A Intersindical Nacional dos Traballadores Galegos (INTG) foi un sindicato nacionalista galego que se formou en febreiro de 1981 tras a unión da ING e a CTG.

Historia O proceso de unificación do sindicalismo nacionalista comezou o 3 de outubro de 1980 mediante á sinatura dun acordo entre a Intersindical Nacional Galega (ING) e a Central de Traballadores Galegos (CTG). O xaneiro de 1982 celebrou o primeiro Congreso, no que saíu elixido secretario xeral Lois Ríos. En 1982 integrouse nela a Confederación Sindical Galega e nas eleccións sindicais de 1982 conseguiu 1.649 delegados (18,5 %). En 1983 Xan Carballo saíu elixido novo secretario xeral. En maio de 1984 constituíuse a corrente interna, Converxencia Sindical Nacionalista, que era un sector próximo ao PSG-EG, que maioritariamente proviña da CTG e a CSG e que en 1985 escindiuse e constituíu a Confederación Xeral de Traballadores Galegos. Nas eleccións sindicais de 1986 a INTG conseguiu 1.067 delegados, quedando por baixo da CXTG.

En maio de 1987 celebrou o seu III Congreso que elixiu a Manuel Mera como secretario xeral nun ambiente de tensión que se reflectiu nas eleccións para o secretariado, centradas nas relacións coa CXTG, no que concorreron tres listas, a lista próxima ao BNG conseguiu 6 membros, a próxima a FPG 3 e a de APU 1.

En 1990 formou coa CXTG a Converxencia Intersindical Galega para concorreren as dúas en coalición ás eleccións sindicais, que en 1994, ao se uniren definitivamente, transformouse na Confederación Intersindical Galega (CIG).

Voceiros O voceiro do sindicato era a publicación O Eixo. En marzo de 1986 saíu o primeiro número de Abrente, voceiro da Secretaría da Muller.

Galería de imaxes

Referencias

Categoría:Sindicatos de Galicia