O accidente de Monteagudo foi un accidente de aviación que tivo lugar o 22 de febreiro de 1944 no concello de Calvos de Randín. O aparello accidentado era un Lockheed Hudson do No. 48 Squadron da Royal Air Force que voaba dende Xibraltar ata Inglaterra con outros 12 avións.
O 48 Squadron levaba baseado en Xibraltar dende decembro de 1942, onde os seus Hudson realizaban tarefas de patrulla marítima no escenario do Mediterráneo. No día do accidente o escuadrón regresaba a Inglaterra para ser reequipado con Douglas Dakota e ser reconvertido nunha unidade de transporte que posteriormente participaría na operación Overlord.
Durante esa mesma misión outro Hudson (EW906) esnafrouse na Serra da Estrela portuguesa, preto da localidade de Loriga, morrendo tamén todos os seus ocupantes.
Accidente O feito tivo lugar no marco da segunda guerra mundial, tres meses antes do Día D. Unha aeronave británica, un Lockheed Hudson (Hudson EW916), transportaba artillaría desde Xibraltar cara a Londres. Na nave ían tres homes británicos, John William Simpson (31 anos), Ivor John Williams (33 anos) e George Benjamin Partt (22 anos), e tres canadenses, James Douglas Morgan (21 anos), Alexander Stalker (21 anos) e Alfred Ian Gregg (26 anos). O piloto, que saíra despedido enganchado ao asento, foi parar a unhas matogueiras próximas. Morreron tódolos pasaxeiros.
O suceso tivo lugar ás 4 da mañá. Logo de rozar un monte no concello de Montalegre, aínda en territorio portugués, chocou contra o curuto de Monteagudo, preto dos lugares de Vilar e Vilariño, na parroquia de Randín, a 40 metros da fronteira co país luso. Logo do segundo impacto, arrastrouse 800 m pola ladeira norte, deixando un rastro de lume. Explotaron os tambores de balas e os explosivos que levaba a aeronave, manténdose o incendio durante seis horas.
Luís García Mañá narra o suceso na súa novela Por que as sombras non teñen ollos publicada en Xerais no ano 2015.
Notas
Véxase tamén Outros artigos Accidentes aéreos en Galicia Ligazóns externas
Monteagudo Categoría:Calvos de Randín Categoría:Artigos de Galicia sen imaxes Categoría:Accidentes e incidentes de Douglas C-47 Skytrain Categoría:Accidentes e incidentes aéreos en 1944 Categoría:1944 en Galicia