao da traxedia, a lírica e a épica.
Esta actitude de Heródoto presidida pola moderación, determina o seu pensamento político: obrigado a exiliarse da súa patria por un réxime tiránico, abomina a tiranía, cunha esencia que é a irresponsabilidade ante a lei e os demais membros da comunidade; móstrase convencido dos beneficios que representa a liberdade, de aí a súa admiración por Atenas e a explicación do seu auxe. Liberdade fronte a sometemento é esencialmente o trazo diferencial entre gregos e bárbaros.
Notas
Véxase tamén Outros artigos Historiografía grega Esteganografía
Bibliografía
Ligazóns externas
Texto español no sitio da Biblioteca de Clásicos Grecolatinos. Texto inglés, con índice electrónico, no Proxecto Perseus. Na parte superior dereita atópanse os rótulos activos "focus" (para cambiar ás anotacións ou ao texto grego) e "load" (para visualizar ao mesmo tempo texto e anotacións ou para o texto bilingüe). Texto grego en Wikisource. Texto grego no sitio da Bibliotheca Augustana (Augsburgo). Comentarios en inglés, con índice electrónico, no Proxecto Perseus.
Categoría:Libros de historia Categoría:Obras literarias Categoría:Guerras Médicas