Noli me tangere é unha locución latina que significa literalmente 'non me toques' ou 'non me queiras tocar'. Estas palabras díxollas Xesucristo a María Madalena despois da súa resurrección. A cita corresponde ao versículo 17 do capítulo 20 do Evanxeo de Xoán.Evanxeo de Xoán capítulo 20 versículo 17 A expresión orixinal en grego (Μή μου ἅπτου) suxire unha acción que continúa no tempo, por iso a tradución máis axeitada sería: "non me reteñas".

Pasaxe evanxélica Ao relatar os acontecementos da resurrección de Xesús, o Evanxeo de Xoán é o único que recolle o episodio do "noli me tangere" no capítulo 20 versículo 17. Na mañá do terceiro día despois de morto Xesús, María Madalena vai onda o seu sepulcro e atopa desprazada a pedra que servía de porta. Alertada, avisa a Simón e ao "discípulo a quen amaba Xesús" temendo que o corpo fose levado: estes entraron o sepulcro atopando os lenzos pero non o corpo. Estando soa, Madalena, chora canda o sepulcro e Xesús apareceu preguntándolle porque choraba, pero ela non o recoñece. Entón, Xesús chamouna polo seu nome e ela respondeulle en hebreo chamándoo "mestre" (rabunni). Na tradución en galego de Xosé Fernández Lago, o diálogo seguiu:

Interpretación Tradicionalmente, a pasaxe narrada no versículo 17 do capítulo 20 do Evanxeo de Xoán, foi dificilmente interpretada. Na tradución latina da Biblia, a Vulgata, emprégase a expresión "noli me tangere", que se traduce como "non me toques". Esta expresión, distante e asertiva, é complexa de interpretar. Madalena pretende reter a Xesús con ela e, aínda que logo o Xesús resucitado animou a Tomé a tocar as feridas da Paixón, responde deste xeito porque, para algúns autores, márcase o do inicio dunha nova relación: xa non física e humana, senón espiritual. Para Jean-Luc Nancy, aplicando o modelo da deconstrución, considera que este episodio mostra que prohibíndolle o contacto, Xesús convértese nunha presenza que se retira, recoñecendo os límites entre os dous corpos, sendo tamén un símil do amor que se perde. As versións máis actuais da Biblia adoitan traducir esta frase de forma máis fiel ao vocablo grego, por exemplo na Nova Vulgata dise "iam noli me tenere" e no texto en galego tradúcese como "sóltame".

Motivo artístico Como motivo iconográfico, o noli me tangere adoita representarse con María Madalena axeonllada ante Xesús, decote cos brazos abertos cara el, mentres que Xesús se aparta dela, cunha man procura que non o toque e coa outra sinala o ceo. As veces os protagonistas son representados levando María Madalena un vaso de perfumes, motivo tradicional que lle é asociado, e Xesús coa cruz (representación da súa paixón e resurrección) ou cun sacho (posto que segundo Xoán, Madalena coidou inicialmente que era un xardineiro).

Este episodio da Resurreción de Xesús foi un tema recorrente na iconografía tardomedieval e no Renacemento. Por exemplo, Noli me tangere é un dos cadros máis coñecidos do pintor italiano Antonio Allegri da Correggio. Está realizado en óleo sobre unha táboa; foi pintado cara ao 1518 e foille regalado a Filipe IV de España polo príncipe Ludovisi. Actualmente encóntrase no Museo do Prado en Madrid. Ademais inspirou a varios pintores, entre eles Duccio di Buoninsegna ou Paolo Veronese en Italia e Hans Memling ou Hans Holbein na área flamenga e alemá. A pintura de Correggio foi famosa dende a súa chegada a España, e Alonso Cano realizou unha interpretación libre da mesma que se conserva hoxe no Museo de Belas Artes de Budapest.

Galería de imaxes

Notas

Véxase tamén

Ligazóns externas Recompilación de usos na prensa escrita

Categoría:Locucións latinas