Eduardo Dapena Lis, máis coñecido como Cholo, nado en Lourizán (Pontevedra) o 20 de novembro de 1933 e finado en Pontevedra o 27 de marzo de 2022, foi un futbolista galego. Xogaba de defensa e foi o capitán do Pontevedra nos anos de maior gloria do club, militando seis tempadas na Primeira División.
Traxectoria Comezou xogando ao fútbol nos infantís do San Lorenzo de Pontevedra, pasando logo polos equipos modestos do San Pedro, Camino Nuevo e Nodales, antes de recalar no Vilagarcía. Na tempada 1955/56 pasou ao Arousa, co que logrou ese ano o ascenso á Terceira División con Manolé no banco, e na seguinte un cuarto posto na categoría de bronce.
Para a tempada 1958/59 fichou xunto ao seu compañeiro Kaki polo Pontevedra, tamén da Terceira División. Disputou 60 partidos nas seguintes dúas tempadas, logrando na segunda delas, con Cuqui Bienzobas no banco, o ascenso á Segunda División. Xogou as seguintes tres tempadas na categoría de prata, sendo titular indiscutible na defensa, acompañado na maioría de partidos por Calleja e Pastor. Na tempada 1962/63, con Rafael Yunta como adestrador, o equipo logrou un histórico ascenso á Primeira División, ao proclamarse campión de Segunda.
Na tempada 1963/64 debutou na máxima categoría, ao mesmo tempo que o club, nun empate 1-1 contra o Zaragoza en Pasarón. Disputou case todos os encontros da tempada, sendo os seus compañeiros máis habituais na zaga Calleja, Batalla e Azcueta, pero o equipo acabou descendendo. Na seguinte tempada volvéronse proclamar campións de Segunda, regresando de novo á máxima categoría. Continuou cinco anos máis no club granate, sendo o capitán e un dos alicerces do "Hai que roelo", un equipo cunha forte solidez defensiva que fixo de Pasarón un fortín no que caeron derrotados os grandes equipos da liga, e que chegou a rematar oitavo na tempada 1967/68. Deixou o Pontevedra en decembro de 1969, despois dun total de 11 tempadas e media no club, nas que disputou 327 partidos oficiais e conseguiu un só gol, nun encontro fronte ao Las Palmas.
Compaxinaba o fútbol coa súa profesión de chofer, conducindo o trolebús que enlazaba Pontevedra con Marín.
Estatísticas ClubCategoríaTempadaPartidosGolesArosa SCTerceira División1955/56??Arosa SCTerceira División1956/57??Arosa SCTercera División1957/58??Pontevedra CFTerceira División1958/59270Pontevedra CFTerceira División1959/60330Pontevedra CFSegunda División1960/61320Pontevedra CFSegunda División1961/62310Pontevedra CFSegunda División1962/63300Pontevedra CFPrimeira División1963/64300Pontevedra CFSegunda División1964/65330Pontevedra CFPrimeira División1965/66240Pontevedra CFPrimeira División1966/67221Pontevedra CFPrimeira División1967/68330Pontevedra CFPrimeira División1968/69270Pontevedra CFPrimeira División1969/7050
Notas
Categoría:Nados en 1933 Categoría:Finados en 2022 Categoría:Nados en Pontevedra Categoría:Futbolistas de Pontevedra Categoría:Defensas de fútbol Categoría:Xogadores do Arosa SC Categoría:Xogadores do Pontevedra CF Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes